Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
FONDO SOCIAL EUROPEO (FSE)
Programa Operativo FSE Galicia
2014-2020
O fondo financiará as seguintes prioridades de investimento clasificadas por obxectivos temáticos:
Así mesmo, o FSE ten como finalidade mellorar a accesibilidade, o uso e a calidade das tecnoloxías da información e da comunicación, fortalecer a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorar a competitividade e a sostibilidade a longo prazo das pemes, así como apoiar o cambio a unha economía de baixa emisión de carbono, adaptada ao cambio climático.
Ademais, os Estados membros apoiarán a cooperación transnacional coa finalidade de promover a aprendizaxe mutua, aumentando así a eficacia das políticas financiadas polo FSE.
En concreto, este fondo fai fincapé en tres ámbitos específicos, como son o fomento da igualdade entre homes e mulleres, a promoción da igualdade de oportunidades e a non discriminación, así como o impulso da innovación social.
Respecto ao fomento da igualdade entre homes e mulleres, establécese que a Comisión e os Estados membros deben promover a igualdade entre homes e mulleres mediante a integración da perspectiva de xénero ao longo da preparación, execución, seguimento e avaliación dos programas operativos. Con este obxectivo apóianse todas aquelas medidas dirixidas a promover a incorporación das mulleres ao emprego, loitar contra os estereotipos de xénero no mercado laboral e na educación, así como fomentar a conciliación da vida laboral e familiar.
Polo que se refire á promoción da igualdade de oportunidades, preténdese loitar contra todo tipo de discriminación, mellorando en especial a accesibilidade das persoas que teñan algún tipo de discapacidade, co fin de facilitar a integración na educación, na formación e no emprego, reducindo así as desigualdades en termos de nivel educativo.
Finalmente, o FSE intenta impulsar a innovación social de maneira que se logre ensaiar, avaliar e xeneralizar solucións innovadoras tamén a nivel local ou rexional. Con esta finalidade, colabórase con todos os socios pertinentes, incluíndo aos axentes sociais.
O FSE diríxese aos Estados membros. A estratexia e o orzamento do fondo decídese entre os Estados membros, o Parlamento Europeo e a Comisión. Sobre esta base, os Estados elaboran programas operativos para un período de sete anos que son logo postos en práctica a nivel nacional por unha autoridade de xestión. En último lugar, os recursos destínanse a unha ampla gama de organizacións, tanto do sector público como do privado (desde autoridades rexionais e locais, institucións educativas e de formación, institucións non gobernamentais, sindicatos, comités de empresa, industria e asociacións profesionais ata empresas individuais).
O financiamento do FSE canalízase a través dos Estados membros e as rexións. O FSE non financia proxectos directamente dende as institucións europeas en Bruxelas.
A dotación financeira é de máis de 80.000 millóns de euros destinados ao investimento en capital humano nos Estados membros, ademais de 3.221 millóns asignados á Iniciativa sobre Emprego Xuvenil. Cabe destacar que o obxectivo temático sobre a inclusión social conta cun mínimo do 20% dos recursos totais do FSE.
Na decisión da Comisión pola que se adopta o programa operativo establécese o importe máximo do financiamento correspondente ao FSE, en termos globais e tamén por categoría de rexións, para cada eixe prioritario.
Neste sentido, cabe mencionar que as rexións da UE están clasificadas en tres categorías de financiamento, baseadas no seu PIB rexional per cápita en comparación coa media da UE. Por iso, o nivel de financiamento do FSE e os tipos de proxectos que se financian difiren dunha rexión a outra en función da súa riqueza relativa.
No caso das rexións máis desenvolvidas, os Estados membros concentrarán, polo menos, o 80% da dotación do FSE asignada a cada programa operativo nun máximo de cinco das prioridades de investimento mencionadas no Regulamento. Por outra banda, as rexións en transición utilizarán para este efecto, polo menos, o 70% e as rexións menos desenvolvidas o 60%.
Galicia recibirá 853,8 millóns de euros do FSE, destes 313,1 serán xestionados pola Xunta a través do seu Programa Operativo.
Ademais das disposicións comúns sobre FSE, o goberno galego está a negociar a aprobación do Programa Operativo do FSE. Este ten por obxecto planificar a utilización dos fondos baixo xestión directa da Xunta de Galicia e decidir as prioridades de investimento nos eixos establecidos para o FSE. Tense previsto a súa aprobación en agosto ou setembro.
As entidades que desexen presentar proxectos para ser subvencionados polo FSE teñen que poñerse en contacto coa autoridade de xestión designada polo seu Estado membro. No caso de Galicia, trátase da Consellería de Facenda, e concretamente, a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos.
Comisión Europea. Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión (DG EMPL)
B-1049 Bruselas (Bélgica)
Ministerio de Emprego e Seguridade Social
Unidade Administradora del Fondo Social Europeo (UAFSE)
Pío Baroja 6
E-28009 Madrid
91 363 18 00
uafse@meyss.es
http://www.empleo.gob.es/uafse/
Consellería de Facenda. Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos
San Caetano, s/n - 15781 Santiago
dxfondos@conselleriadefacenda.es
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante