Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
Bruxelas, 9 de xaneiro de 2010. Co gallo da Presidencia española da UE no primeiro semestre de 2010, Galicia fíxolle chegar ao goberno español un documento cunha serie de prioridades que considera fundamentais para ser impulsadas neste período.
O goberno galego parte da base de que é importante recuperar o sentimento europeísta e darlle o impulso necesario ao Tratado de Lisboa para achegar a voz dos cidadáns a Europa. Esta idea é importante á hora de afrontar a crise económica e financeira, xa que axudaría a fortalecer Europa como actor global.
A idea do desapego dos cidadáns cara á UE pódese palpar máis facilmente desde as administracións rexionais e locais. Por iso, desde as comunidades autónomas pídeselle á Presidencia española que traballe no relativo ao principio de proporcionalidade e subsidiariedade. Tal e como se recolle no Tratado de Lisboa, os parlamentos rexionais con competencias lexislativas deberían poder colaborar cos parlamentos nacionais e controlar a correcta aplicación do principio de subsidiariedade nas normativas comunitarias. Ademais, no novo Tratado concédeselle ás comunidades autónomas a posibilidade de acudir ao Tribunal de Xustiza da UE no suposto de violación do principio de subsidiariedade.
As prioridades nas que Galicia fixo maior fincapé van desde o impulso das políticas de cohesión ata a redefinición de políticas como a pesqueira e a agrícola, pasando por achegas nas políticas sanitarias, económicas e sociais.
A continuación, preséntase un resumo da posición galega por políticas. Para ver o documento completo, prema aquí.
POLÍTICAS DE COHESIÓN
POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN
POLÍTICA AGRÍCOLA COMÚN
INDUSTRIA
SANIDADE
CULTURA
PROTECCIÓN CIVIL
MEDIO AMBIENTE
POLÍTICAS SOCIAIS
EMPREGO
A Presidencia española debe abordar os traballos relativos ao debate sobre o futuro da política de cohesión a partir de 2013. Galicia mostra especial interese nos seguintes aspectos:
• A creación de redes que axuden a reforzar o diálogo entre as rexións e a Dirección Xeral de Política Rexional. Desta forma, posibilitarase o seguimento dos avances da reforma e o apoio e asesoramento á Comisión Europea na definición da futura política rexional.
• A cooperación territorial, que é unha prioridade para o goberno galego, sobre todo no relativo as rexións transfronteirizas, como rexión pertencente ao maior espazo de cooperación transfronteiriza da UE.
• O lanzamento da rede CROWC (Convergence Regions On the Way to the Cohesion), impulsada por varias rexións que van abandonar o obxectivo de converxencia. Co obxectivo de non reducir drasticamente os fondos destas rexións e non pór en risco o investimento realizado, Galicia solicita á Presidencia española que realice os esforzos necesarios para que a Comisión Europea inclúa nas súas propostas lexislativas a asignación dunha axuda de transición para as rexións que abandonan por primeira vez este obxectivo.
POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN (PPC)
Durante o primeiro semestre de 2010, e coincidindo coa Presidencia española, a Comisión Europea fará un estudo das achegas recibidas sobre o Libro Verde adoptado no 2009 para a reforma da PPC. Cos resultados obtidos elaborará e lanzará unha proposta de lexislación que deberá ser aprobada posteriormente polo Consello. A Xunta quere aproveitar esta ocasión para lograr unha política comunitaria sostible desde unha perspectiva económica, social e ambiental, na que propugna que:
• Débese diferenciar claramente a pesca industrial (altura e gran altura) da de baixura e do marisqueo, xa que, en Galicia, as especificidades que teñen os diferentes campos de explotación do mar son fundamentais para o desenvolvemento do sector.
• Destácase a importancia de pór en marcha unha política que faga máis atractivo o traballo do mar á mocidade europea, así como avanzar na súa promoción.
• É importante axustar a normativa que fai referencia ás importacións de países que non estean suxeitos ás mesmas normas de sanidade e calidade que existen en Europa.
• Débese pór de manifesto a integración da acuicultura como alicerce fundamental na futura reforma da PPC, xa que é unha actividade que xera emprego de calidade e pode axudar á mellora da economía.
• Para rematar, Galicia cre que é especialmente urxente harmonizar e homologar as titulacións náutico-pesqueiras en todo o ámbito da UE, así como os criterios que marcan as tripulacións para que toda a flota pesqueira europea teña as mesmas oportunidades e compita en igualdade de condicións.
Debido á crise que están vivindo algúns sectores agrícolas reabriuse o debate acerca da reforma da Política Agrícola Común (PAC) e do seu futuro a partir de 2013. A Presidencia española debe impulsar esta reforma e ter en conta as dificultades ás que se está a enfrontar o sector lácteo:
• Galicia solicita que non se renuncie ao autoabastecimento estratéxico en produtos crave e que se compense debidamente aos produtores afectados, xa que asumiron importantes investimentos para poder desenvolver a súa actividade dentro da legalidade europea.
• A anunciada desaparición das cotas lácteas a partir de 2015, a implantación por primeira vez de axudas directas e en xeral as dúbidas suscitadas pola última reforma, fixeron a moitos gandeiros reducir a produción. A Xunta considera que a proposta da Comisión de eliminar as compensacións e reter aos produtores as cantidades correspondentes para dedicalas a un programa de abandono non sería unha mensaxe positiva de face ao 2015. Doutra banda, debido á crise, a Comisión contempla unha ampliación dos importes que poden recibir no marco do Regulamento dos minimis. Tendo en conta que Galicia ten máis do 50% das explotacións e está próxima ao 40% da cota, o esforzo financeiro a realizar para establecer a medida de forma equivalente a outras comunidades autónomas e outras rexións da UE sería moito maior e inabordable. A Xunta, polo tanto, sitúase en contra porque esta medida crea un elemento de tensión entre as autonomías e agravaría aínda máis a situación vulnerable do sector.
• Así mesmo, sería conveniente volver sobre os prezos da intervención do leite en po e da manteiga como medida para retirar do mercado os excedentes non absorbidos. O goberno galego avoga tamén por incrementar as axudas comunitarias para a subministración de leite e determinados produtos lácteos aos alumnos de centros escolares.
• Galicia cre que en materia de I+D+i é imprescindible continuar co fomento e o impulso da innovación en programas comunitarios (Programas Marco) co fin de mellorar a posición galega nesta materia, xa que se atopa lonxe da media europea e española.
• No que se refire a enerxía, a UE fixou o 2020 como data para conseguir que un 20% da enerxía que consomen os Estados membros proceda de fontes renovables. O goberno galego cre que sería conveniente deseñar sistemas específicos de apoio e promoción que desen confianza aos investidores e ás administracións rexionais.
• En materia de enerxía eólica, Galicia é un referente a nivel europeo e polo tanto súmase á aposta da UE polas enerxías renovables para contribuír ao desenvolvemento económico sostible.
• Mención aparte merece o sector naval, que se atopa vivindo unha delicada situación debido á crise económica e financeira. A Xunta solicita ao goberno español que leve a cabo as accións necesarias para eliminar o veto comunitario que impide incrementar a cota (actualmente non pode superar o 20% do total da produción ata o ano 2015) de produción de buques civís nas instalacións do estaleiro de Navantia en Fene (A Coruña).
O goberno galego aposta por dar un especial impulso aos dereitos básicos recollidos na Carta dos Dereitos Fundamentais (recoñecida como xuridicamente vinculante no Tratado de Lisboa):
• O dereito de toda persoa á prevención sanitaria e a que se garanta un alto nivel de protección da saúde das persoas. Así mesmo, débese traballar na protección da saúde pública en materia de tabaco e de alcol.
• O Tratado permitirá aos Estados membros reaccionar de forma coordinada no caso de alerta sobre ameazas transfronteirizas graves, como a gripe A. Para isto, débense definir claramente os servizos comúns de prestacións e servizos, especificar os supostos de autorización previa no país de orixe, ter uns estándares de calidade homoxéneos e uns sistemas de reembolso ou compensación de gastos.
• Finalmente, no ámbito europeo das enfermidades raras, Galicia considera necesaria unha difusión do coñecemento e dos avances sobre o seu diagnóstico e tratamento, así como o establecemento de centros de excelencia a nivel europeo, accesibles a todos os pacientes.
• Debido á coincidencia da presidencia española co Xacobeo 2010, a Xunta solicita o apoio de España na promoción do Ano Santo, así como na difusión das actividades culturais que se organizan en Bruxelas durante o primeiro semestre de 2010.
• As actividades obxecto de axudas e subvencións neste caso son basicamente actividades culturais, produtos que difunden a lingua, a cultura e as tradicións propias de Galicia como elemento singular do mercado.
• Galicia participa, ademais, a través da súa entrada "Galiciana" no proxecto de biblioteca dixital europea "Europeana". Trátase dunha iniciativa que pretende pór ao alcance de todos os cidadáns os contidos culturais multilingües sobre calquera soporte (impresos, audiovisuais, cartográficos, gráficos, sonoros, etc.), gardados en varias institucións.
• No ámbito da Mocidade e o Voluntariado, Galicia solicita que a Presidencia española facilite que o conxunto da mocidade europea poida participar activamente no Camiño de Santiago e as súas tradicións. A través do programa da Comisión Europea “Mocidade en acción”, Galicia pretende desenvolver un proxecto de voluntariado con Santiago como meta.
Galicia solicita que se concedan axudas económicas para a posta en marcha dos plans de emerxencia e reclama un maior apoio financeiro da Unión para os labores preventivos de planificación relacionadas coa protección civil.
Así mesmo, pide que o sistema de fomento da prevención e da planificación fágase a través de recomendacións e non de normas de obrigado cumprimento, dada a heteroxeneidade dos riscos existentes no territorio da UE e tamén a diferente organización dos dispositivos de urxencia e mesmo das administracións rexionais.
Galicia solicita á Presidencia española que teña en conta que a loita contra o cambio climático non debe levar implícito un freo ao desenvolvemento económico.
• Solicita que se reforcen as políticas de vixilancia operativa no mar e na atmosfera terrestre a través do programa GMES (Global Monitoring for Environment and Security) que ten como obxectivo establecer un sistema capaz de proporcionar información que axude a Europa a previr os fenómenos meteorolóxicos e a cumprir con políticas ambientais a escala local, rexional, nacional e mundial.
• En materia de conservación da natureza, Galicia propón a revisión do Plan de Acción para o desenvolvemento de programas que axuden á detención da perdida de biodiversidade e á adaptación dos ecosistemas ao cambio climático.
• Para rematar, busca a prevención, a pronta detención, o control e a erradicación rápida e a longo prazo das ‘especies invasoras alóctonas’. En canto ás especies en perigo de extinción, a Xunta fai fincapé nas especies de fauna das zonas atlánticas e propón o establecemento de plans de conservación de especies como a pita do monte, o salmón atlántico e a lamprea.
• Respecto das políticas e accións relativas aos menores, A Xunta cre que é preciso deseñar e pór en práctica políticas que axuden a previr os malos tratos, e sensibilizar á poboación sobre o desenvolvemento integral dos menores e das súas familias. Propón tamén revisar os obxectivos estratéxicos do Fondo Social Europeo de maneira que poida financiar tamén medidas de protección da infancia, os menores e a familia, non exclusivamente en relación coa súa inserción socio-laboral.
• O goberno galego propón á Presidencia española un novo indicador para medir e determinar a posta en práctica da estratexia europea para a Inclusión Social. Trátase da exclusión territorial, que impide a integración social e laboral das persoas que viven en zonas apartadas ou escasamente poboadas. O tamaño do territorio e a repartición dos habitantes neste espazo condicionan a prestación de servizos educativos, sanitarios, de transporte, etc. Os obxectivos de novas políticas sociais que abarquen o problema da exclusión territorial, deberían incluír a loita contra situacións de desigualdade nas áreas rurais, o fomento do emprego, o impulso da organización comunitaria e a creación de alternativas de inclusión sociolaboral adaptadas ao medio rural.
Ante a situación económica existente nestes momento, a Unión Europea debe fomentar políticas de emprego que permitan adoptar medidas que favorezan aos traballadores.
• Deberíanse revisar as directivas europeas destinadas a facilitar a mobilidade dos traballadores e das empresas entre os diferentes países do Espazo Económico Europeo. Isto permitirá facilitar o intercambio e reducir as trabas que aínda quedan neste ámbito, como o feito de que aspectos normativos que se aplican ás empresas españolas non poidan aplicarse ás empresas estranxeiras.
• O goberno galego considera prioritaria a modernización dos servizos públicos de emprego, para o que é necesario adaptar os modelos de currículo ao modelo europeo, crear un foro de discusión sobre as funcións destes servizos e abrir un debate sobre a regulación das axencias privadas de colocación (Axencias Privadas de Emprego- AEP).
• Dentro da rede europea de emprego (rede EURES, que facilita a incorporación de traballadores ao espazo europeo), a Xunta está interesada especialmente nas subredes chamadas EURES Transfronteirizas, que suman un total de 37 en toda Europa. Unha delas atópase en Galicia, a chamada Eures transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal. O goberno galego solicita que estas estruturas sexan reforzadas, dotándoas do persoal e os instrumentos necesarios para un funcionamento eficaz en todo o territorio da Unión Europea.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante