Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/10/2021

O programa de traballo da Comisión Europea 2022

5436F_1634817193_P051254-963546.jpg
  • A Comisión vén de adoptar o seu programa de traballo para 2022, planeado para que Europa sexa máis resiliente, xusta e próspera, acelerando ao mesmo tempo a transformación da súa economía cara outra máis ecolóxica e dixital. Para conseguilo, intensificará as súas actividades no ámbito das seis grandes ambicións da Unión Europea poñendo especial atención ás xeracións futuras con motivo do Ano Europeo da Mocidade 2022.
Bruxelas, 21 de outubro 2021. A Comisión vén de adoptar o seu programa de traballo para 2022, que consta de 42 novas iniciativas lexislativas no ámbito das seis grandes ambicións das orientacións políticas da presidenta Von der Leyen e fúndase no seu discurso sobre o estado da Unión de 2021. Tamén recolle os ensinos extraídos da pandemia, á vez que presta especial atención ás novas xeracións mediante a proposta do Ano Europeo da Mocidade 2022.

No anexo 1 do programa de traballo figura a lista completa das 42 iniciativas , con 32 obxectivos políticos, clasificadas segundo as seis ambiciones principais:

1. Un Pacto Verde Europeo: a Comisión seguirá avanzando facendo de Europa o primeiro continente climaticamente neutro do mundo de aquí a 2050. Ademais do seu paquete «Obxectivo 55», a Comisión propoñerá normativa en materia de certificación da eliminación de dióxido de carbono. Ademais diso, adoptará novas medidas para conseguir unha mobilidade sen emisións, proseguirá o plan de acción de contaminación cero para mellorar a calidade da auga e do aire, establecerá novas normas sobre o uso sostible dos praguicidas e fomentará a economía circular. A Comisión tamén mobilizará recursos, xunto co xa proposto Fondo Social para o Clima, duplicando o financiamento externo para a biodiversidade. Os bonos verdes tamén desempeñarán un papel importante para situar as finanzas sostibles na vangarda da recuperación da UE.
2. Unha Europa adaptada á era dixital: a Comisión  perseverará no seu camiño para lograr a transformación dixital da UE de aquí a 2030. O mercado único segue sendo clave para a innovación de Europa e, por tanto, a Comisión volveu a examinar a política de competencia e presentará un Instrumento de Emerxencia do Mercado Único para evitar futuras perturbacións. Para dar resposta ás preocupacións en torno á subministración de  semiconductores, a Comisión adoptará unha lei europea de  microprocesadores para o efecto de promover un ecosistema de vangarda e fomentar novos mercados para as tecnoloxías revolucionarias europeas. Ademais, a Comisión propoñerá unha lei europea de ciberresiliencia para establecer normas comúns en materia de ciberseguridade e crear un sistema global de comunicacións seguras a nivel europeo. As medidas para facilitar a asimilación das competencias dixitais nas escolas e a educación superior tamén ocuparán un lugar destacado na axenda.
3. Unha economía ao servizo das persoas: a Comisión proseguirá o Plan de Acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais como guía para o emprego de calidade, unhas condicións de traballo xustas e un mellor equilibrio entre a vida profesional e privada, e tamén presentará unha proposta para mellorar a protección dos traballadores fronte aos riscos relacionados coa exposición ao amianto no traballo. Para apoiar as políticas dos Estados membros, a Comisión propoñerá unha iniciativa sobre unha renda mínima adecuada e presentará propostas sobre os pagos inmediatos para fomentar a súa plena aceptación na UE e facilitar o acceso ao capital para as empresas da UE. Unha vez que se ultimou unha solución sobre a reforma do marco internacional do imposto sobre sociedades, a Comisión velará pola súa aplicación rápida e coherente na UE.
4. Unha Europa máis forte no mundo: a Comisión establecerá unha nova estratexia mundial de pasarelas para crear asociacións de conectividade en todo o mundo a fin de impulsar o comercio e o investimento. A finais deste ano, presentarase unha nova declaración conxunta UE-OTAN e a Comisión tratará de acelerar o traballo para unha auténtica Unión Europea de Defensa. Así mesmo, presentaranse unha nova estratexia sobre o diálogo internacional en materia de enerxía e un plan de acción sobre a  gobernanza internacional dos océanos.
5. Promoción do noso modo de vida europeo: a Comisión propuxo que 2022 sexa o Ano Europeo da Mocidade e aplicará unha nova iniciativa, ALMA (Aim, Learn, Master, Achieve), que axudará aos mozos europeos que non estean empregados nin sigan unha formación ou ensino a adquirir experiencia profesional no estranxeiro co apoio social necesario. A Comisión tamén presentará unha estratexia da UE sobre as universidades e propoñerá métodos para unha cooperación  transnacional máis profunda e sostible no ensino superior. Ademais, presentará unha estratexia asistencial europea para mellorar de forma global os coidados, desde a atención á infancia ata os coidados de longa duración. Para seguir fomentando a Unión Europea da Saúde, a Comisión velará por uns medicamentos alcanzables de alta calidade mediante a proposta dun novo marco para un sector farmacéutico da UE dinámico; presentará unha revisión da lexislación sobre medicamentos pediátricos e enfermidades raras; e impulsará o  cribado e o diagnóstico precoz do cancro mediante unha Recomendación.
6. Un novo impulso á democracia europea: A Conferencia sobre o Futuro de Europa funciona a pleno rendemento e, xunto coas iniciativas cidadás europeas, a democracia europea seguirá facéndose máis dinámica. A Comisión tamén tomará novas medidas para salvagardar a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación, mediante a presentación dunha Lei europea de liberdade dos medios de comunicación, e seguirá vixiando o Estado de Dereito. Para intensificar a loita contra a delincuencia transfronteiriza, continuará traballando nun marco xurídico común sobre a transmisión eficiente dos procedementos penais entre os Estados membros. Tamén se esforzará por planear o novo organismo da UE sobre cuestións de ética en estreita consulta con outras institucións. Propoñerá medidas de mellora do recoñecemento da filiación entre os países da UE e presentarase unha iniciativa sobre a fuga de cerebros e a mitigación dos retos asociados ao declive demográfico, determinando posibles solucións.

A formulación «unha máis, unha menos»
Para diminuír a carga vinculada aos obxectivos políticos da UE, a Comisión aplicará a formulación «unha máis, unha menos», en referencia á normativa europea. Isto fará que os custos previstos do cumprimento da lexislación europea sexan cuantificados do xeito máis transparente e presentaranse en avaliacións de impacto, á vez que se compensarán os custos administrativos. A mellora da lexislación tamén seguirá apoiando a sustentabilidade e a transformación dixital, centrándose nos principios de «non causar un prexuízo significativo» e de «dixital por defecto».

Próximas medidas
A Comisión establecerá negociacións co Parlamento Europeo e o Consello para fixar unha lista de prioridades conxuntas sobre as que os colexisladores acordarán actuar con rapidez. A Comisión seguirá apoiando aos Estados e colaborando con eles para velar polo cumprimento das normas da UE e fará respectar o Dereito da UE a través de procedementos de infracción cando sexa necesario.

Contexto
Todos os anos, a Comisión aproba un programa de traballo no que se establece a lista de actuacións que emprenderá o ano seguinte. O programa de traballo informa sobre os compromisos políticos da UE en relación coa presentación de novas iniciativas, a retirada de propostas pendentes e a revisión da lexislación vixente. 

Máis información: Comisión Europea
Ficha informativa general sobre el programa de trabajo de la Comisión de 2022
Programa de Trabajo de la Comisión para 2022: hagamos juntos una Europa más fuerte
Programa de Trabajo de la Comisión para 2022


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante