03/03/2022
Galicia únese á condena europea ao ataque de Rusia a Ucraína
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representa a Galicia no Cumio que o Comité Europeo das Rexións está a celebrar esta semana en Marsella
- Galicia pide xunto aos representantes rexionais e locais de Europa que se inicie o proceso para conceder a Ucraína o estatuto de país candidato a entrar na Unión Europea, a activación do Mecanismo Europeo de Protección Civil e o apoio da Unión ás rexións transfronteirizas con Ucraína para poder asistir aos refuxiados
- A Xunta lembra a necesidade de coordinación desde o Goberno central para o envío de axuda humanitaria e a acollida de refuxiados
Marsella, 3 de marzo de 2021.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acompañado da directora da oficina da Fundación Galicia europa en Bruxelas, Ana Ramos, está a representar hoxe a Galicia no Cumio que o Comité Europeo das Rexións (CdR) celebra esta semana na localidade francesa de Marsella.
Na véspera do inicio deste cumio, o órgano de goberno do CdR acordou unha declaración conxunta na que condena a “agresión militar non provocada e inxustificada perpetrada polo presidente ruso, Vladimir Putin, contra o Estado independente de Ucraína” e solicita que se inicie o proceso para conceder a Ucraína o estatuto de país candidato a entrar na UE.
Destacando que ”as cidades e rexións ucraínas son os nosos socios directos”, o CdR mostra a súa solidariedade co pobo ucraíno e pide que a UE active o seu Mecanismo de Protección Civil para que se poida prestar asistencia inmediata á cidadanía ante o que consideran “unha violación do Dereito Internacional que pon en perigo a seguridade e estabilidade europeas”. Así mesmo, pide o apoio da Unión ás rexións transfronteirizas con Ucraína co fin de axudar ás autoridades a acoller e axudar aos refuxiados.
Cómpre lembrar que a Xunta mantén o contacto co Goberno central para artellar e coordinar mecanismos de axuda a Ucraína no que se refire tanto ás as posibles liñas de resposta perante a emerxencia humanitaria como á acollida de refuxiados. Nesta liña, a Xunta trasladará ao Goberno central unha listaxe de recursos dos que dispón para acoller refuxiados do conflito, ademais de habilitar arredor de 500 camas nas sete áreas sanitarias para responder ás súas necesidades sanitarias.
O Cumio Europeo das Rexións e Cidades
Cada dous anos o Comité Europeo das Rexións organiza un cumio para debater sobre os retos da Unión Europea dende un punto de vista rexional e local. Esta novena edición, que ten lugar en Marsella os días 3 e 4 de marzo coincidindo coa Presidencia francesa da UE, reúne a 2.000 líderes internacionais, nacionais, locais e rexionais co obxectivo de adoptar as súas demandas finais de cara a Conferencia sobre o Futuro de Europa, o proceso de reflexión iniciado en maio do ano pasado que rematará esta primavera. Unha das principais demandas do CdR refírese, precisamente, ao fortalecemento dos fundamentos democráticos da UE para que protexa, apoie e mellore a vida de todos os cidadáns dentro e fóra das fronteiras da UE.
O programa do Cumio estrutúrase en torno a catro grandes temas : os retos sociais, a cohesión e a recuperación, a democracia europea e o compromiso dos xoves cos valores europeos co gallo do Ano Europeo da Xuventude. Entre outros, participarán comisarios como Elisa Ferreira ou Margaritis Schinas, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Banco Europeo de Investimentos, Werner Hoyer.