Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/09/2021

CBAM: o mecanismo da UE para rematar coa fuga de carbono

5408F_1632230252_CBAM.jpg

  • Igualará o prezo de carbono dos produtos nacionais e importados, ó tempo que garante que os obxectivos climáticos da UE non se ven contrarrestados polo traslado da produción a países con políticas menos ambiciosas.

  • Os importadores da UE comprarán certificados de carbono correspondentes ó prezo do carbono que se tería pagado se os bens se tivesen producido con arranxo ás normas para tarifar o carbono da UE.

  • Existirá unha fase transitoria entre 2023 e 2025, coa idea de que o sistema estea plenamente operativo en 2026.

  • En tanto que potencial recurso propio da UE, os ingresos procedentes do CBAM contribuirán ó orzamento da UE.

Bruxelas, 15 de setembro de 2021- O Mecanismo de axuste en fronteira por emisións de carbono (CBAM, polas súas siglas en inglés), saído á luz no contexto do paquete lexislativo “Obxectivo 55 (Fitfor55), foi proposto pola Comisión Europea para abordar os riscos da “fuga de carbono”, que existirán sempre que un número significativo de socios internacionais da Unión promovan enfoques políticos que non dean como resultado o mesmo nivel de ambición climática que a UE. Isto pode dar lugar a dúas situacións:

  • As empresas da UE de certos sectores industriais transfiren a produción a outros países con restricións de emisións menos estritas.

  • As importacións que proveñen destes países substitúen produtos equivalentes pero máis intensivos en emisións de gases de efecto invernadoiro.

Debido a isto, o obxectivo do CBAM será o de igualar o prezo de carbono dos produtos nacionais e importados, ó tempo que garante que os obxectivos climáticos da UE non se ven contrarrestados polo traslado da produción a países con políticas medioambientais menos ambiciosas.


1- Funcionamento

Os importadores da UE comprarán certificados de carbono (certificados CBAM) correspondentes ó prezo do carbono que se tería pagado se os bens se tivesen producido con arranxo ás normas para tarifar o carbono da UE.

O prezo dos certificados CBAM calcularase en función do prezo medio semanal da poxa dos dereitos de emisión do Réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (ETS) expresado en euros/tonelada de CO2 emitido. Os importadores dos bens terán que rexistrarse ante as autoridades nacionais, ás que tamén poden comprar certificados CBAM.


2- Ámbito de aplicación

Inicialmente, só se aplicará a un número de bens con alto risco de fuga de carbono e caracterizados polas súas altas emisións: ferro, aceiro, cemento, fertilizantes, aluminio e produción de electricidade. O CBAM aplicarase ás emisións directas de gases de efecto invernadoiro emitidas durante o proceso de produción dos bens sinalados.

Así mesmo, estarán cubertas as importacións de bens de todos os países non pertencentes á UE,  quedando excluídos determinados países que xa participan no ETS (Islandia, Liechtenstein e Noruega) ou que teñen un réxime de comercio de dereitos de emisión vinculado á Unión (v.g. Suíza)


3-Sinerxías co ETS 

O CBAM resulta unha alternativa ás medidas que abordan o risco de fuga de carbono no actual ETS, que se corresponde co primeiro réxime internacional deste tipo no mundo, en funcionamento dende 2005.

Nos sectores cubertos por este réxime cun maior risco de fuga de carbono, este risco xestiónase mediante a concesión de dereitos de emisión gratuítos, o que reduce, porén os incentivos para investir nunha maior redución dos gases de efecto invernadoiro. Aínda así, como parte do paquete lexislativo “Obxectivo 55”, tamén se propón unha revisión do ETS, estendéndoo ó transporte marítimo e creando un novo ETS para os edificios e o transporte por estrada. En particular, a maior ambición climática desta revisión aparece reflexada na imposición dun límite máis estrito de emisións, o que implica que diminuíra o número total de dereitos de emisión dispoñibles así como o número de dereitos gratuítos. No suposto dos sectores do CBAM (ferro, aceiro, cemento, fertilizantes, aluminio e produción de electricidade), os dereitos gratuítos iranse eliminando gradualmente xa a partir de 2026.

En 2026, unha vez que o CBAM estea operativo, o sistema axustarase para reflexar o ETS revisado, especialmente no que se refire á redución dos dereitos gratuítos nos sectores cubertos polo Mecanismo de axuste. Así, ata a súa eliminación completa en 2035, o CBAM só se aplicará ás emisións que non se beneficien de dereitos gratuítos no marco do ETS.


4- Recursos propios

En tanto que potencial recurso propio da UE, os ingresos procedentes do CBAM contribuirán ó orzamento da UE. A proposta de modificación da Decisión do Consello de 26 de maio de 2014 sobre o sistema de recursos propios da UE establecerá como os Estados membros deben poñer a disposición do orzamento da UE os ingresos precisos como recursos propios.

No Consello Europeo extraordinario levado a cabo entre os días 17 e 21 de xullo de 2020, os líderes europeos chegaron a un acordo político sobre o instrumento temporal de recuperación “NextGenerationEU”, que proporcionará ós Estados membros os medios necesarios para abordar os desafíos da crise sanitaria a través dun desembolso de 750 mil millóns de euros. Neste sentido, coa finalidade de introducir novos recursos para cubrir o importe correspondente ó gasto previsto, acordaron que “durante os próximos anos, a Unión obrará para fomentar o sistema de recursos propios e instaurar novos recursos propios (...) No primeiro semestre de 2021, a Comisión presentará unha proposta relativa a un mecanismo de axuste en fronteira das emisións de carbono, que servirá de base para recursos propios adicionais (...)”


5- Período transitorio e posta en marcha

En principio, existirá unha fase transitoria entre 2023 e 2025 na que os importadores terán que notificar as emisións dos seus bens, mais sen pagar o axuste financeiro. Antes de que finalice o período transitorio, a Comisión Europea avaliará o funcionamento do Mecanismo, considerando se ampliar o seu ámbito de aplicación a máis bens así como se cubrir tamén as chamadas emisións indirectas (as emisións de carbono da electricidade empregada para producir o ben)

Unha vez que o sistema estea plenamente operativo en 2026, os importadores da UE terán que declarar anualmente, a máis tardar o 31 de maio, a cantidade de bens que importaron á UE o ano anterior e a cantidade de emisións de tales bens, entregando o número correspondente de certificados CBAM ás autoridades nacionais.


CONTEXTO

A Comisión Europea vén de lanzar “Obxectivo 55” (Fitfor55), un paquete lexislativo que ten como propósito impulsar, de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Este obxectivo intermedio, que se incrementou en 15 puntos porcentuais grazas á ambición da Lei do Clima Europea, fixo necesario revisar os instrumentos pertinentes para cumprir coas reducións adicionais de emisións, para así adaptar as políticas da UE en materia de clima, enerxía ou transporte.

O CBAM encádrase no marco paquete lexislativo. Porén, a Comisión Europea xa anunciara a súa intención de propoñer un Mecanismo de axuste no Pacto Verde Europeo. Como se indica nesta Comunicación, “se a medida que a UE eleva o seu nivel de ambición climática, persisten diferenzas a este respecto a nivel mundial, a Comisión proporá un mecanismo de axuste do carbono en fronteira, para os sectores específicos, coa finalidade de atenuar o risco de fuga de carbono. Esta medida configurarase de maneira que respecte a normativa da Organización Mundial do Comercio (OMS) e outras obrigas internacionais da UE


MÁIS INFORMACIÓN

  • Nota de Prensa da Comisión Europea sobre o paquete lexislativo “Obxectivo 55”


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante