Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/07/2021

O Consello da luz verde aos primeiros desembolsos para a recuperación

5390F_1626787932_ernesto-velazquez-0Uyvgcnl83g-unsplash.jpg
  • Os plans de Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Eslovaquia, España, Francia, Grecia, Italia, Letonia, Luxemburgo e Portugal recibiron luz verde para o uso dos fondos de recuperación e  resiliencia da UE e así impulsar as súas economías e recuperarse das consecuencias da COVID-19
  • A Comisión remitiu ao Consello en xuño unha avaliación positiva dos plans destes doce países que xa solicitaron a prefinanciamento dos fondos asignados
  • As decisións que o Consello adoptou constitúen o último paso antes de que os Estados poidan celebrar acordos de subvención e de préstamo coa Comisión e comezar a recibir fondos que lles permitan executar os seus plans nacionais
Bruxelas, 20 de xullo de 2021. Os ministros de Economía e Facenda da UE adoptaron o primeiro lote de decisións de execución do Consello sobre a aprobación dos plans nacionais de recuperación e  resiliencia. Grazas a estas decisións, os Estados poden asinar acordos de subvención e de préstamo que permiten un prefinanciamento de ata o 13%.

A axuda financeira da UE procedente do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), dotado con 672 500 millóns de euros, ten por obxecto impulsar a recuperación económica de Europa apoiando as reformas e proxectos de investimento dos Estados membros. As medidas aprobadas nos plans nacionais céntranse en seis ámbitos de actuación establecidos no Regulamento polo que se establece o MRR; entre eles, a transición ecolóxica; a transformación dixital; o crecemento intelixente, sostible e integrador; e a cohesión social e territorial.

Entre as medidas que cada Estado pode adoptar para lograr a recuperación e reforzar a  resiliencia da UE atópanse, por exemplo, a  descarbonización da industria, a renovación de edificios, a dixitalización da administración pública e a reciclaxe profesional da poboación activa. Os plans abordan tamén as recomendacións específicas por país sinaladas no transcurso dos debates do Semestre Europeo de 2019 e de 2020.

Contexto e seguintes etapas
O MRR é o elemento principal de NextGenerationEU, o paquete de recuperación para revitalizar a economía da UE tras a pandemia e facer fronte ao mesmo tempo aos principais retos do noso tempo, como a transición climática e a transformación dixital. Para recibir axuda do MRR, os Estados deben presentar á Comisión os seus plans de recuperación e  resiliencia, que esta avalía en función das recomendacións específicas por país e dos seis piares do MRR.

Unha vez presentado un plan, e salvo que se acorde un aprazamento co Estado, a Comisión dispón de dous meses para avalialo e propoñer unha decisión de execución do Consello relativa á súa aprobación. Seguidamente o Consello examina a proposta nun prazo de catro semanas, por regra xeral. Tras a adopción da proposta de decisión, o Estado pode asinar acordos de financiamento bilaterais coa Comisión e recibir a prefinanciación acordada no prazo de dous meses.

Os demais desembolsos con cargo ao MRR basearanse nunha avaliación positiva da execución do plan de recuperación e resiliencia, tendo en conta o logro dos fitos e obxectivos que se recollen en cada plan.

Plan “España puede”
O Plan de Recuperación, resiliencia e transformación de España oriéntase a lograr un crecemento sostible e inclusivo mediante unha estratexia consistente e coordinada, desde o punto de vista temporal e tamén en relación co conxunto de instrumentos de política económica nacionais e comunitarios. A asignación dos novos instrumentos de financiación aprobados polo Consello Europeo ascende a un total de uns 140.000 millóns de euros, dos cales 69.500 millóns serán transferencias do MRR, aos que se sumarán os máis de 70.000 millóns en créditos. Ademais, conta cos 12.800 millóns de REACT-EU, os máis de 35.000 millóns dos fondos estruturais, a suma do resto de programas comunitarios, así como os 47.700 millóns da Política Agrícola Común para o mesmo período.

Este Plan incorpora unha importante axenda de investimentos e reformas estruturais, que se interrelacionan e retroalimentan para lograr catro obxectivos transversais: 
  • Unha España máis verde a través do reforzo do investimento público e privado para reorientar o modelo produtivo, impulsando a transición verde, a  descarbonización, a eficiencia enerxética, o despregamento das enerxías renovables, a electrificación da economía, o desenvolvemento do almacenamento de enerxía, a economía circular e a mellora da  resiliencia de todos os sectores económicos. 
  • En liña coa estratexia dixital europea e a Axenda España Dixital 2025, fixa a folla de roteiro para acelerar unha transición dixital humanista en España, a través de investimentos e reformas que potencien as infraestruturas, competencias e tecnoloxías necesarias para unha economía e unha sociedade dixital. 
  • Proporcionar a cohesión social e territorial de España, mediante o reforzo do Estado do benestar, do sistema educativo, o impulso do emprego de calidade, un sistema fiscal xusto, e con medidas especificamente orientadas a abordar o reto demográfico e a brindar oportunidades ás próximas xeracións. 
  • A igualdade de xénero, especialmente a través de medidas orientadas a elevar a taxa de emprego feminino, a mellorar, fortalecer e reorganizar o sistema de coidados de longa duración, a elevar o potencial educativo, a igualdade de oportunidades e a reducir a fenda dixital. 
Estes catro eixos orientan as dez políticas panca que determinan a evolución futura do país: Axenda urbana e rural, a loita contra o despoboamento e o desenvolvemento da agricultura (14.399 M€); o impulso as infraestruturas e os ecosistemas resilientes (10.400 M€); a transición enerxética xusta e inclusiva (6.385 M€); a promoción dunha administración para o século XXI que actúe como motor dos cambios tecnolóxicos (4.239 M€); a modernización e dixitalización do ecosistema das empresas (16.075 M€); o Pacto pola ciencia e a innovación e o reforzo do Sistema Nacional de Saúde (5.025 M€); a educación e o coñecemento, a formación continua e o desenvolvemento de capacidades (7.317 M€); a nova economía dos coidados e políticas de emprego (5.865,05 M€); o desenvolvemento da cultura e o deporte (825 M€); e unha modernización do sistema fiscal incrementando a progresividade e redistribución dos recursos para lograr un crecemento inclusivo e sostible (0 millóns). 

O plan consta de 30 compoñentes temáticos nos que se detallan as reformas e investimentos previstos, así como os fitos e metas aos que España se compromete coa UE para solicitar o desembolso das transferencias.

O Goberno de España publicou unha nova páxina web informativa dirixida a cidadáns, autónomos, pemes, empresas e organizacións interesadas en acceder aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

Máis información: Consejo de la UE
Plan de recuperación para Europa 
Mecanismo de Recuperación y Resiliencia (Comisión Europea)
Luz verde de todos los Estados miembros al gasto en recuperación de la UE 


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante