Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/02/2022

Oportunidades de prácticas na Unión Europea

5513F_1645779168_boy-studying-in-the-university-library.jpg
  • Os prazos de solicitude rematan durante o mes de marzo. 
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022. Desde a Fundación Galicia Europa, achegamos as diferentes oportunidades de prácticas en institucións e organismos da Unión Europea, como o Comité das Rexións ou o Comité Económico e Social, cuxo prazo de inscrición finalizan durante o mes de marzo. Poderás atopar diferentes perfís, desde dereito, ciencias políticas e economía até recursos humanos ou comunicación.

FORO EUROPEO DA XUVENTUDE
  • A data límite é o 6 de marzo.
O Foro Europeo da Xuventude é a principal organización europea que traballa pola defensa dos dereitos das persoas mozas, representando a máis de 100 organizacións xuvenís de toda Europa

Oferta unha praza de prácticas para traballar no seguimento das políticas europeas, a realización de informes sobre asuntos europeos e a participación en eventos internacionais que requiran a presencia da organización, entre outras funcións. Os requisitos que se solicitan, son:
  • Titulación universitaria en Ciencias Sociais, Dereito, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais ou similares.
  • Bo coñecemento do inglés.
  • Terase en conta a experiencia de voluntariado así como o coñecemento sobre a Unión Europea.
Consulta toda a información na seguinte ligazón

COMITÉ DAS REXIÓNS
  • A data límite é o 31 de marzo.
O Comité das Rexións é un organismo consultivo da UE composto por representantes a escala local e rexional dos Estados membros, que ten por obxectivo dar voz ás rexións e cidades europeas sobre a lexislación da UE. 

Actualmente, oferta bolsas de prácticas remuneradas durante un período de cinco meses en Bruxelas, onde a persoa solicitante poderá seleccionar até tres departamentos de interese do Comité. 

As persoas que queiran presentarse a esta convocatoria, deberán de reunir os seguintes requisitos:
  • Ser nacional dun Estado membro. 
  • Ter unha titulación universitaria.
  • Ter fluidez en dous dos idiomas oficiais da Unión Europea, tendo que ser un deles o inglés ou francés.
  • As persoas candidatas non poderán ter desfrutado máis de oito semanas consecutivas doutra bolsa ou contrato laboral nunha institución europea.
Consulta toda a información na páxina web do Comité das Rexións.

COMITÉ ECONÓMICO E SOCIAL EUROPEO
  • A data límite é o 31 de marzo.
O Comité Económico e Social Europeo é un órgano consultivo da Unión Europea composto por representantes das organizacións de traballadores/as e empresarios/as, así como doutros grupos de interese, que teñen por obxecto emitir ditames sobre cuestións da UE e actuar como ponte entre as institucións da UE con capacidade decisoria e a cidadanía europea. 

Actualmente, oferta bolsas de prácticas remuneradas por un período de cinco meses, tendo como data prevista de comezo o 16 de setembro. 

Para aplicar, ademais de ter interese polos eidos de actuación do Comité, as persoas candidatas terán que reunir os seguintes requisitos:
  • Ser nacional dun Estado membro.
  • Ter unha titulación universitaria.
  • Ter coñecemento en dúas linguas oficiais da Unión Europea, tendo que ser unha delas o inglés ou o francés.
Podes consultar máis información sobre esta oportunidade na seguinte ligazón.

GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA

Na Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais poderás atopar máis información sobre diferentes oportunidades dentro da Unión Europea e noutros organismos internacionais.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante