Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/06/2021

Inaugurado o pleno da Conferencia sobre o futuro de Europa

5371F_1624961396_European_Parliament_from_Freepik.jpg
  • O 19 de xuño, o pleno inaugural reuniuse na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo
  • O 17 de xuño organizouse un evento cidadá no que os representantes dos paneis cidadás e eventos nacionais dialogaron sobre a importancia de implicar á xuventude 
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021. Un mes despois do lanzamento oficial da Conferencia sobre o Futuro de Europa, inaugurouse o pleno da Conferencia. Así, o 19 de xuño os membros do órgano plenario da Conferencia, do que forman parte tanto representantes políticos como a sociedade civil, reuníronse na sede do Parlamento Europeo de Estrasburgo para dialogar sobre os obxectivos e expectativas da Conferencia.

As diferentes intervencións amosaron confianza no potencial reformador da Conferencia, mais outras reflectiron escepticismo ante posibles grandes cambios, considerándoa demasiado ambiciosa. A este respecto, a eurodeputada francesa do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, Manon Aubry, preguntábase cal era o punto de realizar unha Conferencia deste calibre se o Consello se amosaba en contra de reformar os tratados; mentres que, por outra parte, eurodeputados como Manfred Weber, do Partido Popular Europeo, e a española Iratxe García Pérez, da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, expresaron maior esperanza sobre os posibles resultados da Conferencia, alentando a escoitar á cidadanía que non tende a ser participativa e traballar na democratización de Europa. 

Tras estas intervencións, o acto centrouse en cuestións de procedemento, como a aprobación do calendario dos plenos da Conferencia e dos paneis e actos cidadás. Este pleno reunirase novamente entre o 22 e 23 de outubro de 2021 e as tres institucións serán as encargadas de decidir unha maneira de darlle un seguimento eficaz ás propostas recibidas.

Seguindo as palabras de inauguración das copresidencias, esta Conferencia é un primeiro paso importante no camiño cara unha implicación cidadá real e a construción dunha Europa máis resiliente fronte aos futuros desafíos aos que lle terá que dar resposta. 

O 17 de xuño tamén se organizou un evento cidadá en Lisboa, ao que asistiron máis de vinte representantes dos paneis cidadás e eventos nacionais, xunto coa presidenta do Foro Europeo da Xuventude e cidadáns seleccionados de maneira aleatoria para participar nos paneis. Durante o acto, as intervencións realizadas fixeron fincapé no recoñecemento da diversidade, na educación como elemento central na construción dunha cidadanía europea e na importancia de implicar á xuventude no marco da Conferencia.

A CONFERENCIA SOBRE O FUTURO DE EUROPA

O 9 de maio de 2021, as tres institucións europeas (Comisión, Consello e Parlamento Europeo) celebraron a inauguración da Conferencia sobre o futuro de Europa, amosando un forte compromiso por escoitar á cidadanía europea e dar seguimento ás súas demandas, inquedanzas e propostas. O obxectivo é fomentar un diálogo estruturado e aberto a todas as persoas e dotar á cidadanía dun rol máis activo na configuración das futuras políticas da Unión en eidos de relevancia como o cambio climático, a saúde, a transformación dixital ou a aposta por unha economía xusta. 

O órgano plenario está composto por un total de 433 membros:  108 son representantes do Parlamento Europeo (dos que 10 son españois), 54 do Consello (dous por cada Estado membro), 3 da Comisión Europea, 108 dos parlamentos nacionais, 108 cidadáns (80 persoas dos paneis cidadáns, 27 representantes dos eventos nacionais e o Presidente do Foro Europeo da Xuventude), 18 do Comité das Rexións, 18 do Comité Económico e Social, 8 interlocutores sociais e 8 representantes da sociedade civil.

MÁIS INFORMACIÓN

Futuro de la UE: el Pleno de la Conferencia genera expectativas para el cambio

Conferencia sobre o futuro de Europa


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante