Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
Máis de 420 persoas téñense beneficiado dalgunhas das modalidades de bolsas de formación concedidas pola FGE, sexa para a realización de prácticas nas súas oficinas de Santiago e Bruxelas, de estadías dunha semana de duración na oficina de Bruxelas para empregados das entidades membros do Padroado, de cursos de postgrado sobre a UE ou de prácticas nas institucións comunitarias.
Dende a oficina de Santiago impúlsase a organización de cursos, xornadas e seminarios relacionados coa Unión Europea, para o cal se colabora con diversas entidades galegas (universidades, deputacións, Xunta de Galicia, Instituto de Estudos Políticos e Sociais...) e, en moitos casos, se procuran expertos e relatores do eido comunitario. A elaboración de proxectos europeos, a reflexión sobre o proceso de construción europea ou a información europea en Galicia son algúns dos temas abordados nos últimos actos deste tipo promovidos pola FGE.
O Día de Europa constitúe unha data clave para a realización de actividades en Galicia de sensibilización dos temas europeos. Con este motivo, nos últimos anos a oficina da FGE en Santiago ten organizado un concurso de fotografía para mozos, un concurso de pintura para nenos, unha exposición sobre a relación entre a Xeración Nós e Europa e un debate sobre o futuro de Europa, entre outros.
Por outro lado, a visita de grupos galegos de estudantes, asociacións ou diversos colectivos a Bruxelas para coñecer as institucións comunitarias é bastante frecuente. A oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas préstalles asesoramento para a organización da axenda e acolle a estes grupos na súa oficina para explicarlles de primeira man o papel de Galicia no entramado comunitario.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante