07/10/2021
A Comisión publica un novo informe anual de prospectiva estratéxica
• O informe de prospectiva estratéxica de 2021 fai fincapé na mellora da capacidade e a liberdade de acción da UE a longo prazo.
• A presidenta Ursula Von der Leyen defende que o informe sobre as tendencias mundiais axudará a que a Unión aborde cuestións estratéxicas con maior antelación.
Bruxelas, 1 de outubro de 2021. A Comisión Europea adoptou recentemente o seu segundo informe anual de prospectiva estratéxica, que serve de apoio para a consecución das prioridades principais da presidenta Von der Leyen. Baixo o título “
A capacidade e a liberdade de acción da UE”, a Comunicación presenta unha perspectiva de futuro sobre a capacidade de actuación da UE nas próximas décadas. Nela, a Comisión sinala catro tendencias mundiais que condicionarán a aplicación da coñecida como “autonomía estratéxica aberta europea”: o cambio climático e outros retos ambientais, a hiperconectividade dixital e a transformación tecnolóxica, a presión sobre a democracia e os valores, e os cambios na orde mundial e a demografía.
Desde o 2020, a Comisión comezou a reflectir o concepto de autonomía estratéxica aberta en varias das súas estratexias para os próximos anos. En esencia, este concepto representa a aspiración de converter á UE nun actor independente máis influente no escenario mundial, capaz de defender os seus intereses e valores de forma asertiva para diminuír a súa vulnerabilidade.
Así, co fin de afrontar os retos do futuro e aproveitar as oportunidades para o liderado mundial da Unión Europea, a Comisión identificou dez ámbitos estratéxicos de acción:
1. Garantir uns sistemas sanitarios e alimentarios sostibles e resilientes.
2. Garantir unha enerxía descarbonizada e alcanzable.
3. Reforzar a capacidade en materia de xestión de datos.
4. Garantir e diversificar a subministración de materias primas fundamentais.
5. Garantir unha posición de liderado mundial no establecemento de normas.
6. Crear sistemas económicos e financeiros resilientes e con visión de futuro.
7. Fomentar e conservar capacidades e talentos que se axusten ás ambicións da UE.
8. Reforzar as capacidades de seguridade e defensa, así como o acceso ao espazo.
9. Colaborar cos socios mundiais para promover a paz, a seguridade e a prosperidade para todos.
10. Reforzar a resiliencia das institucións.
A Comisión seguirá aplicando o seu programa de prospectiva estratéxica e informará das iniciativas do programa de traballo para o próximo ano. Os días 18 e 19 de novembro organizará a conferencia anual do
Sistema Europeo de Análise Estratéxica e Política (ESPAS) para debater a combinación das transicións ecolóxica e dixital, que será o tema principal do informe de prospectiva do próximo ano, e como se poden reforzar mutuamente.
Contexto
Desde 2020 elabóranse informes anuais de prospectiva estratéxica para fundamentar as prioridades do
discurso anual sobre o estado da Unión, o programa de traballo da Comisión e a programación plurianual. O
informe do ano pasado introduciu a resiliencia como nova guía para a formulación das políticas da UE, e serviu como base para o informe recentemente publicado.
As principais tendencias e medidas políticas establecidas no devandito informe foron determinadas por un grupo de expertos a través de consultas cos Estados membros e outras institucións da UE no marco do ESPAS. Ademais, a Comisión creou a Rede de Prospectiva a escala da Unión, na que 27 “Ministros para o futuro” de todos os Estados reúnense para debater e acordar as principais prioridades estratéxicas, avaliar os progresos alcanzados e debater cuestións de importancia clave para o futuro de Europa.
Máis información