Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/02/2022

Galicia defende unha xestión forestal activa e sostible para loitar contra o despoboamento e as catástrofes ambientais

5501F_1643972532_cor.jpg

  • Na Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións abordouse hoxe a preparación da opinión das rexións e municipios europeos sobre a nova Estratexia Forestal Europea
  • Galicia defende a multifuncionalidade dos bosques dende un puntos de vista medioambiental, social e económico e concorda co relator do ditame en que a nova estratexia debe evitar as cargas administrativas adicionais.

Bruxelas, 3 de febreiro de 2021.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia por videoconferencia na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións.
Neste primeiro encontro do ano, os membros de NAT debateron sobre a nova Estratexia Forestal Europea para o 2030, a revisión das normas da UE para as axudas estatais á agricultura, ás zonas rurais e á silvicultura e, en clave sanitaria, sobre a Autoridade Europea de Preparación e Respostas ante Emerxencias Sanitarias, posta en marcha hai un ano en resposta á pandemia.

Sobre a nova Extratexia Forestal da UE publicada en xullo, Galicia, que conta cunha masa arbórea que ocupa o 50% do seu territorio, defende a necesidade de compatibilizar o uso agrícola e gandeiro co uso forestal, xa que entende que limitar a actividade deste último non só non axudaría a acadar os obxectivos climáticos a longo prazo, senón que podería aumentar o risco de que se produzan catástrofes medioambientais.

Ademais, Galicia expón que unha limitación do uso forestal da terra afectaría a numerosos postos de traballo e ao autoabastecemento da propia Unión, ao ter que importar madeira de terceiros países co consecuente aumento da pegada de carbono que supoñería o seu transporte.

Por iso, Galicia insiste nunha xestión forestal activa e sostible, que contemple a diversificación de usos de especies, produtos e servicios como o turismo, como compoñente clave para aplicación da Estratexia Forestal Europea, así como para loitar contra outros desafíos, como o abandono do rural e o declive demográfico.

Nesta mesma liña, a semana pasada o pleno do Comité das Rexións aprobaba a o ditame Visión a longo prazo para as zonas rurais, que recolle proposta galega de desenvolver un marco normativo axeitado, deseñar novos instrumentos de xestión de terras e proporcionar incentivos fiscais e financiamento para previr o abandono da terra e facilitar o acceso á mesma.


Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante