Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin
O Programa TecEuropa é un dos principais proxectos que organiza e xestiona a Fundación Galicia Europa.jpg Ver máis...
Obxectivos
A Fundación Galicia Europa puxo en marcha en 2015 o programa de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa” cun dobre obxectivo:
  • Proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e ao terceiro sector de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles.
  • Crear unha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.
Actividades
O programa ten desenvolvido ata agora nove edicións consistentes en: 
  • Unha semana de estadía en Bruxelas, onde se proporciona formación teórica sobre as políticas da UE e os recursos financeiros que as apoian, complementándose con visitas ás institucións comunitarias e o contacto con funcionarios europeos. 
  • Dous días en Santiago de Compostela para a formación práctica na redacción de candidaturas e a xestión de proxectos europeos.
Beneficiarios
Persoal ao servizo das entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro galegas que traballan en proxectos europeos ou con fondos comunitarios nun sentido máis amplo. Parte das prazas resérvanse ao persoal das entidades membro do padroado da FGE: Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación, Deputación da Coruña, Deputación de Lugo, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Abanca.

Dende o seu lanzamento, TecEuropa reuniu a un total de 185 participantes, dos que un terzo provén do sector público autonómico, case unha trintena de entidades locais (desde pequenos municipios como Pontenova ou Vedra ata grandes como Lugo ou A Coruña), outros tantos de entidades sociais como COGAMI, 22 de deputacións, 17 das tres universidades galegas, 13 de entidades dedicadas á I+D+i como o CTAG ou o ITMATI, 9 de entidades transfronteirizas como a AECT-GNP, 3 de asociacións empresariais e 2 das cámaras de comercio. 

Este programa de especialización conta, por tanto, cunha participación moi variada que vencella diversas experiencias profesionais e puntos de vista sobre o uso dos fondos europeos en múltiples ámbitos.

Financiamento 
A Fundación Galicia Europa convoca en cada edición un número limitado de prazas de formación. Os participantes -seleccionados en función do interese da súa entidade, experiencia e formación- poden solicitar o reembolso dos gastos de aloxamento e manutención en Bruxelas. A asistencia ás actividades é gratuíta. 

Balance
Tras a súa participación no programa TecEuropa, os asistentes avaliaron positivamente a experiencia por: 
  • A oportunidade de obter información de primeira man sobre a actividade das institucións europeas.
  • A visión xeral ofrecida do financiamento comunitario.
  • O contacto establecido con persoas doutras entidades en Galicia que desenvolven proxectos europeos ou xestionan fondos comunitarios.
  • A posibilidade de poñer en común as experiencias de distintos actores en diferentes fases da execución dos fondos: autoridade de xestión, organismos intermedios, beneficiarios…
  • A ocasión que supón para reflexionar sobre a intervención pública e privada á hora de enfrontar retos en Galicia como o desemprego, o declive demográfico ou a loita contra o cambio climático.
Programa transversal aos eixos de traballo da FGE
TecEuropa responde ao obxectivo principal da FGE como entidade instrumental dependente da Xunta de Galicia: promover o achegamento entre Galicia e Europa. Trátase, ademais, dun programa transversal aos ámbitos de acción da FGE: 
  • Defensa dos intereses galegos perante a UE: o feedback obtido a través dos participantes en  TecEuropa é moi valioso para contribuír, por exemplo, ao debate sobre o orzamento comunitario despois de 2020 desde unha perspectiva galega.
  • Promoción da participación galega en proxectos europeos: a creación dunha rede de profesionais debe servir para aproveitar as experiencias duns e outros en beneficio de todos, co fin de deseñar mellores proxectos e, en suma, para conseguir un maior impacto dos fondos europeos en Galicia, tanto os de xestión compartida (EIE) como os de xestión centralizada (H2020, Life, Erasmus+, etc.)
  • Información e formación sobre a UE en Galicia: TecEuropa trata de mellorar as capacidades de distintos profesionais para que participen en proxectos de dimensión europea. 
Toda a información referente ás convocatorias de TecEuropa pode atoparse aquí:

Edicións de TecEuropa:

TecEuropa 2021
  • TecEuropa empresas: 
A XIII Edición de TecEuropa, celebrada entre o 8 e o 18 de xuño, foi a primeira dedicada na súa totalidade a entidades privadas galegas, como empresas, clústeres, cámaras de comercio ou entidades de apoio empresarial.

Ademais de profundar, da man de especialistas e de representantes da Comisión Europea, nos detalles do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027, do novo instrumento temporal de recuperación Next Generation UE e das políticas máis interesantes a nivel empresarial, como a Estratexia europea para pemes, os asistentes recibiron información sobre o programa de apoio á innovación das pemes, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e sobre as liñas de apoio ás empresas, do Instituto Galego de promoción Económica (IGAPE).

Consulta o programa desta edición na seguinte ligazón.

  • TecEuropa clásico: 
A XII Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 20 e o 30 de abril de 2021. Ao longo das cinco xornadas de duración do curso, os asistentes puideron abordar da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión Europea, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”, con especial fincapé nas transicións ecolóxica e dixital e en programas europeos como Horizonte Europa.

Ademais, esta edición contou coa participación do director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, quen explicou aos asistentes os traballos da comisión “Next Generation Galicia”, e de varias entidades galegas, que compartiron a súa experiencia en xestión de fondos europeos, como SOGAMA, a Fundación Juana de Vega ou Bioga.

Consulta o programa desta edición aquí.

  • TecEuropa local:
 A XI Edición de TecEuropa, destinada exclusivamente as entidades locais (como concellos e deputacións), celebrouse entre o 4 e o 12 de marzo de 2021. Contou 5 sesións matinais, nas que se  abordaron o Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación "NextGenerationEu", desde unha perspectiva local.

Consulta o programa desta undécima edición na seguinte ligazón.

TecEuropa 2020
  • TecEuropa clásico: 
A X Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 17 e o 27 de novembro. Por mor da Covid-19, esta edición de TecEuropa desenvólvese nun formato completamente en liña, con cinco sesións centradas no novo período financeiro 21-27 e no novo instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU.

Consulta o programa desta décima edición nesta ligazón.


Imaxes relacionadas

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante