01/03/2022
Publicado o oitavo informe sobre a cohesión económica, social e territorial europea
- Sobre a base dos feitos e as cifras, o informe ofrece un resumo do estado e a evolución do desenvolvemento nas rexións da UE, así como dos retos aos que se enfrontan.
- O informe alerta da “trampa de desenvolvemento” en que se atopan algunhas rexións europeas
- Galicia é unha das rexións da UE que máis medrou de forma continuada durante as dúas primeiras décadas do século XXI
Bruxelas, 1 de marzo de 2022. A Comisión Europea vén de publicar o seu oitavo informe de cohesión no que se presentan os principais cambios nas disparidades territoriais ao longo do último decenio e a forma en que as políticas afectaron a estas disparidades.
Este novo informe, que se publica cada tres anos, destaca o potencial das transicións ecolóxica e dixital como novos motores de crecemento da UE, pero sostén que, sen unha actuación política adecuada, poden xurdir novas disparidades económicas, sociais e territoriais. Así mesmo, o informe reflexiona sobre como debe evolucionar a política de cohesión para responder a estes retos e, en particular, sobre como garantir que os enfoques locais, multinivel e dirixidos polo principio de asociación sigan mellorando a cohesión, á vez que se integran os obxectivos de cohesión noutras políticas e instrumentos.
Valoración da política de cohesión
O informe avalía positivamente a política de cohesión ata o de agora, destacando os seguintes logros:
- Contribuíu a reducir un 3,5 % a fenda entre o PIB per cápita do 10 % das rexións menos desenvolvidas e do 10 % das rexións máis desenvolvidas.
- Desempeña un papel crucial no apoio ás transicións dixital e ecolóxica a nivel local e rexional. As infraestruturas de transporte ou de tecnoloxías da información por si soas non conducen automaticamente a maiores taxas de crecemento. A política de cohesión, co seu enfoque integrado, é fundamental, por exemplo, para axudar á PEME e para formar ou reciclar aos traballadores.
- Os Estados membros e as rexións puideron facer fronte máis facilmente á desaceleración económica e a peor crise dos últimos tempos. No entanto, a política de cohesión debe volver á súa misión orixinal de reducir as disparidades rexionais e promover o desenvolvemento rexional a longo prazo.
- A política de cohesión converteuse na fonte de investimento máis importante, pasando de supoñer o 34% do investimento público total no período de programación 2007-2013 ao 52% no período 14-20. En países como Portugal ou Hungría, os fondos chegaron a supoñer o 90% do investimento público total. En España, representa un 20%, cun aumento de case 10 puntos en relación co período anterior
Principais conclusións do informe dende unha perspectiva galega- Galicia é unha das rexións que máis medrou da UE nas dúas primeiras décadas do século XXI, cun 1,6% anual (mapa 1) . Entre 2001 e 2019, as rexións menos desenvolvidas de Europa oriental aproximáronse significativamente ao resto da UE. Con todo, moitas rexións de renda media e menos desenvolvidas sufriron un estancamento ou declive económico, no que o informe denomina “trampa” de desenvolvemento.
- O emprego aumentou, pero as disparidades rexionais seguen sendo maiores que antes de 2008 (mapa 3). A taxa de emprego actual é do 72,3%, sendo o obxectivo para 2030 acadar o 78%. En España, a maioría de comunidades autónomas están por debaixo do 66%. Galicia sitúase nun 66,8%.
- O número de persoas en risco de pobreza ou exclusión social diminuíu en 17 millóns entre 2012 e 2019, debido, sobre todo, á diminución de pobreza severa nos Estados do Leste. En España esta diminución foi de 6,2 puntos, algo por debaixo da media europea (7,9). A pandemia fixo que, en 2020, o número de persoas nesta situación aumentase en 5 millóns. O obxectivo para 2030 é reducir en 15 millóns o número de persoas en risco de pobreza respecto de 2019, o que esixiría manter o ritmo de redución anterior a 2020. Cos datos de 2019, en Galicia un 24,3% da poboación está en risco de pobreza ou exclusión, case 4 puntos por riba da media europea, e un 11,2 atópase en privación material e social severa, por debaixo da media europea (12,4) .
- A fenda rexional en materia de innovación aumentou en Europa debido á falta de investimento en I+D e ás deficiencias nos ecosistemas de innovación das rexións menos desenvolvidas. 15 países superan o 100% do marcador de innovación rexional mentres que España se sitúa no 95% , cunha gran diferenza entre CCAA que vai desde o 33 ao 103%. Galicia é considerada unha rexión moderadamente innovadora situándose nun 90,66.
- A poboación da UE está a envellecer e empezará a diminuír nos próximos anos. En 2020, o 34 % da poboación da UE vivía nunha rexión na que a poboación se está reducindo, como é o caso das catro provincias galegas (mapa 6.1) Prevese que esta cifra alcance o 51 % en 2040. O informe alerta de que a falta de oportunidades nestas zonas pode alimentar o euroescepticismo. Galicia atópase entre as rexións españolas con maior esperanza de vida, con 84 anos de media, tres puntos por riba da media europea (mapa 6.2). Espérase que a proporción de maiores de 65 anos sobre a poboación total aumente un 18% nesta década mentres que a poboación máis nova diminuirá nun 5%. Con todo, esta media esconde grandes diferenzas entre rexións. A poboación maior de 65 anos incrementarase en máis dun 25% nunha de cada cinco rexións europeas e, pola contra, a poboación en idade de traballar diminuirá en máis do 10% nunha de cada catro rexións europeas (mapa 6.5). As CCAA acusan, polo xeral, esa tendencia máis acusada.
- O informe menciona a Galicia especificamente en dous apartados: no relativo a igualdade xénero (5.3), no que destaca que é unha das catro rexións europeas onde a muller sofre menos desvantaxe, e no relativo á competitividade rexional (4.1), salientando o seu bo nivel de investimento estranxeiro directo, xunto co País Vasco, Cataluña e Andalucía, a pesar de que España, no seu conxunto, se atopa no grupo de países con menor integración nas cadeas de valor globais.
- No apartado relativo á loita contra o cambio climático, o mapa 3.1 amosa como as emisións de CO2 procedentes dos combustibles fósiles en Galicia son similares a media europea, algo máis de 7 toneladas de CO2 equivalente per cápita.
Próximas etapas
O oitavo informe sobre a cohesión alimentará os debates do próximo
Foro de Cohesión (os días 17 e 18 de marzo) no que se debaterá o modo en que a política de cohesión pode garantir que ningunha rexión quede atrás e que todas elas poidan aproveitar os beneficios das transicións ecolóxica e dixital.
Contexto
Cada tres anos, a Comisión publica un informe sobre a cohesión económica, social e territorial na UE, no que se detallan os avances nestes ámbitos e o papel da UE como motor do desenvolvemento rexional. O informe analiza a evolución da cohesión na UE baseándose nunha ampla gama de indicadores, como a prosperidade, o emprego, os niveis de educación, a accesibilidade, a gobernanza e a situación das rexións en relación coa transición ecolóxica e dixital.