28/06/2021
A Fundación Galicia Europa presenta a súa memoria de actividades do 2020
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, explicou hoxe na reunión do padroado da FGE as actuacións levadas a cabo pola entidade no 2020
- A FGE organizou un total de 11 reunións de alto nivel e fixo un estreito seguimento da resposta económica europea a crise da Covid-19 ao tempo que aumentaba a dixitalización dous seus procesos de traballo
Bruxelas, 28 de xuño de 2021. Esta mañá, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, participou por videoconferencia na primeira reunión anual dos membros do órgano de goberno da FGE, na que se presentou a “
Memoria de actividades 2020” da entidade e se fixo balance das actuacións que está a levar a cabo neste 2021.
Como explicou o director xeral, ao longo de 2020, a FGE organizou un total de 11reunións de alto nivel, como as cinco celebradas entre o vicepresidente segundo e conselleiro de economía, Francisco Conde, e altos cargos das institución comunitarias, e fixo un estreito seguimento da resposta económica europea á crise da Covid-19, que desembocou, o pasado mes de xullo, na aprobación do novo instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”. Este feito levou á FGE a poñer en marcha un ciclo de encontros virtuais entre a Xunta e diversos responsables das institución europeas, co obxectivo de explicar en Galicia o alcance das medidas adoptadas pola Comisión.
Ademais, Gamallo fixo especial fincapé nos esforzos levados pola FGE no 2020, para dixitalizar os seus procesos de traballo, que continúan neste 2021 e que, nos vindeiros meses, se traducirán na posta en marcha do novo portal web. Como sinalou o director, estes esforzos xa están, por unha banda, a amosar bos resultados na estratexia de redes sociais da entidade e, por outra, a permitir a posta en marcha de varias das actuacións acordadas na reunión do padroado do mes de decembro, como a celebración de tres das cinco edicións do curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”.
Finalmente, os membros do padroado da FGE puideron abordar tamén outras cuestións en clave europea, como a recente aprobación do plan de recuperación español ou o novo Pacto Europeo polo Clima, co que a FGE se comprometeu recentemente.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.