Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/09/2021

O sistema enerxético da UE adáptase ós novos obxectivos climáticos

5409F_1632230191_sistema_enerxe__tico_UE.jpg

  • No marco de “Obxectivo 55”, a Comisión Europea pretende reformular o sistema enerxético da UE mediante a revisión da Directiva de eficiencia enerxética e da Directiva sobre fontes de enerxías renovables, axudando así á descarbonización da economía da UE.
  • A proposta de Directiva de eficiencia enerxética esixe ós Estados membros que garantan colectivamente unha redución de polo menos un 9% no consumo de enerxía en 2030, tendo en conta as proxeccións de consumo de 2020 e non as de 2007, como a anterior directiva. Isto equivale ós obxectivos de eficiencia enerxética dun 39% e dun 36% en relación co consumo de enerxía primaria e enerxía final, respectivamente.

  • A proposta de Directiva de eficiencia enerxética tamén contén medidas específicas relativas ó sector público, que representa o 5% do consumo final de enerxía da UE.

  • A proposta de Directiva de fontes de enerxías renovables establece un obxectivo vinculante de abastecemento de enerxías renovables na UE dun 40%.

  • Os Plans nacionais de Enerxía e Clima deberán ser actualizados conforme ós novos obxectivos establecidos por ambas as dúas directivas.

Bruxelas, 15 de setembro de 2021- A Comisión Europea vén de lanzar “Obxectivo 55” (Fitfor55), un paquete lexislativo que ten como propósito impulsar, de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Este obxectivo intermedio, que se incrementou en 15 puntos porcentuais grazas á ambición da Lei do Clima Europea, fixo necesario revisar os instrumentos pertinentes para cumprir coas reducións adicionais de emisións, para así adaptar as políticas da UE en materia de clima, enerxía ou transporte.

Dado que o sector da enerxía representa o 75% das emisións de gases de efecto invernadoiro da UE, tanto a eficiencia enerxética como as enerxías renovables constitúen ámbitos de actuación claves, sen os cales non se pode acadar a descarbonización total da economía europea.

 

PROPOSTA DE REVISIÓN DA DIRECTIVA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA

Tras a revisión da Directiva 2012/27/UE en 2018 mediante a modificación levada a cabo pola Directiva 2018/2002/UE, a proposta da Comisión Europea reformula todo o texto legal. Busca introducir un obxectivo máis alto para reducir o consumo de enerxía primaria (39%) e final (36%) para 2030, agora vinculante a nivel europeo, por riba do obxectivo actual do 32,5% (para ambos) Introduce un sistema de avaliación comparativa para que os Estados membros establezan as súas contribucións indicativas nacionais ó obxectivo vinculante da UE. Tamén se propón case duplicar as obrigas anuais de aforro de enerxía dos Estados membros no uso final. Ó estimular esta aceleración, a proposta céntrase nos sectores cun alto potencial de aforro enerxético, en particular, a calefacción, a refrixeración, a industria e a enerxía e pon un énfase adicional no sector público como exemplo para liderar a transición.

Tomando unha serie de elementos descritos na súa Estratexia sobre unha vaga de renovación, a proposta inclúe medidas para impulsar a renovación dun xeito que tamén beneficie á sociedade en termos de pobreza enerxética ó tempo que fortalece ó consumidor. A proposta tamén describe unha serie de cambios que deberían aumentar a aceptación dos investimentos en eficiencia enerxética.

A) Novo obxectivo de eficiencia enerxética para 2030 e requisito de aforro anual elevado ó 1,5%

En virtude da Directiva de 2018, a UE estableceu un obxectivo de eficiencia enerxética para reducir o consumo de enerxía en 2030 en polo menos un 32,5% en comparación coas proxeccións de consumo de 2007 para 2030. A continuación, pediuse a cada Estado membro que describira como pretendía acadar este e outros obxectivos nos seus Plans nacionais de Enerxía e Clima, presentados en 2020. A avaliación de 2020 da Comisión Europea sobre o impacto acumulativo destes vinte e sete Plans mostra que non acadan o obxectivo do 32,5% (29,4% para o consumo de enerxía final e 29,7% para o consumo de enerxía primaria)

A Comisión Europea estima que, para poder acadar unha redución de emisións do 55% para 2030, deberíase ter como obxectivo reducir o consumo de enerxía primaria a 1 023 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (Mtep) e o consumo de enerxía final a 787 Mtep. En relación coas proxeccións de consumo de 2007 nas que se basea o obxectivo do 32,5%, isto equivale a novos obxectivos do 39% e 36%, respectivamente. Porén, a Comisión Europea comparou estas cifras coas proxeccións actualizadas do escenario de referencia de 2020 do consumo de enerxía para 2030. Polo tanto, os novos obxectivos expresasen na proposta como unha redución do 9% en consumo de enerxía para 2030 en comparación con esta nova referencia. A proposta esixe que cada Estado membro determine a súa contribución nacional indicativa sobre a base dunha fórmula de criterios obxectivos e puntos de referencia, que reflexen as circunstancias nacionais. Posteriormente, a Comisión avaliaría e proporía solucións para abordar calquera déficit no obxectivo da UE.

Ademais de elevar o obxectivo da UE, a proposta aumenta un dos elementos clave para impulsar as melloras da eficiencia enerxética: a obriga dos Estados membros de lograr aforros anuais de enerxía no consumo final. Na actualidade, a obriga esta fixada no 0,8% anual, pero a proposta busca elevar esta cifra ó 1,5% a partir de 2024, ata o 2030. Dado que se dirixe ó uso final de enerxía, agárdase incentivar maiores esforzos en sectores clave, como os edificios, a industria e o transporte a través de réximes obrigatorios de eficiencia enerxética e medidas políticas alternativas.

B) Sectores intensivos en electricidade

Se ben o potencial de aforro de enerxía segue sendo grande en todos os sectores, existe un desafío particular relacionado co transporte (responsable do 30% do consumo de enerxía final) e os edificios (responsables do 40% do uso de enerxía) Parte destes desafíos abórdanse coa proposta de incluír estes dous sectores no Réxime de comercio de dereitos de emisión (ETS), pero tamén existe un reforzo na proposta de revisión da Directiva de eficiencia enerxética para conseguir que estes sectores sexan enerxeticamente máis eficientes.

A proposta de Directiva busca establecer un novo marco para a calefacción e a refrixeración, que representa o 80% do uso de enerxía nos edificios, co obxectivo de reducir as súas emisións. Os requisitos existentes para garantir unha maior eficiencia na xeración de calor deben estenderse ás instalacións de subministración de enerxía máis pequenas con un consumo de enerxía significativo. É probable que eses requisitos estimulen o uso de calor residual e enerxía renovable neste sector, necesarios para descarbonizar a calefacción e a refrixeración. Nos sistemas de refrixeración e calefacción urbana, a definición de sistema eficiente axustarase gradualmente para afastarse dos sistemas baseados en combustibles fósiles. Na coxeración, o obxectivo é introducir criterios adicionais de emisións específicas en coxeración de alta eficiencia (inferiores a 270gCo2/KWh)

Para as empresas, a proposta ten como obxectivo fortalecer os requisitos de maneira focalizada. Así, os usuarios que consuman máis enerxía (máis de 100 TJ ó ano) e que non conten con sistemas de xestión da enerxía, deberán facelo no futuro. Para outras empresas, a obriga de ter unha auditoría cada catro anos so se aplicará a aquelas que empreguen máis de 10TJ de enerxía por ano. Isto reducirá a carga sobre as empresas máis pequenas e que consumen menos enerxía.

C) O exemplo administración pública

As estimacións da Comisión Europea indican que as actividades do sector público (educación, saúde e servicios sociais, transporte público, subministración e tratamento de augas, alumeado público) consumen preto de 50 Mtep anuais en toda a UE, o que representa o 5% do consumo final de enerxía da UE. Por iso, a directiva refundida introduce medidas específicas de aforro de enerxía para o sector público, que inclúen a nova obriga de reducir o consumo anual de enerxía nun 1,7% cada ano, a obriga reforzada de renovación do 3% da superficie de edificios públicos así como a obriga de incluír de maneira máis sistemática requisitos de eficiencia enerxética nos procedementos de contratación pública.

D) Protección dos consumidores

A proposta introduce un novo requisito para que os Estados membros adopten medidas para poñer en marcha melloras de eficiencia enerxética para as persoas en risco de pobreza enerxética, os clientes vulnerables e, cando proceda, as persoas que viven en vivendas sociais. Agárdase que parte destas medidas se financien a través dos ingresos das asignacións do ETS para a construción e o transporte e o novo Fondo Social para o Clima.

 

DIRECTIVA SOBRE FONTES DE ENEREXÍAS RENOVABLES 

Sobre a base da actual Directiva 2018/2001, a proposta de revisión incrementa en 8 puntos porcentuais o obxectivo actual da UE de acadar en 2030 unha cota de enerxías renovables de polo menos un 32%. Tamén establece un marco global para o despregamento de enerxías renovables en todos os sectores da economía, en consonancia coa visión da Comisión Europea para conseguir no futuro un sistema enerxético integrado.

A revisión céntrase nos sectores nos que o progreso na integración das enerxías renovables foi máis lento ata a data, como o transporte, a construción e a industria. Algunhas destas medidas adoptan a forma de obxectivos adicionais, mentres que outras están destinadas a simplificar procedementos administrativos (v.g. acelerando o proceso de obtención de permisos).

A proposta busca permitir que os sistemas enerxéticos da UE sexan máis flexibles, facilitando a integración das enerxías renovables na rede da maneira máis eficiente posible. Isto debería permitir que a calefacción urbana, as bombas de calor, as baterías domésticas e os vehículos eléctricos acaden o seu mellor potencial. A proposta tamén apoia o impulso do hidróxeno renovable onde a electrificación é máis difícil. Ademais, propóñense novas normas para reforzar os criterios de sostibilidade da biomasa forestal, garantindo que produtos como a biomasa poidan seguir aportando unha contribución importante de forma coherente cos obxectivos de biodiversidade da UE.

A) Novo obxectivo para 2030

O propósito principal da proposta é aumentar para 2030 o obxectivo vinculante de abastecemento de enerxías renovables na UE ata un 40%. Isto supón un incremento significativo con respecto ó obxectivo do 32% establecido na Directiva de 2018. Porén, o impacto acumulativo dos vinte e sete Plans nacionais de Enerxía e Clima presentados polos Estados membros en 2020 mostra que as medidas xa previstas na UE-27 ascenderían a unha cota de enerxías renovables dun 33,1-33,7%. Aínda así, este progreso ten que acelerarse aínda máis nas próximas décadas para cumprir co obxectivo de redución de emisións do 55%.

As cifras de 2019 mostran que a cota de enerxías renovables no conxunto da UE era do 19,7% en consonancia cos obxectivos para 2020 (20% de enerxías renovables sobre o consumo final de enerxía) Porén, existiu unha variación considerable na asimilación: mentres que en 2019, o sector enerxético acadou unha cota de renovables do 34,1%, as cifras para os sectores do transporte e  da calefacción e refrixeración foron dun 8,9% e dun 22,1%, respectivamente. A Comisión Europea tamén destaca a necesidade de facer máis para reducir as emisións nos edificios, que representan o 40% do consumo de enerxía na UE e o 36% das emisións relacionadas coa enerxía.

En consonancia co principio de neutralidade tecnolóxica da UE, non se sinalan que tecnoloxías deberán empregarse para acadar as metas establecidas para 2030. Porén, a proposta si establece unha serie de novos obxectivos indicativos a nivel nacional destinados a impulsar o cambio en 2030.

  • Edificios: as enerxías renovables deben representar, como mínimo, o 49% do consumo de enerxía total.
  • Industria: incremento anual medio de 1,1 puntos porcentuais na utilización de enerxías renovables.
  • Calefacción e refrixeración: o incremento anual de 1,1 puntos porcentuais convértese nun mínimo vinculante.
  • Sistemas de calefacción e refrixeración urbanos: aumento de 2,1 puntos porcentuais (con respecto ó aumento actual de 1 punto porcentual) no uso de enerxías renovables.
  • Transporte: cada Estado membro imporá obrigas ós provedores de combustibles para garantir que:  

    • A cantidade de combustibles renovables e de electricidade renovable subministrada ó sector do transporte conduce a unha redución da intensidade de gases de efecto invernadoiro de polo menos o 13% de aquí a 2030. 

    • A cota de biocombustibles avanzados é de polo menos un 0,2% en 2022; un 0,5% en 2025 e un 2,2% en 2030.

    • A cota de combustibles renovables de orixe non biolóxico é do 2,6%, e existe un 50% de participación das enerxías renovables no consumo de hidróxeno na industria, apoiando así o obxectivo de acadar unha capacidade de electrolizadores de 40 GW de aquí a 2030, segundo o establecido na Estratexia da UE do Hidróxeno.

B) Impulso dos criterios de sostibilidade da bioenerxía

Dado que a bioenerxía proporciona o 60% das enerxías renovables na UE, a proposta busca endurecer os criterios de sostibilidade da biomasa forestal para pechar unha serie de lagoas que poderían contradicir a Estratexia de Biodiversidade da UE. O primeiro paso é prohibir o uso de toda a biomasa procedente de bosques primarios e de grande biodiversidade (no canto de unicamente a biomasa agrícola, como se establece nas normas actuais) así como de raíces. Os criterios de aforro de emisións de gases de efecto invernadoiro tamén deberían aplicarse ás instalacións existentes baseadas en biomasa (non só ás novas) e o límite para aplicar criterios de sostibilidade para instalacións de pequena escala redúcese a 5 MW, no canto do nivel actual de 20 MW. Coa finalidade de minimizar o uso de madeira en rolo, as novas normas tamén introducen para os Estados membros a obriga de deseñar plans de apoio para eliminar gradualmente as axudas a instalacións eléctricas que empregan biomasa leñosa.

C) Outras medidas para eliminar as barreiras no uso de enerxías renovables

  • No que respecta ás disposicións sobre concesión de permisos, a proposta solicita ós Estados membros que eliminen obstáculos adicionais ós procedementos de autorización, con requisitos mellorados de presentación de informes e unha cláusula de revisión para 2024. Ademais, para seguir apoiando os avances dos Estados membros, a Comisión Europea considerara emitir unha guía coas mellores practicas sobre permisos ó longo de 2022.

  • A proposta tamén introduce unha metodoloxía de etiquetado da UE para produtos industriais producidos con enerxía renovables, que apoiará a adopción destes produtos polo consumidor.

  • Por último, tamén existe unha nova obriga de ter un proxecto piloto transfronteirizo para fomentar a cooperación rexional en enerxías renovables. Así, como moi tarde o 31 de decembro de 2025, cada Estado membro celebrará un acordo con outro ou outros Estados membros, o cal será notificado á Comisión Europea indicando en que data se agarda que o proxecto comece a ser operativo.


PLANS NACIONAIS DE ENERXÍA E CLIMA

O Regulamento 2018/1999 sobre a gobernanza da Unión da Enerxía e da Acción polo Clima estableceu un marco integrado de planificación, seguimento e presentación de informes en materia de enerxía e clima, coa finalidade de supervisar o progreso na consecución dos obxectivos climáticos e enerxéticos de conformidade co Acordo de París.

Como moi tarde a finais de 2019, os Estados membros tiveron que presentar á Comisión Europea os seus Plans nacionais integrados de Enerxía e Clima para 2021-2030. A partir de 2023, os Estados membros deben presentar informes bianuais sobre o avance da execución dos Plans e, adicionalmente, deben comunicar á Comisión os seus proxectos de actualización de tales Plans. A primeira actualización, que necesariamente terá que cubrir os novos obxectivos acordados pola revisión da Directiva de fontes de enerxías renovables e Directiva de eficiencia enerxética, deberá presentarse en 2024.


PRÓXIMOS PASOS

Ambas propostas seguirán o percorrido típico do proceso lexislativo ordinario, debendo ser aprobadas por Parlamento Europeo e Consello da UE tras as modificacións pertinentes aportadas por ambas as dúas institucións. Finalmente, o texto consolidado será trasposto polos Estados membros para integralo no seu ordenamento xurídico nacional.


MÁIS INFORMACIÓN

  • Nota de prensa da Comisión Europea sobre o paquete lexislativo “Obxectivo 55”

 

 

 

 



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante