14/01/2022
O novo programa dixital do Mecanismo Conectar Europa: cara unha conectividade innovadora e segura en Europa
- O programa europeo destinado ás infrastruturas de conectividade dixital prevé investir máis de mil millóns de euros entre 2021 e 2023
- As primeiras convocatorias, abertas ata o 22 de marzo , contan cun orzamento de 258 M€
Bruxelas, 14 de xaneiro de 2022. A Comisión adoptou o primeiro programa de traballo para o apartado dixital do
Mecanismo «Conectar Europa» (MCE Dixital), que define o ámbito de aplicación e os obxectivos das medidas apoiadas pola UE necesarias para mellorar as infraestruturas de conectividade dixital de Europa en tres anos (2021-2023).
Ao fomentar os investimentos públicos e privados, o MCE Dixital pretende contribuír aos proxectos de conectividade de interese común da UE e á creación de infraestruturas seguras, protexidas e sostibles de alto rendemento, tales como as redes de gigabit e o 5G en toda a Unión. A mellora da infraestrutura de conectividade de Europa é fundamental para lograr a transformación dixital de Europa e para garantir que todos os fogares europeos teñan acceso á conectividade de gigabit e cobertura 5G de aquí a 2030.
Ademais, este programa ten por obxectivo reforzar as redes de conectividade mediante o apoio a infraestruturas troncais novas ou melloradas na UE e en conexión con terceiros países, esenciais para a interconexión de capacidades dixitais como a nube, os datos e a informática.
MCE Dixital
Prevese que o MCE Dixital apoie:
• A creación de infraestruturas 5G en Europa, e en particular a
cobertura 5G ao longo dos corredores transfronteirizos, onde destacan os corredores de Vigo-Porto e Mérida-Evora da iniciativa europea
5G-Mobix, cofinanciada polo programa Horizonte Europa. Estes dous corredores son prioritarios para a implementación da autopista 5G e serven para avaliar a condución conectada automatizada máis aló das fronteiras.
• A creación de novas redes troncais existentes ou importantes melloras das existentes, tales como as federacións na nube, as infraestruturas de comunicación cuántica ultraseguras e os cables submarinos, a fin de mellorar o rendemento das redes de comunicacións electrónicas dentro e entre os Estados membros, e entre a Unión e terceiros países.
• A instalación de infraestruturas de conectividade dixital relacionadas cos proxectos transfronteirizos nos ámbitos do transporte ou a enerxía, ou que sosteñan plataformas dixitais operativas directamente relacionadas coas infraestruturas de transporte ou enerxía.
Convocatorias do MCE Dixital
As
primeiras convocatorias para o Mecanismo «Conectar Europa» dixital publicáronse a principios deste mes e están abertas ata o
22 de marzo de 2022 a persoas xurídicas e organismos públicos ou privados. Estas convocatorias contan cun orzamento total de 258 millóns de euros para mellorar as infraestruturas de conectividade dixital de Europa, en particular, as redes gigabit e o 5G en toda a UE, e contribuír á transformación dixital na UE.
Contexto
O MCE Dixital forma parte do programa do Mecanismo «Conectar Europa», que apoia o investimento en redes transeuropeas dixitais, de transporte e de enerxía, por valor de 33 700 millóns de euros entre 2021 e 2027. Cun orzamento de ata 2 000 millóns de euros ata 2027, o MCE Dixital sustentará a transformación dixital e os obxectivos da Década Dixital de Europa en materia de conectividade fixa e móbil.
A primeira xeración do Mecanismo «Conectar Europa» mellorou as infraestruturas que conectan aos Estados membros, ofreceu wifi gratuíto ás comunidades locais mediante o programa
Wifi4EU e apoiou a creación de redes de moi alta capacidade nas zonas rurais e semirrurales de toda Europa.