07/03/2022
Comeza o proceso de elaboración da Carta Europea da Xuventude e da Democracia
- Durante o 2022, levaranse a cabo diferentes actividades para favorecer que a xuventude exprese as súas ideas e poder debater cos representantes locais e rexionais e outras partes interesadas.
Esta iniciativa, en colaboración co Foro Europeo da Xuventude, busca construír e consolidar un espazo democrático no que a voz da xuventude europea se vexa representa de maneira continuada e permanente na Unión Europea. A este respecto, a
declaración publicada de maneira conxunta polo Comité das Rexións e o Foro Europeo da Xuventude explica que o funcionamento democrático da UE require dunha maior participación de rexións, cidades e pobos, pero tamén precisa fortalecer o compromiso democrático da cidadanía e, particularmente, a cuventude.
Para cumprir co obxectivo da Carta, levaranse a cabo diferentes procesos participativos ao longo deste ano (2022) como conferencias, obradoiros ou consultas en liña, para favorecer que a xuventude exprese as súas ideas e poder debater cos representantes locais e rexionais e outras partes interesadas.
O Comité Europeo das Rexións e o Foro Europeo da Xuventude piden ás institucións europeas e á xuventude que colaboren neste proceso de construción ascendente e que presenten recomendacións concretas relativas á participación democrática deste colectivo na vida social, política e cívica nos diferentes niveis de goberno (local, rexional, nacional e europeo).
O proceso de co-creación desta Carta, posto en marcha durante o Cumio Europeo de Rexións e Cidades, desenvolverase até finais de 2022, celebrándose un acto de presentación e sinatura no seo do Comité das Rexións en decembro deste ano.
MÁIS INFORMACIÓN