24/10/2021
Posta en marcha da HERA, a nova Autoridade Europea de Preparación e Resposta fronte ás Emerxencias Sanitarias da UE
- Como parte da Unión Europea da Saúde, a Comisión Europea puxo en marcha a HERA co obxectivo de consolidar o plan de resposta e preparación fronte emerxencias sanitarias na UE.
- O mandato da HERA operará en dúas fases: unha primeira «fase de preparación», que consistirá en previr as crises sanitarias antes de que xurdan, e unha segunda «fase de crise», que garantirá que se produza unha resposta rápida e eficaz cando se decrete unha emerxencia sanitaria no territorio europeo.
- A HERA tamén colaborará estreitamente con socios internacionais para reforzar a preparación e a resposta a escala mundial, asegurándose de que os países de todo o mundo sexan capaces de producir vacinas, medicamentos e subministracións médicos en momentos de necesidade.
Bruxelas, 25 de outubro de 2021. A Comisión Europea vén de poñer en marcha unha
Autoridade Europea de Preparación e Resposta fronte ás Emerxencias Sanitarias (HERA) para previr, detectar e responder rapidamente a posibles emerxencias sanitarias no futuro. Isto débese a que os brotes de enfermidades infecciosas están aumentando en todo o mundo e factores como o crecemento da poboación e o cambio climático dan lugar a maiores riscos de aparición de patóxenos.
Neste contexto e no marco da
Unión Europea da Saúde, a HERA será un centro común de recursos e de control de misións para que os Estados membros e as institucións da UE estean mellor preparados de cara ás futuras ameazas transfronteirizas en materia de saúde.
A experiencia da pandemia deixou entrever que a mellor maneira de xestionar as crises sanitarias é anticiparse e prepararse, incluso antes de que se materialicen. Por iso, a HERA funcionará de dous modos diferentes: un modo de preparación e un modo de emerxencia.
A. FASE DE PREPARACIÓN
Antes dunha crise sanitaria, na «fase de preparación», a HERA colaborará estreitamente con outras axencias sanitarias nacionais e da UE, a industria e os socios internacionais para mellorar a preparación da UE fronte as emerxencias sanitarias. A HERA:
- Avaliará as ameazas e intercambiará información relevante para prever futuros brotes. Neste sentido, de aquí a principios de 2022, a HERA identificará e actuará en relacióń con polo menos tres ameazas de gran impacto e garantirá a dispoñibilidade de contramedidas médicas pertinentes para a xestión de crise (como vacinas, antibióticos, material médico, antídotos químicos, opcións terapéuticas, probas de diagnóstico ou equipos de protección individual, como guantes ou máscaras).
- Apoiará a investigacióń e a innovacióń para o desenvolvemento de novas contramedidas médicas, en particular a travéś de redes e plataformas de ensaios clínicos a escala da Unión para o intercambio rápido de datos.
- Abordará os retos do mercado e impulsará a capacidade industrial. Baseándose no traballo realizado polo Grupo de Traballo para o Escalado Industrial das vacinas contra a COVID-19, a HERA establecerá un estreito diálogo coa industria, unha estratexia a longo prazo para incrementar a capacidade de fabricación de produtos sanitarios e abordará os colos de botella da cadea de subministración das contramedidas médicas. Ademais, crearase un Foro de Cooperación Industrial conxunto, composto por representantes da industria e da Comisión, co fin de ofrecer canles para que a industria informe adecuadamente sobre as capacidades e a dispoñibilidade de subministracións das cadeas de valor industriais.
- Promoverá a contratación pública, abordará os retos relacionados coa súa dispoñibilidade e distribución e aumentará a capacidade de almacenamento para evitar a escaseza de recursos sanitarios na UE. Para iso, o proxecto EU FAB funcionará como rede de capacidades de produción activable en calquera momento para a fabricación de vacinas e medicamentos, incluíndo a dispoñibilidade de persoal cualificado, procesos operativos claros, controis de calidade e investimentos periódicos en infraestruturas sanitarias.
- Reforzará os coñecementos e as competencias sobre todos os aspectos das contramedidas médicas nos Estados membros.
B. FASE DE RESPOSTA DE EMERXENCIA
En caso de emerxencia de saúde publica, o Consello poderá activar inmediatamente a «fase de emerxencia» da HERA cando cumpra, en función da situación económica.
Durante a fase de emerxencia, o Consello de Crises Sanitarias de Alto Nivel, dirixido pola presidenta da Comisión Europea, terá o mandato de garantir unha acción coordinada por parte da Comisión, as axencias e organismos pertinentes da Unión e os Estados membros para facer fronte á ameaza sanitaria. Nesta fase, a HERA poderá pasar rapidamente a operacións de emerxencia, incluída a toma rápida de decisións e a correspondente posta en marcha de medidas de emerxencia para activar a financiación dispoñible para situacións de emerxencia, comprar contramedidas médicas e materias primas necesarias, aumentar a capacidade dos equipos de investigación para facer fronte á crise sanitaria e incrementar a capacidade de fabricación do EU FAB (facendo uso das reservas almacenadas na fase anterior).
As actividades da HERA contarán cun orzamento de:
- 6 000 millóns de euros do actual marco financeiro plurianual para o período 2022-2027, parte do cal procederá do Instrumento NextGenerationEU.
- 24 000 millóns de euros procedentes de investimentos doutros programas da UE que tamén contribuirán a apoiar a resiliencia dos sistemas sanitarios como o Mecanismo de Recuperacióń e Resiliencia, REACT-UE, os Fondos de Cohesióń, InvestEU, así como o Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperacióń Internacional.
Deste xeito, a axuda total ascenderá a 30 000 millóns de euros, e mesmo máis se se teñen en conta os investimentos a nivel nacional e no sector privado.
Intervirán varios axentes de maneira simultánea:
- O Consello de dirección da HERA: configurará a dirección estratéxica da preparación e a resposta sanitaria nacional e da UE (composto polos Estados membros e a Comisión Europea)
- A rede HERA con autoridades nacionais ou rexionais similares: contribuirá a garantir a dispoñibilidade e a accesibilidade das contramedidas médicas
- O Foro Consultivo da HERA coas partes interesadas externas (industria, mundo académico e sociedade civil): asesorará sobre a planificación e a execución das actividades científicas, sanitarias e industriais da HERA
- O Consello de Crises Sanitarias: coordinará a actuación en resposta a unha crise ou emerxencia sanitaria (composto polos Estados membros e a Comisión Europea)
4. DIMENSIÓN INTERNACIONAL
A HERA, en colaboración cos seus socios mundiais, abordará os colos de botella da cadea de subministración internacional e ampliará a capacidade de produción mundial, reforzará a vixilancia mundial en caso de emerxencia sanitaria, facilitará a cooperación internacional e o apoio ás contramedidas médicas, apoiará aos países de renda media e baixa para que adquiran competencias e desenvolvan capacidades de fabricación e distribución propias e tamén apoiará o acceso destes países ás contramedidas médicas financiadas pola UE.
PRÓXIMOS PASOS
A HERA estará plenamente operativa a principios de 2022. Posteriormente, revisarase o seu funcionamento de maneira anual ata 2025, e en 2025 levarase a cabo unha revisión máis completa relativa ao seu funcionamento.
O Consello debaterá e adoptará a
proposta de Regulamento do Consello sobre un marco de medidas urxentes relacionadas coas contramedidas médicas en caso de emerxencia de saúde pública a escala da Unión.
Proximamente, a Comisión publicará un anuncio para proporcionar por adiantado información aos fabricantes de vacinas sobre a convocatoria de licitación de EU FAB, prevista para principios de 2022.
MÁIS INFORMACIÓN: