Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Bolsas de formación en prácticas sobre asuntos europeos para licenciados universitarios a realizar nas oficinas da Fundación Galicia Europa (2010)

Obxecto

Convócanse nove bolsas para a realización de prácticas na Fundación Galicia Europa dirixidas a licenciados universitarios. Estas actividades terán por obxecto que os adxudicatarios poidan especializarse en temas relacionados coa Unión Europea.

Datas

Os bolseiros comenzarán a súas prácticas o 20 de xaneiro de 2010 e rematarán o 20 de decembro de 2010.

Lugar

Das nove bolsas convocadas catro desenvolveranse en Santiago de Compostela e cinco na oficina desta entidade en Bruxelas (Bélxica). Os beneficiarios que resulten elixidos logo do proceso de selección poderán expresar, nun primeiro termo, a súa preferencia polo lugar de desfrute da bolsa. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da Fundación Galicia Europa de valorar a idoneidade dos candidatos para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica acreditada polo solicitante ou das necesidades de servizo da Fundación Galicia Europa.

Requisitos de admisión

  • Ser nacional dun dos Estados membros da Unión Europea.
  • Ter nado en Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 31.12.2007.
  • Estar en posesión dun título universitario superior, obtido nos cinco últimos anos.
  • Dominio dos idiomas galego e castelán.
  • Ter coñecementos dos idiomas inglés e/ou francés.
  • Non ter desfrutado de ningunha modalidade de bolsa de formación nas oficinas da Fundación Galicia Europa en convocatorias anteriores.

Descrición e obxecto das nove bolsas

8 bolsas de formación estarán destinadas ao seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas e a captación e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: Licenciatura en Dereito, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Políticas. Destas oito bolsas, catro estarán destinadas en Bruxelas e as outras catro en Santiago de Compostela.

1 bolsa de formación estará destinada á información e difusión das actividades da Fundación Galicia Europa, da Xunta de Galicia, e das empresas do sector público galego en Bruxelas. Estará reservada para licenciados en Ciencias da Comunicación. Esta bolsa estará destinada en Bruxelas.

Contía

A contía bruta individual das axudas para todo o período será de 11.000 euros para os licenciados en prácticas en Santiago de Compostela e de 13.160 euros para os destinados na sede de Bruxelas. Para estes últimos, establécese unha axuda complementaria de 400 euros en concepto de viaxe que se lles aboará unha vez comezadas as prácticas. O pago da bolsa dividirase en mensualidades.

Aqueles adxudicatarios que non finalicen o período de prácticas outorgado deberán reembolsar o 50% da contía equivalente a unha mensualidade completa. No suposto de non concederse todas as axudas ofertadas, o remanente orzamentario existente poderá incorporarse a calquera das modalidades do programa de actuacións que, con carácter xeral, convoca a Fundación Galicia Europa.

Prazo de presentación das solicitudes

A solicitude será remitida por correo certificado con acuse de recibo ou presentada no rexistro da Fundación Galicia Europa (R/ Feáns, 3C baixo 15706 – Santiago de Compostela, ou Rue de la Loi 38, 2º 1040 Bruxelles), ata o 9 de decembro de 2009. As solicitudes deberán presentarse no formulario anexo á convocatoria, xunto co Currículum Vitae, documentación que acredite o cumprimento dos requisitos e copia dos títulos que se valorarán no apartado “Proceso de selección”.

Non serán computables os méritos que non veñan acreditados documentalmente polos solicitantes, podendo ser rexeitadas as solicitudes presentadas.

Proceso de selección

O proceso de selección dos beneficiarios das bolsas constará de dúas partes: unha valoración da formación académica e laboral e unha proba práctica. Cada parte valorarase ata 10 puntos, sendo posible obter un máximo de puntuación no proceso de selección de 20 puntos.

Polo que se refire á formación académica e laboral, atenderase ao seguinte baremo (10 ptos) :

  • Expediente académico: ata 4 puntos.
  • Licenciaturas denominadas como preferentes no apartado V desta convocatoria: ata 1 punto.
  • Prácticas en institucións comunitarias ou noutras entidades públicas con actividade no eido comunitario: 0,10 puntos por mes ata un máximo de 1 punto.
  • Masters universitarios ou cursos de posgrao relacionados con asuntos europeos: ata 2 puntos.
  • Prácticas en empresas ou entidades similares relacionadas cos ámbitos comunitarios: 0,10 puntos por mes ata un máximo de 1 punto.
  • Cursos, seminarios e xornadas relacionados cos ámbitos obxecto das becas: ata 0,5 puntos.
  • Coñecementos de ofimática: ata 0,5 puntos.

A proba práctica constará de dous exames (10 ptos):

a) Un exame de coñecementos da Unión Europea redactado en galego.

b) Un exame de inglés e/ou un exame de francés.

A proba práctica desenvolverase simultaneamente en Santiago de Compostela e Bruxelas. A proba práctica terá lugar o día 17 de decembro de 2009 ás 10:00 horas na sede da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid 2-4, Polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela) e nas oficinas da FGE no caso do exame de Bruxelas.

Convocarase a esta proba a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de admisión antes mencionados. Para este fin, e con anterioridade a esa data publicarase nesta páxina web unha lista de admitidos.

As bolsas concederanse aos candidatos que obteñan as oito mellores puntuacións globais do proceso de selección tendo sempre en conta as bases da convocatoria, e á mellor puntuación para a bolsa reservada para os licenciados en Ciencias da Comunicación.

No caso de que algún ou algúns dos concesionarios da bolsa renunciasen á mesma procederase a conceder esta ao candidato inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección.

Os bolseiros que concluisen satisfactoriamente o seu período formativo recibirán a corrrespondente certificación acreditativa, na que constarán todos os termos atribuibles á estancia de prácticas así coma o seu aproveitamento.

As condicións particulares que acompañan a estas bases, (que poden ser consultadas no portal web da FGE ou solicitarse en calquera das súas oficinas) consitúen parte integrante da convocatoria e son, polo tanto, de obrigado cumprimento para todo aquel que concurra á mesma.  

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante