Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/12/2021

Galicia defende unha transición enerxética sostible, equilibrada e xusta para avanzar nunha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono

5477F_1639399926_Imagen_1.jpg
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na xornada virtual ‘Liderando a carreira cara ás cero emisións no sector da pesca’ organizada no contexto da COP 26.
  • A conselleira insistiu na importancia de aplicar de xeito global as accións que se establezan na adopción de novas tecnoloxías e combustibles que contribúan a avanzar na redución da pegada de carbono na pesca.
  • Lembrou que a comunidade galega rexeita a eliminación xeneralizada do combustible bonificado para a frota pesqueira que propón a Organización Mundial de Comercio xa que pon en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego, que practica unha pesca responsable e sustentable.
  • A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, sinalou que o sector pesqueiro terá un papel moi relevante no camiño cara a descarbonización marcada por Europa para 2050.
Bruxelas, 13 de decembro do 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na aposta de Galicia por avanzar cara a unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono de xeito “sostible, competitivo e asumible”. Neste sentido, destacou a importancia de atender a este reto dun xeito xusto, que permita dar marxe ao sector e que non trabe a súa actividade e competitividade.

Así o expuxo durante a apertura da xornada dixital Liderando a carreira cara ás cero emisións no sector pesqueiro: cara unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono, organizada pola Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD) no contexto do cumio do clima COP 26. Nela tamén insistiu na importancia de aplicar a todos os competidores globais as accións que se establezan neste campo atendendo ao level playing field e de manter un marco equitativo de competencia.

Para iso, explicou a titular de Mar, é preciso analizar ben a interrelación desta liña de acción con outras cuestións como a capacidade da frota. O obxectivo, engadiu, é que se flexibilice a normativa para dispor de buques axeitados ás novas tecnoloxías e combustibles. 

A conselleira puxo como exemplo de caso paradigmático desta demanda a posible eliminación xeneralizada do combustible bonificado para a frota pesqueira no marco da Organización Mundial de Comercio. Unha proposta, sinalou, que pode ser nefasta na súa aplicación para a pesca costeira artesanal e que Galicia considera inxusta porque non valora axeitadamente o baixo impacto que ten no medio ambiente a actividade da frota pesqueira que practica unha actividade sustentable e responsable. De aí, especificou, a necesidade de que, de levarse a cabo, se faga de xeito equilibrado e homoxéneo e tendo en conta o nivel de prezos en todos os países. 

Co obxectivo de defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego ante esta proposta, Galicia está ultimando un informe que aborda o impacto normativo e socioeconómico desta medida sobre a frota galega desde o punto de vista do level playing field e que trasladará a Bruxelas e á OMC. Este informe tamén tratará aspectos relacionados co impacto ambiental e a pegada de carbono. 

Pola súa banda, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, celebrou a importancia deste tipo de eventos nun escenario como o actual, facendo referencia aos elevados prezos enerxéticos que están a afectar á competitividade de moitas actividades económicas e á economía das familias en particular. Así, manifestou que os avances na descarbonización serán claves para reducir o impacto da volatilidade do custo enerxético e mellorar a sustentabilidade.

Neste contexto, Uría apuntou que os orzamentos do vindeiro ano do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que tamén dirixe e que está adscrito á Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, contarán con 53,7 millóns de euros e irán en consonancia cos obxectivos fixados por Europa, que pretenden a redución nun 55% dos gases de efecto invernadoiro en 2030 e a neutralidade climática en 2050. “Nese camiño, o sector pesqueiro ten un papel moi relevante que desempeñar ao representar máis do 3% do consumo total de enerxía”, sinalou.

Así, a directora xeral avogou por unha transición enerxética planificada, ordenada e xusta, e indicou que tecnoloxías como o hidróxeno verde se presentan como “unha peza clave para a descarbonización e un vector enerxético que vai permitir desenvolver cadeas de valor e de I+D+i aplicables a sectores como o marítimo-pesqueiro”. Ademais, fixo referencia á oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, dos que un 40% dos 70.000 millóns de euros previstos se destinarán á sustentabilidade climática e á transición enerxética.

O evento
Esta xornada naceu co obxectivo de dar conta do papel fundamental que teñen o sector pesqueiro e a industria naval no avance dunha actividade respectuosa co medio ambiente. Tamén co fin de analizar distintas alternativas eficientes no eido medioambiental para seguir reducindo a pegada de carbono da actividade marítimo-pesqueira, que xa é das máis baixas no ámbito da produción de alimentos. 

Con ese fin, este evento telemático reúne a diferentes responsables políticos, axentes relacionados co desenvolvemento de tecnoloxía no ámbito marítimo-pesqueiro e representantes do sector da pesca a nivel europeo para debater sobre vías que promovan unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono. 

Entre os participantes están a xefa de unidade da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea, Elisabetta Balzi; a xefa da unidade adxunta de Estratexias, Conca Marítima, Unidade de Cooperación Rexional e Seguridade Marítima da da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Iglika Yakova; o profesor de Enerxía e Transporte da University College London, Santiago Suarez de la Fuente; o secretario xeral adxunto da Unión de Armadores da Pesca Francesa, Jérôme Jourdain, e o membro do grupo de expertos en pesca da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), Ernesto Penas Lado.

Máis información: Sitio Web da Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD)

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante