Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/11/2021

Desenvolvemento do Pacto Verde Europeo: Novas iniciativas da UE para loitar contra a deforestación, o tráfico de residuos, a contaminación do solo e para reforzar a cadea agroalimentaria

Foto: Freepik Bruxelas, 26 de novembro do 2021. En cumprimento do plan de traballo que persegue facer efectivo o Pacto Verde, a Comisión Europea adoptou este mes de novembro catro novas iniciativas que repercutirán directamente no sector primario. As iniciativas diríxense, respectivamente, a atallar a deforestación, lograr unha mellor xestión de residuos, fortalecer a cadea agroalimentaria (e reducir o desperdicio de alimentos), e rehabilitar e protexer os solos europeos.  

En primeiro lugar, propúxose, no marco da Estratexia Forestal Europea de aquí a 2030, un novo Regulamento para atallar a deforestación e a degradación forestal. A nova norma, que agora debe superar o procedemento lexislativo comunitario, virá substituír o Regulamento UE 995/2010 polo que se establecen as obrigacións dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira e pon énfase na dimensión externa da deforestación, é dicir, aquela causada por produtos elaborados fóra do bloque comunitario pero que son importados ao mercado único. Sábese que o principal motor de deforestación fóra das fronteiras europeas é a expansión das terras agrícolas ligada á produción de materias primas como a soia, a carne de vacún, o aceite de palma, a madeira, o cacao e o café. O Regulamento establecerá normas obrigatorias de dilixencia debida para as empresas que desexen comercializar estas materias primas no mercado da UE. Ademais, a Comisión Europea utilizará un sistema de avaliación comparativa para valorar por países o nivel de risco de deforestación e degradación forestal derivado das materias primas contempladas no Regulamento. Así mesmo, intensificarase o diálogo a nivel multilateral co obxectivo de mancomunar esforzos para promover a escala global o consumo de produtos respectuosos cos bosques e reducir o impacto do bloque europeo na degradación forestal mundial. Espérase que en última instancia estes esforzos conduzan a unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e da perda de biodiversidade. A adopción desta iniciativa coincidiu coa aprobación por parte dos Ministros de Agricultura da UE dunhas Conclusións do Consello da UE sobre a Estratexia Forestal para 2030, unha posición política consensuada dos Vinte e sete que fai fincapé sobre o papel multifuncional dos bosques, especialmente como motor de desenvolvemento das comunidades locais e de fixación poboacional ao territorio.

En segundo lugar, no marco do Regulamento revisado sobre traslados de residuos, a Comisión cumpre cos obxectivos de economía circular e contaminación cero ao propoñer normas máis estritas sobre as exportacións de residuos, a creación dun sistema máis eficiente para a circulación de residuos como recurso e o estabelecemento de medidas contra o tráfico de residuos. Este Regulamento reforza aínda máis a loita contra o tráfico de residuos, unha das formas máis graves de delincuencia ambiental, xa que os traslados ilícitos representan potencialmente ata o 30 % dos traslados de residuos xerais, por valor de 9 500 millóns de euros ao ano.  O Regulamento inclúe a creación dun Grupo de control da conformidade dos traslados de residuos, a capacitación da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) para que apoie as investigacións transnacionais dos Estados Membros da UE sobre o tráfico de residuos e o establecemento de normas máis estritas en materia de sancións administrativas. Dentro da UE, a Comisión propón simplificar considerablemente os procedementos establecidos, facilitando que os residuos volvan a entrar na economía circular, sen rebaixar o grao necesario de control. Isto contribúe a reducir a dependencia da UE das materias primas orixinais e sostén a  descarbonización da industria da UE para cumprir cos obxectivos climáticos. Ademais, esta nova proposta obriga a que todas as empresas da UE que exporten residuos fóra do territorio europeo velen por que as instalacións que reciban os seus residuos estean suxeitas a unha auditoría independente que demostre que os xestionan de maneira respectuosa co medio ambiente. 

 En terceiro lugar, publicouse, como parte da Estratexia “Da granxa á mesa”, ligada tamén ao Pacto Verde, un Plan de continxencia da UE para garantir a subministración de alimentos e a seguridade alimentaria en tempos de crises. O plan ten como obxectivo fortalecer a resiliencia xeral da cadea de subministración alimentaria da UE, identificar as deficiencias existentes e propoñer accións para mellorar a preparación a escala europea. Para a súa aplicación establécese un Mecanismo Europeo de Preparación e Resposta fronte as Crises de Seguridade Alimentaria (EFSCM), isto é un grupo de expertos na cadea de subministración alimentaria coordinada pola Comisión Europea para intercambiar datos, prácticas e reforzar a coordinación, o cal está previsto que entre en funcionamento na primeira metade de 2022. Nel reuniranse todas as partes que forman parte da cadea agroalimentaria, desde o sector privado (agricultores, pescadores, produtores acuícolas, procesadores de alimentos, comerciantes e comerciantes polo miúdo, así como transportistas e loxísticos) ata o público (autoridades comunitarias, nacionais e rexionais).

Por último, o executivo comunitario presentou unha Estratexia Europea do Solo que vén complementar e a contribuír aos obxectivos da Estratexia sobre Biodiversidade publicada o ano pasado. O propósito da mesma é aumentar a absorción de carbono do solo nas terras agrícolas, loitar contra a desertificación, rehabilitar as terras e solos degradados e velar por que, para 2050, todos os ecosistemas do solo atópense en bo estado.  

Segundo os últimos estudos, o 70% dos solos da UE non se atopan en boas condicións e é por iso que se pretende lograr o mesmo nivel de protección do solo que teñen a auga e o aire. Para iso, revisaranse as Directivas vixentes sobre o uso de praguicidas, sobre emisións industriais e sobre responsabilidade ambiental, abordando ao mesmo tempo o impacto transfronteirizo da degradación do solo.  

Os solos dedicados á agricultura desempeñarán un papel fundamental na implementación da estratexia e, neste sentido, a Comisión Europea axudará aos Estados membros a poñer en marcha unha iniciativa gratuíta de «test de saúde do solo» que permita a agricultores e gandeiros saber máis sobre a saúde dos seus solos. Neste sentido, a nova PAC prestará apoio á posta en marcha de prácticas sostibles de xestión do solo entre os agricultores, especialmente a través dos servizos de asesoramento agrícola. Ademais, a Misión Solo do programa de innovación Horizonte Europa e o futuro Observatorio do Solo da UE recollido na estratexia serán piares fundamentais para a implementación de todas estas medidas.

Fonte: Comisión Europea

Máis información:

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante