Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
DEREITOS, IGUALDADE E CIDADANÍA
Regulamento (UE) nº 1381/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, polo que se establece o programa “Dereitos, Igualdade e Cidadanía” para o período de 2014 a 2020
2014-2020
O obxectivo xeral do programa é contribuír a desenvolver un espazo no que se promovan, protexan e exerzan a igualdade e os dereitos das persoas contemplados nos Tratados constitutivos da Unión Europea, na Carta dos dereitos fundamentais e nos convenios internacionais de dereitos humanos que aplica a UE.
No tocante aos obxectivos específicos para a consecución deste obxectivo xeral, o programa subdivídese en dous grupos, de acordo coa dotación financeira que reciban as accións. Así, o grupo 1 de obxectivos específicos recibirá o 57% da dotación financeira e o grupo 2 de obxectivos específicos recibirá o 43%. En consecuencia, os obxectivos específicos quedan divididos do seguinte xeito:
Promover a aplicación efectiva do principio de non discriminación por motivos de sexo, orixe racial ou étnica, relixión ou crenzas, discapacidade, idade ou orientación sexual.
Previr e combater o racismo, a xenofobia, a homofobia e outras formas de intolerancia.
Promover e protexer os dereitos das persoas con discapacidade.
Promover a igualdade entre mulleres e homes, e avanzar na integración das cuestións de xénero nas distintas políticas.
Previr e combater toda forma de violencia contra nenos, mozos e mulleres, así como a violencia contra outros grupos de risco, en particular os grupos de risco en relacións de proximidade, así como protexer as vítimas deste tipo de violencia.
Promover e protexer os dereitos do menor.
Contribuír a garantir o máis alto nivel de protección da intimidade e dos datos persoais.
Promover e mellorar o exercicio dos dereitos derivados da cidadanía da Unión.
Permitir ás persoas, na súa condición de consumidores ou de emprendedores no mercado interior, exercer os seus dereitos derivados do Dereito da Unión, tendo en conta os proxectos financiados conforme ao Programa relativo aos consumidores.
O programa financia exclusivamente accións con valor engadido europeo, entre outras:
Actividades analíticas: recollida de datos e estatísticas; desenvolvemento de metodoloxías comúns; avaliacións; elaboración e publicación de guías, informes e material educativo; reunións de expertos e conferencias, etc.
Actividades de formación: intercambios de persoal, obradoiros, seminarios, desenvolvemento de ferramentas de formación en liña ou doutro tipo de formación;
Aprendizaxe mutua, cooperación, actividades de sensibilización e difusión: identificación e intercambio de boas prácticas, enfoques e experiencias innovadores; organización de revisións por homólogos e aprendizaxe mutua; campañas de información; compilación e publicación de material divulgativo sobre o programa e os seus resultados;
Apoio aos principais axentes: apoio ás ONG na execución de accións con valor engadido europeo, ás principais redes a escala europea e aos servizos harmonizados de valor social; apoio aos Estados membros na aplicación do Dereito e as políticas da Unión; e apoio ás actividades de creación de redes a escala europea entre organismos e entidades especializados e entre as autoridades nacionais, rexionais e locais e as ONG, incluído o apoio por medio de subvencións para actividades ou subvencións de funcionamento.
A participación no programa está aberta a todos os organismos e entidades legalmente establecidos nos Estados membros, os países da Asociación Europea de Libre Comercio (AELC) e os países candidatos, os candidatos potenciais e os países en vías de adhesión á Unión. Os organismos e as entidades con ánimo de lucro só poden acceder ao programa xunto con organismos sen ánimo de lucro ou organismos públicos. Ademais, tamén poden participar as organizacións internacionais que traballen nos ámbitos cubertos polo programa.
A dotación financeira para a execución do programa ascende a 439,5 millóns de euros.
A principios de cada ano publícase un programa anual no que se establecen as condicións e os requisitos específicos das convocatorias.
Comisión Europea. DG JUST
Rue Montoyer, 59. 1049, Bruxelas. Bélxica
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante