Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/12/2021

Pasarela Mundial: a nova estratexia da Unión Europea para impulsar as ligazóns sostibles en todo o mundo

Foto: Freepik
  • A Comisión Europea e o Servizo de Acción Exterior da Unión Europea puxeron en marcha a Pasarela Mundial como a nova estratexia europea para impulsar ligazóns intelixentes e seguras nos ámbitos dixital, enerxético e do transporte, e para reforzar os sistemas de saúde, educación e investigación en todo o mundo
Bruxelas, 9 de decembro de 2021. A Pasarela Mundial trátase dunha iniciativa para apoiar unhas ligazóns sostibles e fiables que funcionen para as persoas e o planeta a fin de facer fronte aos retos mundiais máis relevantes, desde o cambio climático e a protección do medio ambiente ata a mellora da seguridade sanitaria e o fomento da competitividade e as cadeas de subministración mundiais. A Pasarela Mundial pretende mobilizar ata 300 000 millóns de euros en investimentos entre 2021 e 2027 a fin de lograr unha recuperación mundial duradeira, tendo en conta as necesidades dos socios europeos, así como os propios intereses da UE.

A UE ten un longo historial como socio de confianza á hora de levar a cabo proxectos sostibles e de alta calidade, tendo en conta as necesidades dos países socios e garantindo beneficios duradeiros para as comunidades locais, sen descoidar os intereses estratéxicos da Unión. Deste xeito, a Pasarela Mundial pretende aumentar os investimentos que por unha banda promovan os valores democráticos e normas de boa  gobernanza, asociacións igualitarias e infraestruturas seguras e, por outro, que catalicen os investimentos do sector privado.

Mediante o método de «Equipo Europa», a Pasarela Mundial reunirá á UE e aos Estados membros coas súas institucións financeiras e de desenvolvemento, tales como o Banco Europeo de Investimentos (BEI), e ao Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), e tratará de mobilizar ao sector privado para impulsar os investimentos con vistas a un efecto transformador. Corresponde ás delegacións da UE en todo o mundo, en colaboración con Equipo Europa sobre o terreo, a detección e coordinación dos proxectos de Pasarela Mundial nos países socios.

A Pasarela Mundial baséase nos novos instrumentos financeiros do marco financeiro plurianual da UE 2021-2027. O Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional (IVDCI) - Europa Global, o Instrumento de Axuda  Preadhesión (IAP III) e Interreg,  InvestEU e o programa de investigación e innovación da UE Horizonte Europa permiten á UE impulsar os investimentos públicos e privados en ámbitos prioritarios, incluída a conectividade. En particular, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Sostible+ (FEDS+), que é o compoñente financeiro do Instrumento de Veciñanza, Cooperación ao Desenvolvemento e Cooperación Internacional - Europa Global, facilitará ata 135 000 millóns de euros para investimentos garantidos en proxectos de infraestrutura entre 2021 e 2027. Ata 18 000 millóns de euros facilitaranse en forma de subvencións do orzamento da UE e as institucións financeiras e de desenvolvemento europeas planificaron ata 145 000 millóns de euros en investimentos.

Outro complemento que a UE está a sopesar incorporar á súa «caixa de ferramentas» financeira é o establecemento dun Instrumento Europeo de Crédito ás Exportacións que viría a complementar o aparello de créditos ás exportacións con que contan os Estados membros e a aumentar a capacidade global de acción da UE neste ámbito. Este instrumento contribuiría a auspiciar unhas condicións máis equitativas para as empresas da UE nos mercados de terceiros países, onde cada vez máis teñen que competir cunha competencia estranxeira que se beneficia dun amplo apoio de parte dos seus gobernos, co que se facilita a súa participación en proxectos de infraestrutura.

A UE non só ofrecerá condicións financeiras sólidas aos socios, achegando subvencións, préstamos favorables e garantías orzamentarias para reducir o risco dos investimentos e mellorar a sustentabilidade da débeda, senón que tamén fomentará os estándares máis altos en materia de xestión ambiental, social e estratéxica. A UE facilitará asistencia técnica aos socios para mellorar a súa capacidade de preparar proxectos cribles que garantan a rendibilidade das infraestruturas.

A Pasarela Mundial investirá en estabilidade e cooperación internacional e demostrará a maneira en que os valores democráticos ofrecen seguridade e equidade aos investidores, sustentabilidade para os socios e beneficios a longo prazo para as persoas de todo o mundo. 

Representa a contribución de Europa á redución do déficit de investimento mundial, que require un esforzo concertado acorde co compromiso de xuño de 2021 dos líderes do G-7 de poñer en marcha unha asociación de infraestruturas baseada en valores, de alto nivel e transparente para satisfacer as necesidades mundiais de fomento de infraestruturas.

A UE comprometeuse a colaborar con socios afíns para promover investimentos en conectividade sostible. A Pasarela Mundial e a iniciativa estadounidense Build Back Better World (Reconstruír un Mundo Mellor) refórzanse mutuamente. Este compromiso de colaboración reafirmouse na  COP26, na que a UE e os Estados Unidos reuniron a socios afíns para expresar o seu compromiso común de abordar a crise climática mediante un desenvolvemento de infraestruturas limpo, resiliente e coherente cun futuro de cero emisións netas.

A Pasarela Mundial baséase nos logros da Estratexia de Conectividade UE-Asia de 2018, as asociacións de conectividade recentemente celebradas con Xapón e a India, e os plans económicos e de investimento para os Balcáns Occidentais, a Asociación Oriental e os países veciños meridionais. Está plenamente en consonancia coa Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e o Acordo de París.

Próximas etapas
Os proxectos da Pasarela Mundial elaboraranse e executarán a través de iniciativas do Equipo Europa. As institucións da UE, os Estados membros e as institucións financeiras europeas colaborarán coas empresas europeas, así como cos gobernos, a sociedade civil e o sector privado dos países socios.

Baixo a dirección xeral da Presidenta da Comisión, o Alto Representante e Vicepresidente da Comisión, os comisarios de Asociacións Internacionais e Veciñanza e Ampliación impulsarán a aplicación da Pasarela Mundial e promoverán a coordinación entre todas as partes interesadas.

Fonte: Comisión Europea
Máis información:

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante