18/01/2022
Comezan as primeiras iniciativas do Ano Europeo da Xuventude
- A proposta recoñece a contribución do voluntariado ao desenvolvemento das capacidades e competencias das persoas mozas, así como o seu rol na superación positiva dos retos sociais
- A Unión Europea habilitou a páxina oficial do Ano Europeo da Xuventude, que recolle novas e iniciativas de interese
Esta Recomendación recoñece a contribución do voluntariado ao desenvolvemento das capacidades e competencias das persoas mozas, así como o seu rol na superación positiva dos retos sociais. Así, ten como obxectivo impulsar a inclusión, a calidade, o recoñecemento e a sustentabilidade do voluntariado xuvenil transnacional. A proposta tamén aborda os obstáculos existentes para a mobilidade do voluntariado e ten en conta as leccións aprendidas durante a pandemia da COVID-19 e a posta en marcha do Corpo Europeo de Solidariedade, que en 2022 celebrará o seu quinto aniversario.
A proposta invita aos Estados membros a levar a cabo diversas actuacións, como:
- Garantir que o acceso a actividades de voluntariado transnacionais sexa unha opción realista para a xuventude, incluída aquela con menos oportunidades;
- Estudar medidas que contribúan ao deseño dun marco lexislativo e de aplicación adecuado no que se refire á saúde, a seguridade e a protección dos participantes nestas actividades;
- Promover un alto nivel de calidade entre os organizadores nacionais de actividades de voluntariado;
- Proporcionar información e sensibilizar sobre os dereitos das persoas voluntarias;
- Crear conciencia sobre os beneficios das actividades transnacionais de voluntariado, a través de actividades de información, orientación e divulgación;
- Promover a cooperación a nivel nacional e da UE entre os organizadores que ofrecen oportunidades de voluntariado transnacional;
- Apoiar as actividades de voluntariado que contribúan de maneira significativa a facer fronte aos retos relacionados co clima e co medio ambiente.
- Explorar novas tendencias, dimensións e formatos alternativos, como o voluntariado dixital e interxeracional.
A Comisión apoiará a aplicación desta Recomendación a través da
Estratexia da UE para a Xuventude e outros programas como
Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade. Da mesma maneira, facilitará a aprendizaxe e intercambios entre os Estados membro e os socios pertinentes, establecendo as mellores prácticas para o voluntariado dixital e interxeracional, promovéndoas a través do Portal Europeo da Xuventude.
MÁIS INFORMACIÓN