Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/01/2022

A COVID, a defensa e a xestión da inmigración centran o debate dos líderes europeos no último cumio do ano

Foto: Freepik
  • Os líderes europeos reiteraron a necesidade de superar a reticencia á vacinación a través da loita contra a desinformación e de adoptar un enfoque coordinado sobre o recoñecemento dos certificados de vacinación de COVID-19.  
  • Abordaron con urxencia a cuestión de recuperar a autonomía estratéxica da UE, especialmente no eido da seguridade e a defensa, polo que urxiron a poñer en marcha o Compás Estratéxico anunciado polo Alto Representante en novembro. 
  • Acordaron incrementar os recursos económicos destinados a todos os roteiros migratorios que conducen á UE e denunciaron os intentos de terceiros países de instrumentalizar aos migrantes nas fronteiras europeas con fins políticos.  
  • En materia de relacións exteriores, trataron a situación de Bielorrusia, Ucraína e Etiopía.  
Bruxelas, a 10 de xaneiro de 2022. O pasado mes de decembro, os dirixentes da UE reuníronse en Bruxelas para debater sobre a xestión da crise sanitaria, a seguridade e a defensa e outros aspectos que preocupan á UE relativos á migración e as relacións exteriores. Ademais, os líderes europeos debateron sobre a cuestión dos prezos da enerxía, un tema que foi inicialmente introducido no Consello Europeo de outubro a petición de España. Con todo, debido á diverxencia de opinións entre os Estados membros, o Consello Europeo declarou que seguiría de preto a evolución dos prezos da enerxía e retomaría este asunto nunha próxima reunión. 

1- A XESTIÓN DA COVID-19  
Facendo un balance da situación da pandemia, o Consello Europeo abordou o empeoramento das cifras epidemiolóxicas na UE como consecuencia das repercusións da nova variante ómicron e do aumento dos contaxios correspondentes aos encontros previos ao Nadal. 

En materia de vacinas, os dirixentes da UE reiteraron a urxencia de continuar coa administración da terceira dose de reforzo no conxunto da poboación e acordaron impulsar a aplicación da Estratexia da UE para o despregamento de Opcións Terapéuticas contra a COVID-19. Recalcaron tamén o desafío de superar a reticencia á vacinación, subliñando os esforzos que se están a realizar para combater a desinformación no eido sanitario.  

As conclusións deste último cumio europeo do ano destacan a necesidade de seguir traballando de maneira coordinada para responder á evolución da pandemia conforme aos datos científicos dispoñibles e a importancia de adoptar un enfoque común sobre a validez do certificado de vacinación COVID dixital. Será a Comisión Europea a que adopte un acto delegado sobre este asunto. 

Así mesmo, reiteraron que calquera restrición ocasionada polo virus debe basearse en criterios obxectivos e non debe menoscabar o funcionamento do mercado interior nin obstaculizar de maneira desproporcionada a libre circulación entre os Estados membros ou as viaxes á UE. Por conseguinte, os líderes instan a que se adopten con celeridade a Recomendación revisada do Consello sobre a libre circulación segura e a Recomendación revisada do Consello sobre as viaxes non esenciais á UE

No que atinxe á resposta internacional, os dirixentes subliñaron, de novo, que a pandemia soamente se pode superar mediante unha cooperación internacional baseada na confianza e na axuda mutua, que teña como obxectivo acadar a vacinación mundial. Por conseguinte, o Consello Europeo comprometeuse a seguir intensificando o apoio aos países máis necesitados, en particular en África, coa exportación de vacinas e materiais sanitarios. Para eliminar rapidamente os obstáculos que dificultan a distribución de vacinas a escala mundial, o Consello Europeo pediu: 
  • á Comisión que siga colaborando cos fabricantes e que reforce a coordinación coa Organización Mundial da Saúde e co Mecanismo COVAX.  
  • ao Consello que siga de preto o cumprimento dos compromisos en materia de vacinas para garantir a total transparencia na súa execución.  
Por último, os dirixentes da UE acolleron con satisfacción o acordo alcanzado pola Asemblea Mundial da Saúde o 1 de decembro de 2021 para poñer en marcha un proceso mundial encamiñado a elaborar un convenio sobre prevención, preparación e resposta fronte a futuras pandemias. 

2- SEGURIDADE E DEFENSA 
Como resposta á crecente competencia estratéxica e as complexas ameazas en materia de seguridade, os dirixentes europeos acordaron que a UE se responsabilice en maior medida da súa propia seguridade e do ámbito da defensa, seguindo unha liña de acción estratéxica e aumentando a súa capacidade para actuar de maneira autónoma.  

Neste escenario, subliñaron o compromiso da UE de cooperar estreitamente coa OTAN, respectando plenamente os principios de inclusión, reciprocidade e autonomía decisoria establecidos nos Tratados, e tamén solicitaron ao Consello que impulse os traballos relativos ao Compás Estratéxico presentado polo Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade en novembro de 2021. De feito, o Consello Europeo espera referendar o Compás Estratéxico na súa reunión de marzo de 2022. 

3- MIGRACIÓN  
Os líderes da UE recordaron as Conclusións das reunións de xuño e outubro de 2021 neste eido e lembraron a necesidade de actuar en todos os roteiros migratorios que conducen a UE. Ademais, pediron á Comisión e ao Alto Representante que, xunto cos Estados membros da UE, se aseguren de executar sen máis demora os oito plans de acción para os países de orixe e tránsito, así como de garantir a plena aplicación dos acordos de readmisión existentes e de levar a cabo as accións de retorno efectivo da UE aos países de orixe nos casos necesarios.  

Neste contexto, instaron á Comisión a que mobilice rapidamente os recursos financeiros necesarios para desempeñar as novas accións para abordar todos os roteiros migratorios, de acordo co maior nivel de ambición da UE. 

Por outra banda, para evitar intentos de terceiros países de instrumentalizar aos migrantes con fins políticos, os dirixentes da UE pediron que se axilicen os traballos sobre a proposta relativa ás medidas contra os operadores de transporte que participen na trata persoas ou no tráfico ilícito de migrantes dirixido a entrar na Unión Europea. Neste contexto, convidaron ao Consello e á Comisión a que estuden formas de fortalecer os mecanismos de cooperación entre os Estados membros que se enfrontan a desafíos específicos nas fronteiras exteriores da UE. 

4- RELACIÓNS EXTERIORES 
No referinte a Bielorrusia, o Consello Europeo condenou enerxicamente a instrumentalización dos  migrantes e refuxiados por parte do réxime bielorruso, orixinando unha crise humanitaria. A UE seguirá loitando contra o ataque híbrido de Bielorrusia e abordando todas as dimensións da crise de conformidade co Dereito da UE e as obrigas internacionais, incluídos os dereitos fundamentais. Ademais, os líderes europeos reiteraron o seu chamamento a que se libere de inmediato e incondicionalmente a todos os presos políticos, e a que se poña fin á represión da sociedade civil e os medios de comunicación independentes. Así mesmo, reiteraron que o pobo  bielorruso ten o dereito democrático a elixir o seu presidente por medio dunhas novas eleccións libres e limpas. 

No que atinxe a situación de Ucraína, os dirixentes políticos destacaron a necesidade de que Rusia rebaixe as tensións xeradas polo aumento da presenza militar ao longo da fronteira e reiteraron o seu pleno apoio á soberanía e a integridade territorial do país. Ademais, puxeron de manifesto que calquera nova agresión militar contra Ucraína achará unha resposta de enormes consecuencias por parte da UE, incluída a adopción de medidas restritivas coordinadas cos socios. 

Por último, no relativo á situación de Etiopía, os líderes europeos manifestaron o seu pleno apoio o labor de mediación que realiza o Alto Representante da Unión Africana, Olusegun Obasanjo, e fixeron un chamamento en favor do cesamento do fogo, instando a todas as partes a que emprendan un diálogo nacional integrador e facendo fincapé na protección da poboación civil e na urxencia de poder proporcionar axuda humanitaria sen trabas no país. 
  
Máis información:  

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante