17/02/2022
HERA pon en marcha o seu primeiro plan de traballo
- A HERA é un piar fundamental da Unión Europea da Saúde, xa que garante que a UE teña a capacidade de responder con determinación ás emerxencias sanitarias transfronteirizas.
- Ademais, a HERA funciona como actor crave a escala mundial á hora de reforzar a preparación e a resposta global fronte ás crises sanitarias, ao asegurarse de que os países de todo o mundo sexan capaces de producir vacinas, medicamentos e subministracións médicas en momentos de necesidade.
- O plan de traballo da HERA para 2022 conta cun orzamento de 1 300 millóns de euros e inclúe medidas significativas para continuar avanzando no ámbito sanitario da súa competencia.
Bruxelas, a 17 de febreiro de 2022. A nova
Autoridade de Preparación e Resposta fronte ás Emerxencias Sanitarias (HERA) da Unión Europea acaba de presentar o seu primeiro plan de traballo anual, que contará cun orzamento de 1 300 millóns de euros para 2022. O labor desta autoridade é tratar de previr emerxencias sanitarias transfronteirizas e, no caso de que se produzan, estar preparada e reaccionar rapidamente fronte a elas.
Unha vez adoptado o plan de traballo de 2022 por parte do Consello da HERA, esta nova autoridade pode empezar a aplicar medidas para reforzar as capacidades de preparación e resposta fronte ás emerxencias dentro da UE, facer fronte ás vulnerabilidades e as dependencias estratéxicas, e contribuír a potenciar a arquitectura mundial no ámbito das emerxencias sanitarias.
Como piar clave dunha
Unión Europea da Saúde forte, a HERA fixouse unha serie de resultados ambiciosos para 2022, tanto no contexto da resposta actual á COVID-19 como no da preparación fronte a posibles ameazas futuras para a saúde.
Previr futuras emerxencias sanitarias transfronteirizas e prepararse para elas: Na «fase preparatoria», a HERA colaborará estreitamente con outras axencias sanitarias nacionais e da UE, a industria, a comunidade investigadora, a sociedade civil e algúns socios internacionais para mellorar a preparación da UE fronte a futuras emerxencias sanitarias. Entre as actuacións que ten previstas, están as seguintes:
- comprar e almacenar contramedidas médicas (é dicir, medicamentos, produtos sanitarios e outras prestacións no terreo da saúde) que permitan facer fronte a unha serie de ameazas para a saúde pública, cun orzamento de máis de 580 millóns de euros;
- dedicar máis de 300 millóns de euros á investigación e o desenvolvemento de contramedidas médicas e de tecnoloxías innovadoras contra as ameazas emerxentes;
- implantar unha rede de instalacións de fabricación que poidan activarse inmediatamente en caso de emerxencia (EU FAB);
- crear unha plataforma a longo prazo e a gran escala da UE para os ensaios clínicos e as plataformas de datos;
- identificar tres ameazas sanitarias de gran impacto, ademais da COVID-19, para finais da primavera, en estreita colaboración cos Estados membros no Consello da HERA, as axencias da UE, os socios internacionais e expertos neste campo.
Detectar futuras ameazas para a saúde: Ademais, a HERA levará a cabo avaliacións de ameazas e recompilará análises e información estratéxicas, preparará modelos para prognosticar brotes e elaborará plans de resposta a escala da UE. As actuacións para 2022 inclúen:
- poñer en marcha un sistema punteiro de intelixencia e detección de ameazas para a saúde en tempo real;
- crear unha plataforma informática específica para a avaliación das ameazas e a súa prioridade.
Responder as ameazas para a saúde: No contexto da resposta á pandemia de COVID-19, xa se activaron as funcións de resposta de emerxencia da HERA. No caso de que se produzan novas emerxencias transfronteirizas de saúde pública na UE, adoptaranse outras medidas; concretamente, activarase o financiamento de emerxencias e poñeranse en marcha mecanismos de seguimento, novos desenvolvementos específicos, e a contratación e compra de contramedidas médicas e de materias primas. Entre as actuacións que se están levando a cabo, figuran tamén:
- procurar que se fornezan vacinas contra a Covid-19 aos Estados membros da UE no momento en que se necesiten, especialmente vacinas adaptadas a variantes, se é preciso;
- comprar opcións terapéuticas contra a COVID-19 para os Estados membros da UE;
- aumentar as capacidades nacionais para a detección e a avaliación científica das variantes;
- procurar a subministración de vacinas en todo o mundo.
Contexto
A Autoridade de Preparación e Resposta fronte ás Emerxencias Sanitarias (HERA) é un piar clave da Unión Europea da Saúde e un activo fundamental para intensificar a resposta e preparación da UE fronte ás emerxencias sanitarias.
A HERA creouse en setembro de 2021, a fin de substituír ás solucións provisionais que se adoptaron para a xestión e resposta á pandemia, por unha estrutura permanente coas ferramentas e os recursos adecuados con vistas a planificar con antelación a actuación da UE en caso de producirse emerxencias sanitarias.
Deste xeito, a HERA opera en dúas fases: unha primeira «fase de preparación», que consistirá en previr as crises sanitarias antes de que xurdan, e unha segunda «fase de crise», que garantirá que se produza unha resposta rápida e eficaz cando se decrete unha emerxencia sanitaria no territorio europeo.
Durante a «fase de preparación», está previsto que a HERA se anticipe ás ameazas e as posibles crises sanitarias mediante a recompilación de análise e información estratéxica e o desenvolvemento das capacidades de resposta necesarias. E, cando se produzan emerxencias na «fase de crise», a HERA debe ter solucións de resposta que garantan o desenvolvemento, a produción e a distribución de medicamentos, vacinas e outras contramedidas médicas para cubrir as necesidades de todos os cidadáns europeos.
A HERA ten asignado un orzamento global de 6 000 millóns de euros para o período 2022-2027.
Máis información: