Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
REGLEG é o nome da Conference of European Regions with Legislative Power, unha asociación informal de rexións con competencias lexislativas da Unión Europea. O seu principal obxectivo é obter un maior recoñecemento político e xurídico para estas rexións, de acordo coas súas competencias e responsabilidades.
As rexións con poder lexislativo, moitas das cales teñen unha poboación e unha economía maior que a de certos Estados membros, posúen os seus propios gobernos e parlamentos, teñen con frecuencia responsabilidades comparables ás dos Estados membros nas áreas da súa competencia tanto no plano lexislativo, executivo como xudicial, e son responsables da directa transposición do dereito comunitario en aqueles ámbitos da súa competencia.
Antecedentes
Reunida por primeira vez en Barcelona os días 23 e 24 de novembro de 2000, co fin de preparar unha posición común ante a Conferencia Intergobernamental de 2000 para a reforma dos Tratados, a REGLEG mantivo unha intensa actividade dende entón, especialmente, no recente proceso de elaboración do Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa asinado o 29 de outubro de 2004 en Roma.
A especificidade destas rexións foi recoñecida na Declaración de Laeken, aprobada polo Consello Europeo de decembro de 2001, na que se prevía a convocatoria dunha convención que preparase os traballos para unha nova revisión dos Tratados e se invitaba ó Comité das Rexións a designar seis representantes na Convención, dous deles provenientes de rexións con competencias lexislativas. Na práctica, cinco dos seis membros da delegación do Comité das Rexións foron representantes de rexións con poder lexislativo, o que permitiu que importantes demandas da REGLEG foran finalmente recollidas no Tratado Constitucional.
Tal e como se establece na Declaración de Edimburgo, o Tratado Constitucional supón un importante paso adiante cara a unha total implicación das rexións con poder lexislativo no proceso de toma de decisións europeo, destacando o recoñecemento que o Tratado otorga ó papel das rexións, a mellor delimitación de competencias na Unión Europea, as disposicións que aseguran o respeto ao principio de subsidiariedade e o papel reforzado que atribúe ó Comité das Rexións.
Porén, recoñécese que aínda queda camiño por percorrer, polo que a REGLEG traballará para acadar maiores progresos e, en especial, unha disposición que permita aos Estados membros designar algunhas das súas rexións como "asociadas á Unión", que desfruten de dereitos específicos a nivel europeo, xa que estas rexións contan con competencias exclusivas e compartidas cos Estados membros.
Composición
Na actualidade forman parte da REGLEG 73 rexións1 de 8 Estados membros da Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Italia, Portugal e Reino Unido). Cada ano, unha rexión asume a presidencia da REGLEG e se encarga de organizar a Conferencia de Presidentes, froito da cal sae unha Declaración na que se recolle a orientación política básica da REGLEG. Ata o momento ostentaron a Presidencia Valonia (2001), Toscana (2002), Salzburgo (2003), Escocia (2004) e Baviera (2005).
A Presidencia é asistida no seu traballo por un Comité de Coordinación integrado por 20 membros e encargado de asegurar a continuidade das actividades da REGLEG. Galicia é membro deste Comité dende a sua constitución. A Fundación Galicia Europa proporciona asistencia ao representante da Xunta de Galicia neste Comité.
EnlacesMáis información na páxina de REGLEG
Conferencia de presidentes, Barcelona 2007
1 Baden-Württemberg, Renania-Palatinado, Nordhein-Westfalia, e Baviera, por Alemaña; Salzburgo e Tirol por Austria; Flandes e Valonia, por Bélxica; Cataluña, Extremadura, Galicia e País Vasco, por España; Illas Aland por Finlandia; Basilicata, Calabria Piamonte e Toscana; por Italia; Madeira por Portugal; e Escocia e Gales, por Reino Unido.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante