Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/03/2022

A igualdade de xénero rexión por rexión

5520F_1646733257_FemDI.jpg Ver máis...
  • A Comisión Europea presenta os seus dous primeiros índices para trazar o estado da igualdade de xénero nas rexións europeas: o índice de rendemento feminino e o índice de desvantaxe feminina.
  • Galicia é a terceira rexión con menor desvantaxe feminina e atópase entre as mellores no relativo ao rendemento feminino a nivel rexional.

Bruxelas, 8 de marzo de 2022. Dous novos índices estatísticos compostos desenvolvidos polo Centro Común de Investigación da UE mostran en que rexións da UE as mulleres obteñen máis logros e en cales sofren máis desvantaxe en comparación cos homes. Trátase de: 
  • O Índice de Rendemento Feminino (FemAI), que mostra o nivel de éxito das mulleres en comparación cos mellores resultados rexionais. O FemAI varía entre 0 (logros máis baixos) e 100 (logros máis altos)
  • O Índice de Desvantaxe Feminina (FemDI), que avalía o nivel de desvantaxe feminina medindo se as mulleres obteñen peores resultados que os homes na mesma rexión. A mellor puntuación é 0 (ningunha desvantaxe) e a peor é 100 (maior desvantaxe). 
Estes dous índices son os primeiros que tratan de reflectir o estado da igualdade de xénero a nivel rexional na UE. Os logros e desvantaxes das mulleres avalíanse nas 235 rexións europeas (nivel NUTS 2, que se corresponde coas comunidades autónomas en España).

Medición do impacto
FemAI e FemDI puntúan os logros e as desvantaxes nunha escala de 0 a 100 en sete ámbitos: “Traballo e diñeiro”, “Coñecemento”, “Tempo”, “Poder”, “Saúde”, “Seguridade e confianza” e “Calidade de vida”.

O ámbito “Traballo e diñeiro” mide ata que punto as mulleres e os homes poden beneficiarse da igualdade de acceso ao emprego e boas condicións de traballo, e avalía as desigualdades de xénero nos recursos financeiros. O “Coñecemento” avalía as desigualdades de xénero nos resultados educativos, a participación na educación e a formación, a segregación de xénero e o abandono escolar. A forma na que as mulleres e os homes participan nas actividades sociais mídese no ámbito “Tempo”, mentres que a igualdade de xénero na toma de decisións políticas avalíase no apartado “Poder”. A “Saúde” mide o estado de saúde e o acceso aos servizos sanitarios. A “Seguridade, protección e confianza” mide as percepcións dos cidadáns sobre a súa seguridade persoal e a confianza que senten cara á súa familia, o seu círculo social e as autoridades. O último ámbito do marco refírese á “Calidade de vida” e a satisfacción vital das mulleres en comparación cos homes.

Ademais, as puntuacións baséanse en 33 indicadores divididos entre estes sete ámbitos. Por exemplo, ”Tempo” utiliza catro indicadores para medir o grao de participación das mulleres en actividades deportivas, culturais ou de lecer fóra do fogar en comparación cos homes. 

Principais conclusións a nivel europeo
Estes índices fixéronse públicos en outubro de 2021 e revelan, en xeral, que as mulleres conseguen mellores resultados e enfróntanse a menos desvantaxes de xénero nas rexións máis desenvolvidas, pero teñen perspectivas máis limitadas nas rexións menos desenvolvidas. Os mellores resultados danse nas rexións situadas ao redor das capitais e nas rexións con mellores resultados económicos, mellor índice desenvolvemento humano e mellores gobernos.

Case a metade da poboación da UE vive nas rexións con mellores resultados, onde as mulleres teñen un rendemento superior á media e unha desvantaxe inferior á media. Estas rexións atópanse sobre todo no noroeste de Europa e en España: as catro rexións coa menor desvantaxe son Auvernia, en Francia, seguida das rexións españolas da Rioxa e Galicia e a rexión capital de Finlandia (Helsinqui-Uusimaa).

As rexións nas que as mulleres obteñen moitos logros pero teñen grandes desvantaxes, albergan a un 11% dos residentes da UE. Atópanse en República Checa, Eslovenia e o Noroeste de Europa. Un 4% dos europeos viven en certas zonas onde as mulleres obteñen menos resultados pero, ao mesmo tempo, apenas sofren desvantaxe respecto aos homes, é dicir, que os homes tamén obteñen pobres resultados.

Por último, o baixo rendemento e alta desvantaxe feminina atópase sobre todo nos países do Leste e do Sur da UE, onde cabe destacar que as mulleres de Grecia e Romanía son as máis desfavorecidas de todas as rexións en comparación cos homes. Máis dun terzo da poboación europea vive nestas zonas.

Situación en Galicia
Neste informe Galicia móstrase cuns indicadores bastante positivos tanto no FemAI como no FemDI.

Concretamente, a rexión galega obtivo unha puntuación total de 63,8 no FemAI (a máxima puntuación obtida foi 78,8). Isto sitúaa nunha posición bastante alta no que respecta á media europea, concretamente, no número 79 das 235 rexións europeas. Entre os diferentes indicadores avaliados, cómpre salientar que se atopa entre as rexións con mellor valoración no indicador de saúde, cun 91 sobre 100. 

Como se avanzou anteriormente, Galicia é a terceira rexión a nivel europeo co menor índice de desvantaxe de xénero, cunha puntuación de 13,5 no FemDI. Entre os distintos indicadores, cómpre destacar que Galicia ten a puntuación mínima (0/100) no indicador “Coñecemento”, é dicir que non existe desvantaxe feminina en materia de resultados educativos, a participación na educación e a formación ou o abandono escolar.

Máis información: Comisión Europea
Mapa de género.


Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante