27/01/2022
Galicia avoga en Bruxelas polo establecemento dun marco de transición xusta para o sector do automóbil
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 148º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) no que se debateu sobre as novas propostas europeas en materia de descarbonización do transporte coa comisaria do ramo, Adina Vălean
- Neste pleno, tamén se debateu sobre a nova axenda rural europea e sobre a programación dos novos fondos estruturais coa vicepresidenta da Comisión Europea, Dubravka Šuica, e cos comisarios de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Janusz Wojciechowski, e de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira
Bruxelas, 27 de xaneiro do 2022.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de representar a Galicia ao longo dun 148º pleno do Comité Europeo das Rexións no que se presentaron, para a súa aprobación, seis ditames e unha resolución e no que os seus membros puideron debater con varios comisarios europeos sobre asuntos de relevancia para a comunidade galega, como a ”Estratexia de mobilidade intelixente e sostible” da UE coa comisaria de Transportes, Adina Vălean.
En liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo, esta estratexia, publicada hai pouco máis dun ano, orienta a transformación ecolóxica e dixital do transporte co obxectivo de reducir nun 90% as súas emisións de aquí a 2050. En concreto, a Comisión Europea propón pasar a vehículos de cero emisións a partir de 2035, o que ha de impactar significativamente nas rexións automobilísticas como Galicia. Neste sentido, o CdR avoga, nun dos ditames aprobados durante este pleno, por un mecanismo de transición xusta para estas rexións, así como novas disposicións que permitan un mellor diálogo multinivel a prol dunha transición xusta.
Esta demanda ten a súa orixe no Grupo Interrexional da Automoción do CdR, do que forma parte Galicia dende a súa constitución hai máis de 10 anos. O CdR está a preparar agora unha alianza máis ampla de rexións cunha industria automobilística forte para demandar unha transición xusta para elas e para a súa man de obra. O sector da automoción europeo constitúe un poderoso motor de emprego industrial ao representar o 6% do emprego na UE e contar con 3.000 empresas provedoras dos grandes fabricantes, pemes na súa inmensa maioría. En Galicia, este sector supón un 13,5% do seu PIB e dá emprego directo ao redor de 25.000 persoas.
Por outro lado, os membros do CdR debateron sobre como coordinar os investimentos para revitalizar as zonas rurais a través dun Pacto Rural Europeo, lanzado en decembro, e sobre como asegurar un bo investimento do case medio billón de euros con que conta a política de cohesión 21-27.
Tras a entrada en vigor da nova lexislación o pasado mes de xullo, os Estados membros están agora a preparar os chamados acordos de asociación coa Comisión Europea, nos que se recollen as liñas principais de actuación dos fondos estruturais 21-27.
Asegurar a complementariedade e as sinerxías entre as diferentes fontes de financiamento comunitario (política de cohesión, NextGenerationUE...) supón un reto e unha prioridade para as administracións públicas, tal e como xa avanzara o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, durante a última reunión do ano do padroado da Fundación Galicia Europa.
O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.