Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

02/02/2022

Galicia apoia o fortalecemento das relacións entre as rexións da UE e do Reino Unido

5499F_1643795374_JGA.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, expuxo por videoconferencia no Comité Europeo das Rexións a necesidade de dar seguimento á aplicación da Reserva de Adaptación ao Brexit
  • A comisión CIVEX presenta o seu programa de traballo para o 2022 centrado en ámbitos como a Conferencia sobre o Futuro de Europa ou a mellora da lexislación e da subsidiariedade activa

Bruxelas, 1 de febreiro de 2022.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión da comisión de Cidadanía, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Neste primeiro encontro do ano presentouse o programa de traballo para o 2022 e abordáronse asuntos como as relacións entre a UE e o Reino Unido.

Sobre este punto, o director xeral manifestou o apoio de Galicia ao reforzo da cooperación entre as rexións europeas e británicas, unha cuestión que definiu como ”esencial”, tal e como o demostra o labor desenvolvido polo grupo operativo Brexit da Comisión do Arco Atlántico. Liderado por Galicia, este grupo defende dende 2017 os intereses das rexións atlánticas no proceso de saída de Reino Unido da Unión Europea. Unha vez materializado o Brexit, está a facer un seguimento da aplicación do Acordo de Comercio e Cooperación entre ambas potencias, especialmente, da implicación subestatal nel.

Un dos éxitos deste grupo de traballo é a creación da Reserva de Adaptación ao Brexit, o fondo de 5.000 millóns de euros que a UE puxo en marcha o pasado setembro para paliar as repercusións negativas da saída do Reino Unido, e do que a España lle corresponden un total de 272 millóns. O representante galego chamou a atención sobre ”a necesidade de dar seguimento á súa aplicación dado que, ata o momento, as rexións non teñen participado na súa programación malia os matices introducidos no seu regulamento para implicalas”.

Os membros de CIVEX tamén debateron sobre como o feito de que diversas políticas comunitarias deixen de aplicarse en Reino Unido, como a Planificación Espacial Marítima ou o marco normativo de axudas de estado, podería crear desvantaxes competitivas para as rexións europeas. ”A cooperación a nivel subnacional en ámbitos como os asuntos marítimos ou as estratexias de especialización intelixente resulta, pois, fundamental para evitar esta posible distorsión do mercado”, asegurou Jesús Gamallo.

Noutra orde de cousas, durante esta reunión presentouse o programa de traballo do Grupo Operativo sobre Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións para 2022. De entre as propostas lexislativas recollidas no programa de traballo da Comisión Europea para este ano, o CdR escolleu cinco para facer un seguimento do chamado principio de subsidiariedade, é dicir, para velar se a UE se limita a actuar soamente cando aporta un verdadeiro valor engadido respecto a intervención que poida facerse a escala nacional, rexional ou local. O paquete lexislativo para reducir a contaminación do aire ou a revisión lexislativa sobre o uso dos pesticidas son algúns dos temas identificados.

Por último, a Conferencia sobre o Futuro de Europa, tamén foi obxecto dun debate por parte dos membros de CIVEX, quen debateron algunhas das ideas que se barallan para reforzar a dimensión territorial da democracia europea como o posible establecemento dun diálogo permanente cos cidadáns que vincule mellor o nivel comunitario coas realidades dos territorios da UE.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante