04/10/2021
Comeza o Evento Europeo da Xuventude
- Este ano, o evento supón a culminación do proceso de consulta á xuventude do Parlamento Europeo, no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021. O Parlamento Europeo acolle desde hoxe o Evento Europeo da Xuventude (EYE, polas súas siglas en inglés), un encontro entre miles de mozas e mozos de diferentes rexións da Unión Europea para compartir as súas ideas e reflexións sobre o futuro comunitario. Este debate terá lugar na sede do Parlamento en Estrasburgo e reunirá entre 3.000 e 4.000 mozas e mozos europeos de maneira presencial, ao que haberá que sumar os que sigan os actos de maneira online.
Por primeira vez, e como consecuencia do contexto sanitario derivado da COVID-19, o evento acollerá diferentes actividades, debates e obradoiros en liña. Baixo o lema The future is ours, estes actos porán o foco no medio ambiente e na loita contra o cambio climático, con vistas á Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático COP26 que terá lugar na cidade de Glasgow no mes de novembro.
O día 8 o evento celebrarase tamén de maneira presencial, combinándose así con actividades en liña e híbridas, e organizaranse mesas de debate xunto con activistas, eurodeputados e comisarios, entre outros perfís, para reflexionar sobre diferentes temas como a protección dos dereitos humanos, os valores europeos, a recuperación trala crise da COVID-19 ou a democracia. Froito destes encontros, elaboraranse unha serie de conclusións para presentar o día 9 na cerimonia de clausura.
O Evento Europeo da Xuventude, que reúne á xuventude europea na sede do Parlamento Europeo, celébrase cada dous anos co obxectivo de debater sobre os retos comunitarios. Este ano, ademais, o evento supón a culminación do proceso de consulta á xuventude do Parlamento Europeo no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa.
Desde maio de 2021, e coa colaboración de organizacións xuvenís paneuropeas, estanse a recoller as iniciativas da xuventude na web youthideas.eu. O evento servirá para analizar estas ideas e, despois dunha votación pública durante o evento, as propostas incluiranse nun informe e presentaranse aos membros da Conferencia para que se incorporen ao debate político da mesma.
MÁIS INFORMACIÓN