08/12/2021
A Comisión Europea publica unha proposta de informe conxunto sobre o emprego en 2022
- O Informe conxunto sobre o emprego 2022 indica que o mercado laboral está a recuperarse, aínda que o emprego aínda non volveu aos niveis anteriores á crise.
- A análise do informe baséase nos indicadores principais do Cadro de Indicadores Sociais revisado que apoia a supervisión dos avances dos Estados Membros no Pilar Europeo de Dereitos Sociais.
Bruxelas, 8 de decembro de 2021. A Comisión Europea vén de publicar a súa proposta anual de
informe conxunto sobre emprego co obxectivo de avaliar os avances dos Estados membros respecto aos tres obxectivos principais en materia de emprego, cualificacións e redución da pobreza que a UE debe alcanzar para 2030.
Principais conclusións
- Unha acción política decisiva a nivel dos Estados membros e da UE (especialmente co apoio do instrumento SURE e REACT-UE) amorteceu o impacto da crise da COVID-19 no mercado laboral.
- A crise afectou especialmente á situación do mercado laboral dos mozos, os traballadores con contratos máis precarios , os autónomos e os nados fóra da UE.
- O aumento da escaseza de man de obra e de competencias nalgúns sectores pon de relevo a importancia clave das competencias e a educación en toda a UE. A participación na aprendizaxe de adultos segue sendo baixa en moitos Estados membros aínda sendo fundamentais para seguir o ritmo dos mercados laborais en rápida evolución.
- A participación das mulleres no mercado laboral é un reto que vén de lonxe. As mulleres experimentaron temporalmente unha caída máis pronunciada das horas de traballo, vinculada ás diferenzas de xénero nos sectores e ocupacións afectados pola crise. Seguiron asumindo a maior parte das responsabilidades de coidado, tamén durante a crise.
- Os sistemas de protección social axudaron a capear a crise COVID-19 ao manter os ingresos dispoñibles dos fogares en xeral estables. Con todo, os riscos de pobreza ou exclusión social seguen sendo elevados para determinados grupos de poboación, especialmente as familias con nenos, as persoas con discapacidade, as persoas nadas fóra da UE e os xitanos. Para as persoas en situación de pobreza, os custos da vivenda e a enerxía supoñen un reto especial.
Neste informe anímase aos Estados membros a que tomen medidas para facer fronte aos retos identificados en materia de emprego, competencias e política social, aproveitando ao máximo as posibilidades de financiamento da UE. En particular, apoiar a creación de emprego, facilitar a transición do desemprego ao emprego e entre empregos, reforzar a resiliencia económica e social e garantir que as transicións ecolóxica e dixital sexan xustas.
O informe debe ser agora refrendado polos ministros de Emprego e Asuntos Sociais da UE no Consello.
Cadro de indicadores sociais en España
Segundo o Cadro de Indicadores Sociais, o emprego en case todos os países da UE diminuíu en 2020 en comparación con 2019. España, xunto a Grecia e Italia, segue en ”situación crítica” debido a un novo descenso da taxa de emprego que ronda o 65%. Ademais, en 2019 en España, Romanía, Luxemburgo, Italia, Portugal e Grecia, máis do 10% dos traballadores estaban en risco de pobreza e, nalgúns destes países, a taxa de pobreza laboral aumentou en comparación con 2010.
Todos os Estados membros, excepto dous, introduciron algunhas formas de incentivos á contratación en resposta á crise da COVID-19. Entre eles, varios Estados membros adaptaron e complementaron os seus réximes de traballo a xornada reducida para responder mellor aos retos do mercado laboral na recuperación, en consonancia co
Piar Europeo de Dereitos Sociais (PEDS). Neste sentido, varios Estados membros anunciaron medidas para
estimular o espírito empresarial e o autoemprego. Particularmente, España pretende crear unha rede de centros de orientación, emprendemento e innovación como parte das medidas para mellorar a coordinación dos servizos públicos de emprego en todas as rexións, e planea a formación do persoal dos mesmos. Así mesmo, España, xunto a outros Estados, ofrece incentivos para a formación dos traballadores en réxime de xornada reducida e está a reformar os seus réximes de traballo a tempo parcial de forma permanente.
Ademais, algúns Estados da UE están a adoptar medidas de apoio á economía social. En particular, España desenvolverá polo menos 30 proxectos de economía social en ámbitos como o emprendemento dos mozos ou a creación de plataformas dixitais para a poboación das zonas rurais.
Os salarios mínimos legais incrementáronse na maioría dos Estados membros en 2021 en comparación co ano anterior, de acordo co PEDS. En setembro de 2021, España aumentou o seu salario mínimo nun 1,6%, co obxectivo de elevalo ao 60% do salario medio antes de que finalice a actual lexislatura.
A crise da COVID-19 afectou especialmente o desemprego xuvenil, o cal alcanzou o 30% ou máis nalgúns Estados membros (como é o caso de España cun 38,4%). O número total de mozos de 20 a 64 anos que empezaron a traballar recentemente reduciuse en 2020 a 6,5 millóns de media por trimestre, fronte a unha media duns 7,5 millóns de persoas en anos anteriores. As taxas de emprego temporal involuntario dos mozos de 15 a 24 anos en 2020 tamén foron elevadas, cun 13,2% deles con emprego temporal porque non puideron atopar un traballo permanente. Ademais, a fenda salarial entre homes e mulleres segue sendo elevada a pesar de que desde 2013, a situación mellorou considerablemente en países como España, Estonia, Luxemburgo e Chipre.
Finalmente, os Estados membros están a adoptar medidas para mellorar a participación e a calidade da educación e a atención á primeira infancia. Especificamente, en España financiaranse 60.000 novas prazas de educación e coidado da primeira infancia con cargo ao Plan de Recuperación e Resiliencia.