09/02/2022
Nova guía para lograr unha transición equitativa cara á neutralidade climática
- A Comisión Europea non debe subestimar o impacto social e laboral do Pacto Verde Europeo. Por iso, vén de publicar unhas orientacións políticas para garantir que a transición cara á neutralidade climática sexa equitativa e inclusiva.
- Estas orientacións políticas ofrecen vías detalladas e tanxibles para que os Estados membros, as rexións e as comunidades locais protexan ás persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión social como consecuencia da transición climática, poñendo no centro do debate cuestións como a xustiza social ou os valores da economía social de mercado da UE.
Bruxelas, 9 de febreiro de 2022. A Comisión vén de publicar unha
proposta de Recomendación do Consello para garantir que a transición cara á neutralidade climática sexa equitativa e inclusiva. A proposta inclúe unha serie de orientacións políticas destinadas a axudar aos Estados membros a deseñar e aplicar paquetes de medidas que aborden de maneira global os aspectos sociais e de emprego relacionados coa transición.
A proposta presta especial atención ás necesidades das persoas e os fogares que dependen en gran medida dos combustibles fósiles e que poderían verse máis afectados pola transición ecolóxica, e convida os Estados membros a facer un uso óptimo do financiamento público e privado e a traballar en estreita cooperación cos interlocutores sociais.
A equidade e a solidariedade son principios que definen o
Pacto Verde Europeo. Para que a transición ecolóxica se leve a cabo con éxito, necesítanse accións políticas para apoiar ás persoas a que participen activamente no proceso. Con medidas e políticas adecuadas, a transición ecolóxica ten o potencial de crear na UE un millón de postos de traballo de aquí a 2030 e dous millóns de aquí a 2050. Ao mesmo tempo, é importante garantir que ninguén quede atrás e que a UE e os seus Estados membros sigan mellorando as súas capacidades para anticipar o cambio e prestar apoio específico a rexións, industrias, traballadores e fogares que se enfrontan a retos futuros.
Situar ás persoas no centro da transición ecolóxica
Para aproveitar plenamente o potencial social e de emprego da transición ecolóxica, é esencial utilizar todas as ferramentas dispoñibles e poñer en marcha as políticas adecuadas a escala da UE, nacional, rexional e local. Esta proposta anima aos Estados membros a adoptar medidas e accións adaptadas ás súas circunstancias particulares, entre elas:
- Medidas para apoiar o emprego de calidade e facilitar a transición dun emprego a outro. Isto inclúe, por exemplo, ofrecer asistencia personalizada na procura de emprego, promover a creación de emprego, e facilitar o acceso ao financiamento e aos mercados para as microempresas e as pemes, en particular aquelas que contribúen a alcanzar os obxectivos climáticos e ambientais.
- Medidas para apoiar a igualdade de acceso a unha educación e unha formación de calidade. Isto refírese, por exemplo, ao desenvolvemento de información actualizada sobre as necesidades de capacidades no mercado laboral, a oferta de educación e formación inclusivas e de alta calidade sobre capacidades e competencias pertinentes para a transición ecolóxica, e o aumento da participación dos adultos na aprendizaxe permanente.
- Medidas para apoiar sistemas de impostos e prestacións e sistemas de protección social equitativos. A proposta convida aos Estados membros a avaliar e, en caso necesario, a adaptar estes sistemas, por exemplo, desprazando a carga fiscal do traballo cara a outras fontes que contribúan aos obxectivos climáticos e ambientais.
- Medidas para apoiar un acceso alcanzable aos servizos esenciais. Convídase os Estados membros a seguir mobilizando apoio financeiro público e privado para investir en enerxías renovables, abordar os retos da mobilidade e promover oportunidades de aforro de custos vinculadas á economía circular.
- Medidas para coordinar a acción política, seguir un enfoque dirixido á economía no seu conxunto e implicar activamente aos interlocutores sociais, a sociedade civil, as autoridades rexionais e locais e outras partes interesadas. As medidas para reforzar aínda máis a base empírica e promover a coherencia das definicións e metodoloxías tamén son importantes para mellorar a orientación das políticas sociais e do mercado laboral.
- Utilización óptima do financiamento público e privado. Os Estados membros dispoñen dunha ampla gama de financiamento da UE e doutras fontes para aplicar as medidas necesarias para unha transición equitativa cara á neutralidade climática, entre os que se destacan:
- Fondo Social para o Clima proposto, de 72 200 millóns de euros, prestará apoio aos fogares vulnerables, aos usuarios de transportes e ás microempresas afectadas pola introdución do comercio de dereitos de emisión para os combustibles utilizados no transporte por estrada e nos edificios. Financiarase cos ingresos do comercio de dereitos de emisión.
- Mecanismo para unha Transición Xusta ten o propósito de mitigar as consecuencias sociais e económicas nas rexións máis afectadas pola transición ecolóxica e conta cun orzamento de 17 500 millóns de euros.
- Fondo Social Europeo Plus, é o principal instrumento da UE para investir nas persoas e conta cun orzamento de 99 300 millóns de euros para o período 2021-2027.
- Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Unha parte significativa das reformas e investimentos dos plans de recuperación e resiliencia dos Estados membros destinarase a políticas sociais, con apoio específico a unha transición ecolóxica equitativa, por exemplo, promovendo a creación de empregos verdes e o desenvolvemento de capacidades ecolóxicas.
Contexto
O Pacto Verde Europeo, lanzado en 2019, establece a estratexia da UE para converterse no primeiro continente climaticamente neutro e transformar a Unión nunha sociedade sostible, máis equitativa e próspera que respecte os límites do planeta. A necesidade dunha transición equitativa é parte integrante do Pacto Verde, no que se subliña que ningunha persoa nin territorio deben quedar atrás.
En xullo de 2021, a Comisión adoptou o paquete de medidas «
Obxectivo 55» para cumprir o obxectivo climático vinculante da UE para 2030 que consiste en reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro en polo menos un 55 % no camiño cara á neutralidade climática de aquí a 2050. Isto incluía o Fondo Social para o Clima, cuxo obxectivo é mobilizar 72 200 millóns de euros para abordar os efectos que o comercio de dereitos de emisión no transporte por estrada e nos edificios ten nos fogares vulnerables, as microempresas e os usuarios de transportes, que se financiará cos ingresos do novo réxime de comercio de dereitos de emisión. Como parte do paquete «Obxectivo 55», a Comisión anunciou unha proposta de Recomendación do Consello para finais de 2021 que ofreza orientacións adicionais aos Estados membros sobre a mellor maneira de abordar os aspectos sociais e laborais da transición ecolóxica.
Máis información: