Bruxelas, 25 de setembro de 2021.- O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, unha iniciativa do Consello de Europa coa que esta institución pretende animar a cidadanía a aprender máis linguas a calquera idade, ao tempo que se propón difundir a importancia da diversidade lingüística como ferramenta para lograr unha maior comprensión intercultural e como elemento clave do rico patrimonio cultural do noso continente.
Para colaborar na consecución deste propósito, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, organiza unha xornada de actos que terá lugar conxuntamente no Museo das Peregrinacións e na praza das Praterías, situadas no centro histórico de Santiago de Compostela.
A xornada comezará ás 11 da mañá cun acto institucional no que participarán o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Bugallo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González.
A continuación desenvolverase o programa de actos culturais previstos para ese día. O trío Thais, formado por Olga Raíces Silva (voz), Orestes Reyes Martínez (violín) e Antonio Florencia Fernández Lavid (violonchelo), interpretarán «Rosa de Abril», do compositor galego Andrés Gaos, «Ich liebe dich, so wie du mich», de L. van Beethoven, «Vaga luna che inargenti», de Vicenzo Bellini e «Os teus ollos», poema de Curros Enríquez que musicou o compostelán José Castro González «Chané».
Outras actividades previstas son a proxección do audiovisual Imos de Camiño e mais unha lectura multilingüe de poemas a cargo de mozos e mozas que participan no programa Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela.