15/06/2021
O obxectivo de contaminación cero: unha nova meta para 2050
- A Comisión Europea vén de
presentar o obxectivo de contaminación cero do aire, auga e chan para 2050.
- O Plan de Acción sobre
contaminación cero enlaza todas as políticas pertinentes da UE para combater e
previr a contaminación e da moito protagonismo ás solucións dixitais
ecolóxicas.
- Prevese revisar a
lexislación correspondente da UE para detectar as lagoas existentes e localizar
situacións nas que sexa preciso aplicar mellor as normas para cumprir as
obrigacións legais en materia de contaminación.
Bruxelas, 14 de xuño do 2021- A UE rexistrou importantes avances ambientais nas últimas década. Porén, na actualidade, a contaminación segue afectando
gravemente á saúde humana e ao medio ambiente. De feito, o último informe da AEMA sobre saúde e
medio ambiente calcula
que, en Europa, unha de cada oito mortes está relacionada coa contaminación
ambiental e que a contaminación atmosférica por si soa provoca ata 400 000
mortes prematuras ao ano.
Neste contexto, é importante destacar que os
efectos máis prexudiciais da contaminación sobre a saúde humana xorden
principalmente nos grupos máis vulnerables, en particular os nenos, as
persoas con problemas médicos, as persoas maiores, as persoas con discapacidade
e as que viven en condicións socioeconómicas de maior pobreza, o que incrementa
aínda máis as desigualdades.
Para facer fronte a estes desafíos, a Comisión
Europea acaba de adoptar o Plan de acción da UE «Cara a unha
contaminación cero do aire, a auga e o chan», unha das iniciativas do Pacto Verde Europeo.
CARACTERÍSTICAS
O obxectivo de contaminación cero é conseguir
que a contaminación se reduza ata niveis que deixen de ser prexudiciais para a
saúde humana e os ecosistemas naturais de aquí a 2050, creando unha
contorna libre de contaminación.
Para iso, o Plan de Acción presenta unha visión
integrada para 2050 que pretende modificar a forma na que os bens e
servizos se deseñan, producen, fornecen, utilizan e eliminan, e ademais inclúe medidas
de prevención da contaminación en todas as políticas pertinentes da UE.
O Plan de Acción pretende evitar a contaminación en
orixe, pero, cando non sexa posible previla totalmente desde o principio, esta
debe reducirse ao mínimo. Neste
sentido, cando se xere contaminación, esta deberá reverterse e, ademais,
teranse que compensar os danos causados.
A) Obxectivos clave do Plan de Acción para 2030
Para chegar á meta de contaminación cero en 2050, o
Plan de Acción inclúe unha serie de obxectivos clave para reducir a contaminación
en orixe de aquí a 2030:
- Para mellorar a calidade do aire, reducirase nun 55 % o número de mortes prematuras
causadas pola contaminación atmosférica.
- Para mellorar a calidade da auga, reduciranse nun 50 % os residuos e os refugallos
plásticos no mar, e nun 30 % a cantidade de microplásticos liberados no medio
ambiente.
- Para mellorar a calidade do chan e limitar a perda
de nutrientes, restrinxirase o uso de praguicidas químicos nun
50 %.
- Para protexer a biodiversidade, reduciranse nun 25 % os ecosistemas da UE cuxa
biodiversidade se vexa ameazada pola contaminación atmosférica.
- En relación coa contaminación acústica, diminuirase nun 30 % a porcentaxe de persoas
cronicamente afectadas polo ruído do transporte.
- En canto á xestión de residuos, limitarase significativamente a xeración de
residuos, e reducirase á metade a xeración de refugallos urbanos residuais.
B) Accións emblemáticas do Plan de Acción para
acadar o obxectivo de contaminación cero a longo prazo
Co fin de acadar estes obxectivos, o Plan de Acción
presenta as seguintes iniciativas e accións emblemáticas:
- Mellorar a saúde humana, cada vez parece máis evidente que existe un vínculo moi importante
entre a saúde ambiental e a saúde humana. Por iso, a Comisión Europea aposta
por reducir a contaminación do aire, axustado as normas de calidade do aire ás
últimas recomendacións da Organización Mundial da Saúde, e esforzarase por
acurtar as desigualdades sanitarias causadas polo desproporcionado número de
efectos nocivos para a saúde que recaen actualmente nos máis vulnerables.
- Protexer os ecosistemas naturais, para o que será necesario revisar as normas de
calidade da auga, incluída a dos ríos e mares da UE, e as normas de protección
do chan, especialmente con vistas a potenciar a súa restauración. Así mesmo, deberase
promover a contaminación cero en todas as rexións europeas, por exemplo,
incluíndo un cadro de indicadores do rendemento ecolóxico a nivel rexional.
- Reducir a contaminación da produción e o consumo, para lograr o obxectivo de contaminación cero é
fundamental reducir a contaminación das instalacións industriais, xa sexa
revisando a lexislación da UE en materia de residuos para adaptala aos
principios da economía limpa e circular, reducindo a contaminación da
agricultura ou fomentando o deseño de opcións menos contaminantes para os
consumidores (por exemplo, evitando malas prácticas como o green washing).
- Impulsar o cambio na sociedade, presentando solucións de contaminación cero que
teñan un impacto directo nos cidadáns (como o illamento dos edificios, a instalación
de sistemas de calefacción máis eficientes e máis limpos ou a implantación de
transporte público non contaminante) e promovendo a acción e o cambio colectivo
de abaixo a arriba (por exemplo, a través do Pacto Europeo polo Clima)
- Poñer en marcha e facer cumprir as leis sobre
contaminación de maneira máis estrita, para poder abordar o problema da contaminación, deberase apoiar ás
autoridades ambientais para que fagan cumprir as normas de contaminación cero
de forma máis rigorosa nos distintos niveis de gobernanza.
- Minimizar a pegada de contaminación externa da UE e
promover o cambio a nivel mundial, restrinxindo
a exportación de produtos e residuos que carrexan efectos nocivos e tóxicos en
terceiros países, e liderando o Pacto Verde global para tentar que os demais
países adopten os mesmos obxectivos medio ambientais que a UE (xa que a crise
climática non se poderá resolver unicamente a nivel europeo, senón que se
necesita a participación de todos os países).
- Promover solucións dixitais, poñendo en marcha laboratorios para solucións
dixitais ecolóxicas e solucións de contaminación cero intelixente. A este
respecto, xa existen moitas solucións que utilizan macrodatos ou sensores
intelixentes para reducir a contaminación do aire, a auga ou o chan. Por exemplo,
os estudos sobre mobilidade intelixente, agricultura de precisión, sanidade
electrónica ou xestión dixital da auga ofrecen solucións dixitais para lograr
unha contaminación cero.
- Estimular o coñecemento e a innovación, ´é fundamental consolidar os centros de
coñecemento sobre contaminación cero da UE, para que as tecnoloxías punteiras
poidan chegar ao mercado con maior rapidez e mostren que é posible poñer en
marcha formas de produción de contaminación cero. Neste sentido, as asociacións europeas no marco
de Horizonte Europa, incluídas as misións en prol da saúde dos
océanos, a saúde do chan e os alimentos, e as cidades climaticamente neutras
contribuirán a alcanzar o obxectivo de contaminación cero. Por exemplo,
Horizonte Europa investirá na mellora do coñecemento e o desenvolvemento de
tecnoloxías para a rehabilitación do chan e as augas subterráneas, centrándose
especialmente en novas técnicas de descontaminación para os contaminantes
emerxentes.
C) Sinerxías con outras iniciativas do Pacto Verde
Europeo
A Estratexia de sustentabilidade
para as substancias químicas, adoptada en 2020, complementa e contribúe aos esforzos deste Plan de
acción, para lograr un nivel de contaminación cero nun medio ambiente libre de
substancias tóxicas na UE.
Ademais, o Plan de acción tamén está en sintonía
cos obxectivos da UE de neutralidade
climática, saúde, biodiversidade
e eficiencia no uso dos recursos,
así como con outras iniciativas xa existentes no ámbito da enerxía, a
industria, a mobilidade, a alimentación, a economía circular e a agricultura.
Estas sinerxías entre diferentes iniciativas do
Pacto Verde Europeo supoñen un esforzo positivo para a UE, xa que en moitas
ocasións a redución da contaminación e a redución das emisións de gases de
efecto invernadoiro van da man. Por exemplo, o illamento dos edificios, a
eficiencia enerxética e o transporte sostible contribúen tanto a limpar o aire
como a loitar contra o cambio climático. Ademais, traballar en favor do
obxectivo de contaminación cero creará oportunidades de negocio limpas e
empregos verdes, e tamén contribuirá a protexer ás persoas vulnerables.
Neste contexto, a Comisión animou a Estados membros
a aproveitar a oportunidade de utilizar os fondos de recuperación da UE
para canalizar as súas economías por unha senda máis ecolóxica e limpa,
obrigando a que todos os plans nacionais de recuperación incluíran un nivel
mínimo do 37% de gasto no eido climático.
Por último, convén destacar que o Plan de Acción de
contaminación cero propón un novo marco para supervisar mellor os niveis de
contaminación e anticipar as tendencias futuras. Este marco de seguimento
axudará a recompilar unha maior evidencia empírica para combater a
contaminación dunha maneira máis específica, integrada e eficiente de aquí a
2050. A este respecto, o primeiro informe de seguimento está previsto para 2022.
Fonte: Comisión Europea
Máis información: