Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
09/06/2021
O CoRAI promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.
Durante o evento, compartíronse
recomendacións e perspectivas sobre a mobilidade eléctrica, o hidróxeno, os
vehículos híbridos e as baterías.
A perspectiva europea
A descarbonización do transporte presenta importantes desafíos e, mesmo se a pandemia supuxo un duro golpe para o sector automobilístico europeo -un 20% menos de ventas, case 100 000 postos de traballo perdidos e alteracións nas cadeas de subministración- tamén acelerou a tendencia cara á neutralidade climática da industria. En 2020, vendéronse en Europa máis dun millón de vehículos eléctricos e, no último trimestre do ano, un de cada seis vehículos de pasaxeiros rexistrado na UE era eléctrico. Unha tendencia que se acelera, pero que necesita coller aínda máis velocidade para chegar á redución en 2050 do 90% das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas por este sector, posto que é preciso lembrar que o transporte por estrada é o responsable da quinta parte das emisións totais da UE.
A automoción, ó considerarse un sector estratéxico, está sendo obxecto de múltiples medidas para afrontar o reto da transición ecolóxica:
A perspectiva das
rexións, a industria e outras partes interesadas
Discutíronse os avances das rexións na produción do hidróxeno, a súa aplicación no transporte e os desafíos que a industria está a atopar no despregamento desta nova tecnoloxía. Eduardo Rivero, representando ó Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), xustificou a electrificación da industria do automóbil arredor do hidróxeno no canto da batería por diferentes razóns. Segundo explicou, mentres a batería presenta inconvenientes polos materiais e os procesos necesarios para a súa fabricación, o hidróxeno ten vantaxes clave como o peso, o tempo de carga ou o rendemento a baixas temperaturas. Porén, a maior traba do hidróxeno na actualidade é a baixa madurez na súa eficiencia tecnolóxica, polo que a súa aplicación no sector dependerá dos esforzos de investigación e investimento que se realicen nos próximos anos. Ademais, recalcou que a penetración desta tecnoloxía no mercado só será posible se aumenta a infraestrutura de recarga.
No que respecta ás baterías, cabe sinalar que os prezos descenderon nas últimas décadas e agárdase que esta tendencia siga no futuro. A industria deberá investir en intelixencia artificial así como actualizar as competencias dos seus traballadores, xa que o desenvolvemento das baterías está vinculado coa informática e a electrotécnica.
Moitos expertos, porén, defenden o vehículo hibrido, dada a súa madurez tecnolóxica, como a mellor opción que existe hoxe en día para facilitar unha transición ecolóxica que chegue a todos. Así, por exemplo, o rural non podería depender do transporte eléctrico na actualidade, pois nin sequera en moitos entornos urbanos existe a suficiente infraestrutura para permitilo.
CONTEXTO
En Galicia, o sector da automoción representa máis do 13% do seu PIB e emprega a máis de 40 000 persoas. Debido á importancia que ten na nosa Comunidade, Galicia forma parte, dende a súa creación en 2009, do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI). Trátase dunha rede informal formada por rexións con intereses específicos no sector automobilístico que promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.
En outubro de 2019, a FGE formou parte da organización do I Cumio sobre Mobilidade Autónoma, contando coa intervención do Vicepresidente segundo, quen remarcou a posición vantaxosa de Galicia ante os novos retos derivados da condución autónoma. Tamén participou o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), presentando un proxecto específico sobre mobilidade autónoma. Xa en 2020, o CoRAI organizou un evento en liña sobre o papel das rexións automobilísticas na consecución da transición verde.
MÁIS INFORMACIÓN
Páxina web do CoRAI: presentacións e vídeos das intervencións
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante