14/07/2021
Eslovenia releva a Portugal na Presidencia do Consello
- Eslovenia asume a presidencia rotatoria do Consello da UE baixo o lema “Xuntos. Resiliente. Europa”.
- Establece catro grandes prioridades para os próximos seis meses, centradas na recuperación económica, a reflexión sobre o Futuro de Europa, a promoción do modo de vida europeo e a estabilidade nos países da veciñanza.
Bruxelas, 14 de xullo do 2021. O pasado 1 de xullo, e ata o 31 de decembro de 2021, Eslovenia asumiu a presidencia do Consello da Unión Europea, agradecendo o traballo realizado previamente pola Presidencia portuguesa e a alemá durante o os últimos doce meses.
O reto fundamental ao que se enfronta a Presidencia eslovena é a necesidade de fortalecer a resiliencia para que a UE estea mellor preparada para futuras crises, especialmente nos ámbitos sanitario, económico, enerxético, climático e cibernético. Ademais, a nova presidencia tamén se enfronta ao desafío que supón a correcta execución dos fondos de recuperación europeos.
Eslovenia establece catro prioridades clave para o seu mandato: a recuperación económica, a reflexión sobre o Futuro de Europa, a promoción do modo de vida europeo e a estabilidade nos países da veciñanza:
1. Fortalecer a resiliencia, a recuperación e autonomía estratéxica da UE:
O obxectivo é fortalecer a capacidade da UE para que no futuro poida responder de maneira mais eficaz de cara ás posibles situacións de crise que, pola súa natureza, superen a capacidade de xestión dos Estados membros por si mesmos e, polo tanto, requiran unha resposta conxunta a nivel comunitario. Estas situacións de crise poden incluír novas pandemias ou diversas formas de ameazas modernas á seguridade como, por exemplo, os ciberataques a gran escala.
En relación coas pandemias, a Presidencia eslovena:
- Poñerá o foco no desenvolvemento da chamada “Unión da Saúde “ co obxectivo de fortalecer os mandatos das axencias europeas clave neste eido, como a Axencia Europea de Medicamentos (EMA).
- Esforzarase por lograr unha mellor coordinación entre a UE e os seus Estados membro, no que respecta á preparación e a resposta contra as ameazas transfronteirizas e velará pola creación do novo organismo europeo para responder as emerxencias sanitarias, a Autoridade Europea de preparación e resposta fronte ás emerxencias sanitarias. Así mesmo, fomentará unha maior reflexión sobre as leccións aprendidas e as experiencias da crise da COVID-19.
- Fortalecerá a autonomía estratéxica da UE, aumentando a capacidade da UE de garantir a dispoñibilidade de vacinas e medicamentos a través da posta en común de infraestrutura conxunta, investigación e desenvolvemento e a fabricación de medicamentos no territorio europeo.
En canto á renovación tecnolóxica, a Presidencia eslovena:
- Avanzará na regulación dos servizos e mercados dixitais, creando os novos estándares para o uso das plataformas dixitais, baseados nos valores europeos.
- Garantirá que a implantación da nova estratexia industrial europea actualizada inclúa o fortalecemento da autonomía estratéxica e soberanía tecnolóxica da UE.
- Aumentará a resiliencia cibernética da UE de cara a posibles ciberameazas. A UE debe estar preparada para dar unha resposta coordinada a posibles ciberataques contra a economía, a democracia ou a infraestrutura critica. Para iso, centrarase na Revisión da Directiva sobre a seguridade das redes e sistemas de información (NIS, polas súas siglas en inglés), a pedra angular da resiliencia cibernética europea.
- Establecerá un marco legal para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial. Farase especial fincapé no uso ético da IA e o seu desenvolvemento, tendo en conta os valores europeos e o respecto aos Dereitos Fundamentais.
No relativo ao paquete de Recuperación para Europa, a Presidencia eslovena quérese asegurar de que a recuperación sexa duradeira en todos os sectores da economía e a vida social. Por iso, traballará na posta en marcha do instrumento Next Generation EU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia co fin de acelerar a transición dixital e verde, garantindo que tamén sexa xusta e equitativa:
- Unha das primeiras tarefas será a adopción dos plans nacionais de recuperación e resiliencia para acelerar a execución dos proxectos nacionais.
- Iniciará un debate sobre as propostas dos novos recursos propios, centrándose na taxa dixital e no imposto transfronteirizo sobre o carbono.
No que concirne á
transición verde, a Presidencia eslovena esforzarase por alcanzar os obxectivos climáticos para a UE en 2030 e 2050, o que, de acordo co
Acordo de París permitiría que Europa se converta no primeiro continente climaticamente neutro do mundo:
- Dará prioridade ao paquete climático e enerxético Fit for 55, para que o obxectivo de reducir as emisións de gas de efecto invernadoiro nun 55% para 2030 se incorpore á lexislación europea de forma adecuada e equilibrada.
- Coordinará o mandato da UE para a COP26, que se celebrará en novembro en Glasgow.
- Fomentará a economía circular baixa en carbono e tentará reducir a dependencia de materias primas da UE. O obxectivo da Presidencia eslovena non é só reducir os riscos ambientais, senón tamén garantir unha vantaxe competitiva para as empresas da UE na contorna internacional mediante o uso de tecnoloxías ecolóxicas.
- Promoverá os modelos comerciais sostibles e a transición cara a un sistema alimentario máis saudable e sostible impulsando o desenvolvemento da agricultura ecolóxica europea.
2. Conferencia sobre o Futuro de Europa: A maior parte dos traballos da
CoFoE executaranse durante a Presidencia eslovena con miras a concluílos na primavera do ano que vén baixo a Presidencia francesa.
- Como membro do Comité Executivo, a Presidencia eslovena ten a tarefa de coordinar e harmonizar os puntos de vista dos Estados membros e representar ao Consello da UE na Conferencia.
- A Presidencia eslovena centrará o debate no futuro das políticas claves da UE que preocupan aos cidadáns de maneira directa: o cambio climático, o medio ambiente, a saúde, a economía, o emprego, a xustiza social, os valores e dereitos, a seguridade, a migración, a cultura e o deporte, a posición da UE no mundo e a democracia europea.
3. Fomentar o estilo de vida europeo, o Estado de Dereito e a igualdade de criterios para todos:
A Presidencia eslovena organizará o diálogo anual sobre o Estado de Dereito no que se abordará o segundo informe anual sobre o Estado de Dereito da UE, previsto para este mes de xullo. O seu obxectivo é reafirmará UE como unha comunidade de valores e apoiar a creación dun Instituto Europeo para a Democracia Constitucional que una a expertos de todos os Estados membros da UE e contribúa ao debate sobre o Estado de Dereito.
4.Unha UE crible e segura, capaz de garantir a seguridade e a estabilidade na súa veciñanza:
En relación coa Política Exterior de Seguridade Común (PESC), a Presidencia eslovena traballará por
estreitar as relacións transatlánticas, defendendo unha colaboración cos
EEUU e a OTAN baseada nunha serie de principios e intereses comúns para fortalecer a posición da UE no mundo e no ámbito multilateral.
En canto á
estabilidade da veciñanza, a Presidencia eslovena prestará especial atención á
veciñanza meridional e a
do leste, pero centrarase significativamente nos
Balcáns Occidentais, en particular contribuíndo á continuación do proceso de ampliación da UE para reafirmar a clara perspectiva de pertencía desta rexión á UE:
- Fomentará a integración desta rexión nas políticas europeas, en áreas como infraestrutura, transporte, conectividade enerxética, I+i, dixitalización e resiliencia cibernética.
- Promoverá medidas para garantir unha perspectiva positiva para os mozos da rexión.
- Eslovenia acollerá o Cume entre a UE e os Balcáns Occidentais que terá lugar en outubro.
- Esforzarase por lograr o pleno funcionamento do espazo Schengen co fin de xestionar eficazmente as migracións e avanzar nas negociacións do novo Pacto de Migración e Asilo. Buscarase un consenso político para a implantación do concepto de solidariedade e responsabilidade.
- Fortalecerá o papel da UE na dimensión exterior da migración, principalmente a través da eliminación das causas fundamentais da migración e a solución do problema das rutas de migración ilegais, prestando especial atención á ruta dos Balcáns occidentais, pero sen deixar de lado as demais rutas migratorias.
Máis información: