Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

16/09/2021

Von der Leyen: “Europa necesita unha alma, un ideal e a vontade política de alcanzalo”

5410F_1631791684_VDL_2.jpg
  • A presidenta da Comisión Europea saca peito dos logros conseguidos no anterior curso político á vez que avanza as liñas de actuación da institución para o seguinte. Unhas liñas estreitamente ligadas aos obxectivos climáticos, á loita contra a fraude e a evasión fiscal e á soberanía tecnolóxica europea a través da posta en marcha dunha nova Lei Europea de Chips
  • Von  der  Leyen anuncia a creación do novo programa “ALMA”, destinado a impulsar as capacidades dos mozos a través dunha experiencia profesional noutros países membros



Bruxelas, 15 de setembro de 2021.- “Europa necesita unha alma, un ideal e a vontade política de alcanzalo. Europa deu vida a estas palabras nos últimos doce meses”. Deste xeito,  parafraseando a Robert Schuman, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von  der Leyen, iniciou un discurso sobre o estado da Unión, na sede de Estrasburgo do Parlamento Europeo, no que mostrou a súa satisfacción polos fitos alcanzados durante o anterior curso político e esbozou as liñas de actuación que a Comisión seguirá durante o próximo.

Fitos, principalmente en clave sanitaria, como a aprobación do certificado dixital da UE, a creación dunha nova Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias (HERA), para a que estimou que será preciso un respaldo económico de 50 000 millóns de euros, ou o liderado mundial europeo en materia de vacinación. Un liderado que, como sinalou a presidenta, foi, ademais, solidario, facilitando a día de hoxe máis de 700 millóns de vacinas das que se puideron beneficiar máis de 130 países de fora da UE.

Tamén en clave sanitaria e en liña coa posta en marcha do piar europeo de dereitos sociais, a presidenta adiantou que a Comisión propoñerá unha nova estratexia sanitaria europea, orientada a impulsar a equidade social, co obxectivo principal de garantir o acceso dos cidadáns aos mellores coidados posibles. Unha cuestión que quixo ligar á existencia dunha contribución xusta por parte das empresas que operan na UE. Para iso, avanzou que a Comisión propoñerá un proxecto de lei “en cuxo punto de mira estarán os beneficios encubertos tras as sociedades pantalla”.

CAMBIO CLIMÁTICO
Como era  de esperar, a loita contra o cambio climático foi un dos temas fundamentais e máis transversais do discurso da presidenta. Tras anunciar, o pasado ano, unha redución das emisións contaminantes dun 55% para o 2030, Von  der Leyen puxo en valor como este obxectivo se convertiu nunha obriga legal, que se vai materializar na actualización de varios regulamentos e directivas, e propuxo a creación dun Fondo Social para o Clima que permita afrontar a pobreza enerxética, que xa afecta a 34 millóns de europeos. 

Coa vista posta na 26° Conferencia sobre o Clima da ONU, que terá lugar en Glasgow, a presidenta abriu a porta a aumentar a contribución europea, para cubrir a “lagoa” que outros países deixaron, ao non achegar o financiamento correspondente, e axudar a completar así os 100 000 millóns de dólares aos que a comunidade internacional se comprometera nas anteriores conferencias sobre o clima.

XUVENTUDE
A proposta de declarar o ano 2022 como o da mocidade europea, foi só unha das numerosas chiscadelas dedicadas ás xeracións máis novas, ás que definiu como “reflexivas, decididas e solidarias, baseadas en valores e audaces na acción” e como un exemplo para conseguir unha Unión máis forte. Neste sentido, a presidenta asegurou que “todo o que estamos a facer, desde o Pacto Verde ata  NextGenerationEU, ten como obxectivo protexer o seu futuro” e aproveitou a súa intervención para anunciar a creación do novo programa “ALMA”, co que poder brindar aos mozos que se atopan sen traballo e non se están formando, a oportunidade de ter unha experiencia profesional noutro Estado membro.

ECONOMÍA
No ámbito económico, a presidenta anunciou que a Comisión presentará unha nova Lei Europea de Chips coa que pretende situar a Europa entre os líderes mundiais do seu deseño e produción. Con isto, a Comisión pretende asegurar a soberanía tecnolóxica da Unión, fortemente dependente de mercado asiático, nun momento no que a escaseza de  semiconductores incidiu sobre toda a cadea de valor, ameazando con retardar a recuperación europea e afectando, especialmente, á electrónica de consumo e á industria do automóbil.

Sobre a recuperación económica a presidenta resaltou a rápida posta en marcha do instrumento  SURE, que puido beneficiar a máis de 31 millóns de traballadores e a 2,5 millóns de empresas europeas, e sacou músculo ao falar sobre o crecemento da zona euro, que superou ao de Estados Unidos e ao de China no último trimestre. 

ESTADO DE DEREITO
Sobre este aspecto, Úrsula Von  der  Leyen quixo manifestar o súa máis firme determinación no que á defensa dos valores europeos se refire e asegurou, á vez que mostraba a súa preocupación polos camiños que están a tomar algúns Estados membros, que a partir de 2022 os informes sobre o Estado de Dereito incluirán recomendacións concretas para os países da Unión. 

Ademais, a presidenta lembrou que, antes de finalizar o ano, a Comisión presentará unha lei para combater a violencia contra as mulleres e que o próximo, presentará unha lei sobre a liberdade de prensa de cara a garantir a independencia dos medios de comunicación.

Accede ao discurso completo da presidenta Von der Leyen



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante