30/06/2021
O Parlamento e o Consello asinan os regulamentos dos fondos estruturais para o período 2021-2027
- A Comisión Europea congratúlase da adopción polo Parlamento Europeo dos acordos políticos sobre o paquete lexislativo da política de cohesión 2021-2027 de 373 000 millóns de euros e da súa firma por ambos colexisladores. Isto marca o paso final do procedemento lexislativo e permite a entrada en vigor da lexislación sobre cohesión o 1 de xullo.
Bruxelas, 30 de xuño de 2021. O pasado 24 de xuño adoptouse por parte dos colexisladores o paquete lexislativo da política de cohesión para o período 2021-2027 por un total de 373 000 millóns de euros. O paquete comprende os seguintes Regulamentos:
- o Regulamento de Disposicións Comúns para os fondos de xestión compartida
- o Regulamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo de Cohesión
- o Regulamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+)
- o Regulamento Interreg de cooperación territorial europea apoiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e os instrumentos de financiamento externo.
A aprobación do Regulamento de Disposicións Comúns tamén establece elementos crave para o funcionamento do novo Regulamento do Fondo de Transición Xusta (FTX), que completa o conxunto de fondos da política de cohesión dispoñibles para 2021-2027.
O Parlamento Europeo tamén aprobou o Mecanismo de Préstamos ao Sector Público, que completará todas as propostas do Mecanismo de Transición Xusta. Está previsto que o Consello adopte este regulamento o 12 de xullo.
O novo Regulamento de Disposicións Comúns establece un marco xurídico conxunto para oito fondos de xestión compartida: o FEDER, o Fondo de Cohesión e o FSE+, o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e a Acuicultura, o FTX, e as normas financeiras para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Instrumento de Xestión de Fronteiras e Visados e o Fondo de Seguridade Interior.
O Regulamento FEDER e do Fondo de Cohesión establece disposicións específicas para o FEDER (226 000 millóns de euros) e o Fondo de Cohesión (48 000 millóns de euros). O FEDER contribuirá a reforzar a cohesión económica e social na UE corrixindo os desequilibrios entre as súas rexións, á vez que cumprirá as prioridades políticas da Unión mediante unha concentración temática dos recursos. O Fondo de Cohesión apoiará proxectos no ámbito do medio ambiente e das redes transeuropeas no ámbito das infraestruturas de transporte.
O FSE+ é o instrumento financeiro clave para aplicar o Piar Europeo de Dereitos Sociais, apoiar o emprego e crear unha sociedade xusta e socialmente inclusiva, así como proporcionará recursos aos Estados membros para a recuperación tras a crise da COVID-19. Cun orzamento de 99.300 millóns de euros, os Estados membros poderán utilizar o diñeiro para crear e protexer as oportunidades de emprego, promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e dar aos traballadores as competencias necesarias para a transición dixital e ecolóxica. Tamén inclúe un ambicioso requisito para que os Estados invistan nos mozos e aborden a pobreza infantil.
O Fondo de Transición Xusta é un novo fondo da política de cohesión cun orzamento global de 19.200 millóns de euros. O FTX é un elemento crave do Pacto Verde e o primeiro piar do Mecanismo de Transición Xusta. O seu obxectivo é aliviar os custos sociais e económicos derivados da transición cara a unha economía climaticamente neutra, a través de actividades dirixidas principalmente a diversificar a actividade económica e axudar ás persoas para adaptarse nun mercado laboral cambiante. O Mecanismo de Préstamo para o Sector Público é o terceiro piar do Mecanismo Conxunto, que aproveita o orzamento da UE para proporcionar acceso a financiamento adicional. O Mecanismo diríxese especificamente ás entidades públicas, creando condicións de préstamo preferentes para os proxectos que non xeran suficientes ingresos para ser financeiramente viables.
Por último, cun orzamento de 8.100 millóns de euros, a sexta xeración de Interreg segue dando forma á cooperación territorial en toda Europa nas súas diferentes vertentes (transfronteiriza, transnacional e interrexional). Abarca a cooperación nas fronteiras exteriores da Unión, beneficiándose do apoio dos instrumentos externos, e establece un novo capítulo dedicado a reforzar a cooperación rexional das rexións ultraperiféricas.
Próximos pasos
Os Regulamentos publicaranse no Diario Oficial da Unión Europea, o que está previsto para o 30 de xuño de 2021. Todos os Regulamentos entrarán en vigor o 1 de xullo de 2021.
Antecedentes
O 29 de maio de 2018, a Comisión Europea presentou un paquete de propostas de regulamentos que rexen o desenvolvemento rexional e a política de cohesión despois de 2020. Estas propostas teñen por obxecto adaptar a política de cohesión da UE aos novos desafíos no contexto dun novo marco financeiro plurianual para o período 2021-2027.
Estas propostas modificáronse posteriormente para facer fronte ás consecuencias da pandemia, así como ás novas prioridades políticas derivadas do Pacto Verde. A proposta modificada dun Regulamento do FSE+ baixo o novo mandato da Comisión aumentou o apoio ao emprego xuvenil, para abordar a pobreza infantil, e centrouse máis nas habilidades verdes e dixitais.