A participación da FGE no Pacto Europeo polo Clima
- O compromiso da Fundación Galicia Europa ten como obxectivo promover a posta en marcha do Pacto Verde Europeo, tanto a través da información e a formación como da sensibilización en temas relacionados coa transición verde.
En decembro de 2020, a Comisión Europea lanzou o
Pacto Europeo polo Clima, unha iniciativa enmarcada no
Pacto Verde Europeo. Esta iniciativa pretende reunir ás autoridades locais e rexionais, á industria e á sociedade civil para intercambiar información e facilitar a comprensión e implicación da cidadanía no Pacto Verde Europeo.
A Fundación Galicia Europa comprometeuse inicialmente a adherirse ao Pacto Europeo polo Clima coa fin de promover actividades de acción climática como a difusión de información, a formación e a sensibilización en relación aos obxectivos do Pacto Verde Europeo. Desta maneira, a FGE ratifica o seu compromiso de contribuír aos obxectivos do Pacto Europeo polo Clima e comprométese a compartir coa Comisión Europea toda a información necesaria para o seguimento dos avances da FGE na materia.
A FGE comprométese a alcanzar os seguintes obxectivos:
- Desde setembro de 2020 até decembro de 2021, a organización de polo menos 22 eventos en liña sobre o Pacto Verde Europeo baixo o nome "FGE | Next Generation Galicia". O noso obxectivo é conseguir a participación de polo menos 100 representantes da Xunta de Galicia, dos cales 50 asistirán a estes encontros máis dunha vez.
- De setembro de 2020 até decembro de 2021, formación específica no ámbito do Pacto Verde Europeo e transición ecolóxica mediante a organización de 6 edicións de "TecEuropa", un curso de formación sobre financiamento da UE dirixido a xestores de proxectos galegos. Todas as edicións de TecEuropa inclúen unha sesión de formación sobre o Pacto Verde Europeo. O noso obxectivo é formar a máis de 200 persoas en todo o período.
- Promoción de novos modelos de turismo sostible na rexión de Galicia, con especial atención ao Camiño de Santiago mediante a sensibilización da cidadanía galega sobre as posibilidades de avanzar cara a un turismo sostible a través da formación. O noso obxectivo é realizar polo menos dous cursos de formación en turismo sostible entre 2020 e 2021, reunindo a máis de 100 participantes. Ademais, a FGE tamén quere levar a perspectiva galega do turismo sostible ao ámbito do Comité Europeo das Rexións, dando apoio ao representante galego do CDR á hora de promocionar o Camiño de Santiago.
- Cooperación con asociacións xuvenís para promover os valores verdes. Un exemplo é a difusión de "Unha árbore por Europa" nas nosas redes sociais, unha campaña da asociación española "Equipo Europa". Neste sentido, o noso obxectivo é conseguir que un mínimo de 10 municipios galegos participen na campaña.
- Organización de eventos paralelos (actividades de acción climática, cursos de formación, exposicións, conferencias) para concienciar sobre o Pacto Verde Europeo. Por exemplo, en xullo de 2021, a FGE organizou en Santiago de Compostela unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo. O obxectivo da FGE era sensibilizar a polo menos a 100 cidadáns galegos.
- Difusión da plataforma "Count us in", mediante a publicación de consellos relacionados coa redución de gases de efecto invernadoiro. A finalidade é materializar a concienciación en accións concretas no día a día. O obxectivo é alcanzar polo menos 10.500 visualizacións grazas a 36 publicacións de "consellos climáticos".
- Difusión da coordinación do goberno galego na iniciativa do Pacto dos Alcaldes, así como na Alianza Galega polo Clima de Galicia. O obxectivo é informar a polo menos 100 cidadáns sobre o Pacto dos Alcaldes a través de diferentes canles (tanto TecEuropa como as reunións da "FGE | Next Generation Galicia", redes sociais...).
- No marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa, organización de eventos sobre o Pacto Verde Europeo dirixidos á mocidade. Entre 2020 e 2021, o obxectivo é organizar polo menos 4 eventos centrados na acción climática que reúnan a 100 mozos.
A Fundación Galicia Europa quere comprometerse, até finais de 2021, co obxectivo de promover o intercambio de información e facilitar a comprensión da cidadanía sobre os retos da transición verde, en liña cos seus obxectivos de informar, formar e sensibilizar sobre asuntos europeos.