Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/10/2020

O novo Espazo Europeo de Investigación

5132F_1602070476_EEI.jpg

  • A creación do Novo Espazo Europeo de Investigación facilitará a cooperación e contribuirá a apoiar unha industria europea máis competitiva e innovadora que asuma riscos para configurar un futuro resiliente, ecolóxico e dixital.
Bruxelas, 7 de outubro do 2020. A Comisión Europea presentou unha Comunicación sobre o novo Espazo Europeo de Investigación (EEI), baseado na excelencia, co obxectivo de mellorar o panorama da investigación e a innovación en Europa, incentivando unha mellor coordinación entre a Unión, os seus Estados membros e o sector privado. O EEI acelerará a transición da UE cara á neutralidade climática e o liderado dixital, apoiará a súa recuperación do impacto social e económico da crise do coronavirus e reforzará a resiliencia fronte a futuras crises. Nele preséntanse catro obxectivos estratéxicos:


1. Dar prioridade aos investimentos e reformas en investigación e innovación cara á transición ecolóxica e dixital, a fin de apoiar a recuperación de Europa e de incrementar a competitividade.

O apoio da UE á investigación e a innovación proporcionarase a través de varios programas, como Horizonte Europa, a política de cohesión e Next Generation EU.

Para lograr o cambio positivo necesario e garantir a calidade dos resultados, o apoio da UE debe complementarse con investimentos dos Estados membros e do sector privado.

O novo EEI reafirma o obxectivo de investir o 3 % do PIB en investigación e innovación da UE e insta a unha maior cooperación entre os Estados membros e á harmonización dos esforzos nacionais, fixando para 2030 o obxectivo de destinar o 5 % do financiamento público nacional a programas conxuntos de investigación e desenvolvemento e a asociacións europeas.


2. Mellorar o acceso a instalacións e infraestruturas de alta calidade para os investigadores de toda a UE.

O investimento en investigación e innovación dos Estados membros segue sendo desigual, o que se traduce en lagoas na excelencia científica e nuns resultados da innovación que deben corrixirse.

A Comisión propón que os Estados membros que non alcancen o investimento medio da UE en investigación e innovación con respecto ao PIB dirixan os seus esforzos para aumentar os seus investimentos nun 50 % no próximos cinco anos.

A tal fin, crearanse oportunidades de mobilidade para que os investigadores accedan á excelencia e amplíen a súa experiencia a través de formación especializada e de programas de mobilidade entre a industria e o mundo académico.


3. Transferir os resultados á economía para impulsar os investimentos empresariais e a asimilación polo mercado dos resultados da investigación, e para fomentar a competitividade e o liderado da UE na contorna tecnolóxica mundial.

Con vistas a apoiar a aplicación da nova estratexia industrial, a Comisión fomentará o desenvolvemento de plans tecnolóxicos comúns coa industria que permitan atraer máis investimentos privados para fomentar o desenvolvemento de tecnoloxías competitivas en ámbitos estratéxicos clave, á vez que se garante unha maior presenza europea na escena mundial.

Paralelamente, a Comisión estudará a posibilidade de desenvolver un marco de creación de redes que se base en entidades e capacidades existentes, como centros de excelencia ou Hubs de innovación dixital, a fin de facilitar a colaboración e o intercambio de mellores prácticas de aquí a 2022.


4. Reforzar a mobilidade dos investigadores e a libre circulación de coñecementos e tecnoloxía, mediante unha maior cooperación entre os Estados membros, para garantir que todos se beneficien da investigación e dos seus resultados.

A UE tratará de mellorar as oportunidades de desenvolvemento profesional para atraer e reter aos mellores investigadores en Europa, así como para incentivar aos investigadores para seguir unha carreira fora do ámbito académico. A tal fin, tamén proporcionará, a finais de 2024, en colaboración cos Estados membros e as organizacións de investigación, un conxunto de ferramentas de apoio ás carreiras dos investigadores.

En definitiva, a UE traballará para alcanzar eses obxectivos estratéxicos, en estreita cooperación cos Estados membros, a través de catorce acciones que están vinculadas entre si e que serán decisivas para a realización do Espazo Europeo de Investigación. Ademais, a Comisión impulsará un Foro Europeo para a Transición, un foro de debate estratéxico cos Estados membros que lles axudará na aplicación coherente destes catro obxectivos.

Así mesmo, a Comisión propoñerá, antes de que termine o primeiro semestre de 2021, que os Estados membros adopten un Pacto para a Investigación e a Innovación en Europa, que reforzará o seu compromiso coas políticas e principios compartidos e indicará os ámbitos nos que desenvolverán conxuntamente accións prioritarias.

Como parte das súas iniciativas para apoiar a recuperación e construír unha Europa ecolóxica e dixital, a Comisión, ademais do novo Espazo Europeo de Investigación, tamén adoptou hoxe un novo Plan de Acción de Educación Dixital, a fin de adaptar os sistemas de educación e formación á era dixital, así como unha Comunicación sobre o Espazo Europeo de Educación como motor da creación de emprego e o crecemento.


Fonte: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante