07/01/2022
Aberto o prazo para solicitar as prácticas na Comisión Europea
- A data límite para inscribirse é o 31 de xaneiro.
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022. O programa de prácticas da Comisión Europea, denominado Blue Book, ofrece ás persoas bolseiras a oportunidade de adquirir experiencia sobre os métodos de traballo da institución e outros organismos europeos, así como de poñer en práctica todos os seus coñecementos (teórico-prácticos) nos seus respectivos eidos profesionais, nun entorno de traballo internacional e multicultural.
Estas prácticas son remuneradas e teñen una duración de cinco meses, sendo o destino das mesmas as Direccións Xerais, servizos e axencias executivas da Comisión, principalmente. A convocatoria actual é para o período de outubro a febreiro.
Para poder participar neste programa, é preciso que a persoa candidata cumpra os seguintes requisitos:
- Dispoñer dunha titulación universitaria.
- Ter un bo coñecemento en polo menos dous dos idiomas oficiais da Unión Europea (unha delas de nivel C1), sendo una delas a lingua de traballo da Comisión (inglés, francés ou alemán).
- Non ter sido beneficiario/a, por un período de máis de seis semanas, de calquera tipo de prácticas nunha institución ou órgano europeo.
- Poderanse outorgar puntos adicionais por ter un perfil internacional (demostrado a través de experiencias como o voluntariado europeo ou ter estudiado no estranxeiro a través de programas como Erasmus+), pola calidade da carta de motivación redactada ou por ter escrito papers ou calquera outro tipo de publicación.
A data límite para inscribirse é o 31 de xaneiro.