01/09/2021
Súmate ao reto para a xuventude do Pacto polo Clima
- A participación estará aberta a toda persoa de entre 15 e 30 anos até o 20 de setembro.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021. O reto para a xuventude do Pacto polo Clima, unha iniciativa da Comisión Europea, é unha oportunidade para contribuír na transición verde a través do establecemento de sinerxías entre a mocidade, para crear conxuntamente ideas e proxectos innovadores de participación xuvenil no eido da acción polo clima.
Ao abeiro deste desafío, toda persoa que participe poderá unirse a un proxecto ou poñer en marcha a súa propia idea xunto con outras persoas, creando unha breve presentación en vídeo antes do 30 de setembro. As ideas presentadas terán que xirar en torno a catro temas:
- Apoio á mocidade embaixadora do Pacto polo Clima.
- Intensificación das accións individuais con respecto ao clima.
- Fortalecemento da participación da xuventude na política climática.
- Educación en materia de acción polo clima.
Todos os equipos terán a oportunidade de poñerse en contacto con partes interesadas que poidan apoiar a execución dos seus proxectos. Ademais, as ideas mellor valoradas serán presentadas ao vicepresidente executivo Frans Timmermans o 11 de outubro.
A participación estará aberta a toda persoa de entre 15 e 30 anos até o 20 de setembro.
Se queres participar, só tes que rexistrarte na seguinte
páxina web e comezar a conectar con outras persoas, compartir ideas ou sumarte a algún proxecto existente.
Unha vez rexistrado/a, terás acceso á plataforma European Climate Pact Community Hub, onde poderás unirte a grupos que xa comezaran a preparar o seu proxecto ou iniciar o teu propio grupo a través do contacto con outras persoas participantes.