Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/09/2021

Un novo fondo climático para protexer os fogares máis desfavorecidos

5407F_1632230335_Fondo_Social_para_o_Clima.jpg
  • O novo Fondo Social para o Clima enmárcase no paquete lexislativo “Obxectivo 55”, lanzado recentemente pola Comisión Europea.

  • Dado o establecemento dun novo réxime de comercio de dereitos de emisión que cubra as emisións dos edificios e do transporte por estrada, a Comisión Europea propuxo a creación dun Fondo destinado a mitigar o impacto social desta medida.

  • Contará cun orzamento de 72 200 millóns de euros para o período 2025-2032, dividido en asignacións nacionais. No suposto español, esta asignación será de case 7 600 millóns de euros para o período 2025-2032.
  • O Fondo financiarase con recursos propios do orzamento da UE, que provirán dos ingresos derivados da poxa dos dereitos de emisión dos edificios e do transporte por estrada. Para isto, será precisa unha modificación da Decisión sobre o sistema de recursos propios.

  • Para acceder ó financiamento proporcionado polo Fondo, será necesario que os Estados membros cumpran os obxectivos establecidos nos seus Plans Sociais para o Clima.

Bruxelas, 15 de setembro de 2021- No marco de “Obxectivo 55(Firfor55), a Comisión Europea sacou á luz unha proposta de regulamento mediante o que se estable un Fondo Social para o Clima, destinado a abordar, no período 2025-2032, os impactos sociais derivados do comercio de dereitos de emisión (ETS) para os sectores da construción (edificios) e o transporte por estrada. A súa finalidade é proporcionar apoio temporal ós Estados membros na posta en marcha de medidas en beneficio dos fogares, empresas e usuarios vulnerables, as cales están destinadas a reducir a dependencia dos combustibles fósiles mediante:

  • Unha maior eficiencia enerxética dos edificios.
  • A descarbonización da calefacción e a refrixeración dos edificios, incluída a integración de enerxía de fontes renovables.
  • Un mellor acceso á mobilidade e ó transporte de cero emisións.


PLANS SOCIAIS PARA O CLIMA

Cada Estado membro deberá elaborar un Plan Social para o Clima, que deberá ser presentado xunto coas actualizacións dos Plans Nacionais de Enerxía e Clima a máis tardar en xuño de 2024 para ser avaliado e aprobado pola Comisión Europea. Unha vez suceda isto, firmarase un acordo entre o executivo comunitario e o Estado membro en cuestión, no que se establecerá o compromiso financeiro para o uso do diñeiro no marco do Fondo. Os pagos das asignacións financeiras do Fondo non se levarán a cabo ata que o Estado membro non cumpra cos obxectivos establecidos no seu Plan.

Os Estados membros tamén deberán contribuír a polo menos o 50% dos custos totais estimados do Plan, para o que deberán recorrer ós ingresos da poxa dos seus dereitos no marco do comercio de dereitos de emisión dos novos sectores.


ORZAMENTO

A dotación orzamentaria do Fondo é de 23 700 millóns de euros para o período 2025-2027 e de 48 500 millóns de euros para o período 2028-2032, o que implica un total de 72 200 millóns de euros durante os anos 2025-2032. A cada Estado membro correspóndelle unha asignación establecida no Anexo II do Regulamento do Fondo. No suposto español, esta asignación será de case 7 600 millóns de euros para o período 2025-2032 (preto de 2 500 durante 2025-2027 e 5 100 durante 2025-2032)

A Comisión Europea proporá en breves unha modificación específica do Regulamento polo que se establece o Marco Financeiro Plurianual (MFP) para o período 2021-2027 para así dar cabida ó gasto adicional de 23 700 millóns de euros durante 2025-2027. O importe de 48 500 millóns de euros para 2028-2032 está suxeito á dispoñibilidade de fondos dentro dos límites máximos anuais do MFP dese período, para o cal a Comisión deberá presentar unha proposta antes de xullo de 2025.

Ademais, para o período 2025-2032, o Fondo financiarase con recursos propios da Unión, incluíndo, a partir de 2026, o 25% dos ingresos procedentes do comercio de dereitos de emisión para os edificios e o transporte por estrada, tal e como se prevé na modificación da Decisión do Consello de 26 de maio de 2014 sobre o sistema de recursos propios da UE, que será presentada pola Comisión Europea nos próximos meses. 

Os pagos das asignacións financeiras de cada Estado membro (non máis de dous ó ano) realizaranse unha vez que se completen os obxectivos indicados nos Plans Sociais para o Clima. Os pagos finais realizaranse en 2032.


PRÓXIMOS PASOS

Para garantir que o Fondo só se emprega se o réxime de comercio de dereitos de emisión para os edificios e o transporte por estrada se aplica de maneira eficaz, o seu Regulamento só se aplicará a partir da data na que os Estados membros teñan que traspoñer a Directiva pola que se establece un Réxime de comercio de dereitos de emisión da UE, que contén disposición especificas sobre os sectores mencionados. Isto correspóndese co 31 de decembro de 2023.

Agárdase que a posta en marcha do Fondo se leve a cabo nas seguintes datas:

  • A partir de mediados de 2023: os Estados membros poderán comezar a presentar o borrador do seu Plan Social para o Clima.

  • 30 de xuño de 2024: data prevista para a entrada en vigor do Regulamento mediante o que se establece o Fondo, así como a data límite na que os Estados membros deben presentar á Comisión Europea o seu Plan Social para o Clima definitivo.

  • 30 de xuño a 31 de decembro de 2024: a Comisión Europea deberá avaliar estes Plans e, se procede, adoptar actos delegados para a súa aprobación.

  • A partir de comezos de 2025: a Comisión Europea comezará a firmar acordos individuais sobre o uso do Fondo cos Estados membros.

  • A partir de mediados de 2025: os Estados membros poderán comezar a solicitar pagos con cargo ó Fondo, os cales só se realizarán tras a avaliación dos obxectivos completados.

Ademais, antes de que finalice 2021, a Comisión Europea tamén ten a intención de presentar unha proposta de Recomendación do Consello sobre como abordar os aspectos sociais da transición verde.


CONTEXTO

A Comisión Europea vén de lanzar “Obxectivo 55” (Fitfor55), un paquete lexislativo que ten como propósito impulsar, de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Este obxectivo intermedio, que se incrementou en 15 puntos porcentuais grazas á ambición da Lei do Clima Europea, fixo necesario revisar os instrumentos pertinentes para cumprir coas reducións adicionais de emisións, para así adaptar as políticas da UE en materia de clima, enerxía ou transporte.

No marco do conxunto de propostas, pódese atopar unha relativa á creación dun novo réxime de comercio de dereitos de emisión que cubra as emisións dos edificios e do transporte por estrada.  Ante o risco de que as empresas deste dous sectores repercutan este novo custo nos consumidores finais e para que isto non afecte ós fogares máis desfavorecidos, a Comisión Europea propuxo a creación dun Fondo Social para o Clima. 


MÁIS INFORMACIÓN

  • Nota de Prensa da Comisión Europea sobre o paquete lexislativo “Obxectivo 55”

 





Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante