Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/05/2021

O Mecanismo de Transición Xusta: a nova ferramenta das rexións para facilitar a transición verde

5334F_1620864146_Transici__n_verde.jpg Ver máis...

  • O propósito do Mecanismo de Transición Xusta é mitigar as consecuencias sociais e económicas nas rexións máis afectadas pola transición ecolóxica.

  • Está formado por tres piares: un Fondo de Transición Xusta, un réxime de transición xusta específico no marco de InvestEU e un instrumento de préstamo ao sector público.

  • Xa foron acordadas as propostas lexislativas dos tres piares, as cales teñen que ser finalmente aprobadas polo Parlamento Europeo e o Consello.

  • Os Estados membros poderán acceder ao financiamento do Mecanismo unha vez que as propostas lexislativas entren en vigor e tras a aprobación dos seus Plans Territoriais de Transición Xusta.


Bruxelas, 12 de maio de 2021-Aínda que todas as rexións precisarán financiamento para a transición verde, non todas elas asumirán este proceso do mesmo xeito. Para moitos territorios, esta transición suporá unha transformación en profundidade das súas economías, cambios estruturais nos modelos de negocio e novos requisitos en materia de cualificacións.

Co ánimo de abordar os retos específicos que teñen que afrontar as rexións máis afectadas, a Comisión Europea vai poñer en marcha un Mecanismo para unha Transición Xusta, que ofrece apoio específico mediante tres piares: un Fondo de Transición Xusta, que concederá subvencións; un réxime de transición xusta específico no marco de InvestEU, que atraerá o investimento privado; e un instrumento de préstamo ao sector público, que mobilizará o investimento público.


1) PIARES 

1.1) Fondo de Transición Xusta

Trátase dun fondo moi específico que beneficiará a territorios altamente dependentes de industrias que non teñen cabida no proceso de transición verde (produción de carbón, grandes emisións de gases de efecto invernadoiro) e nos que a desaparición destas industrias implica custos sociais e económicos catastróficos dada a inexistencia doutras actividades económicas transcendentes na área.

O FTX concederá subvencións ás zonas máis vulnerables para afrontar os desafíos e custos que xerará o proceso de cambio e utilizarase no marco da política de cohesión, sendo os seus fondos empregados en réxime de xestión compartida.

O FTX conta cun orzamento de 17 500 millóns de euros, máis existe a posibilidade de que os seus recursos sexan incrementados con posterioridade ó 31 de decembro de 2024. Neste suposto, introduciríase un Mecanismo de recompensa ecolóxica ligado á redución das emisión de gases de efecto invernadoiro lograda nas rexións de apoio do FTX, de xeito que aquelas que presenten unhas reducións maiores recibirán máis financiamento.

As asignacións por Estado membro son establecidas no regulamento do FTX. A asignación prevista para España é de 790 millóns de euros. 

Ademais, o acceso ó FTX estará supeditado á adopción dun obxectivo nacional para a consecución da neutralidade climática para 2050 a máis tardar. Para os Estados membro que aínda non adoptasen este obxectivo, só se liberará o 50% da súa asignación nacional, mentres que o 50% restante só se porá a disposición unha vez que se adopte tal obxectivo.

Se así se considera, o orzamento do FTX verase complementado de maneira voluntaria polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e o cofinanciamento nacional segundo o establecido polas normas da política de cohesión. En ningún caso, os recursos transferidos poderán exceder o triplo do importe da axuda do FTX.

O cofinanciamento será dun 85% nas rexión menos desenvolvidas, dun 70% nas rexións en transición e dun 50% nas rexións máis desenvolvidas. Ademais, o BEI poderá financiar parte da contribución nacional dos Estados membros a través de préstamos para programas estruturais, tal e como se fai na política de cohesión.

Os territorios beneficiados serán en todo caso NUTS 3 (provincias), que serán designados polos Estados membro nos seus Plans Territoriais de Transición xusta sobre a base do Anexo D do “Informe País” saído á luz no contexto do Semestre Europeo. Os Estados membros asignaran aos seus territorios beneficiarios cantidades especificas das súas asignacións nacionais.

O FTX financiará exclusivamente as actividades designadas no artigo 4 do seu regulamento:

  • Investimentos
    • En pemes, incluídas as empresas emerxentes, que dean lugar a unha diversificación económica e a unha reconversión.
    • Na creación de novas empresas. 
    • En I+i e fomento da transferencia de tecnoloxías avanzadas.
    • No despregamento de tecnoloxías e infraestruturas para unha enerxía limpa accesible, na reducións das emisións de gases de efecto invernadoiro, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.
    • En dixitalización e conectividade dixital.
    • Na rexeneración e descontaminación de emprazamentos, proxectos de rehabilitación e de reorientación de terras.
    • Na mellora da economía circular.
  • Actividades relacionadas coa mellora de capacidades e reciclaxe profesional de traballadores, a asistencia a aqueles que procuran emprego, a inclusión activa dos solicitantes de emprego e a asistencia técnica. 

Despois das negociacións mantidas entre Parlamento Europeo e Consello, ampliouse lixeiramente o ámbito de elixibilidade para incluír ás microempresas, ás universidades e ás institucións públicas de investigación e a outras infraestruturas sociais que impliquen creación de emprego e diversificación económica. Tamén se financiarán investimentos en mobilidade intelixente e sostible e a rehabilitación da rede de calefacción urbana, sempre que se considere necesario para acompañar a transformación das economías locais.

Non poderán recibir financiamento do FTX as actividades incluídas no artigo 5 do seu regulamento:

  • O desmantelamento ou construción de centrais nucleares.
  • A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.
  • As empresas en crise, a non ser que se traten de empresas en crise que poidan recibir apoio de conformidade coas normas temporais da UE sobre axudas estatais establecidas para abordar circunstancias excepcionais ou de conformidade coas normas de minimis, para apoiar investimentos que reduzan os custos de enerxía no contexto da transición enerxética.
  • Os investimentos relacionados coa produción, a transformación, a diminución, o almacenamento e a combustión de combustibles fósiles.
  • Os investimentos en infraestruturas de banda ancha en zonas nas que haxa polo menos dúas redes de banda ancha de categoría equivalente.

1.2) Réxime de Transición Xusta específico no marco de InvestEU

Proporcionará un sistema para xerar investimentos adicionais en beneficio das rexións de transición xusta, que será complementario do Fondo de Transición Xusta (Piar 1) e do instrumento de préstamo ó sector público (Piar 3). Mediante este réxime será posible apoiar os investimento nestas rexións a través de calquera dos eixos de actuación de InvestEU, en función das necesidades específicas determinadas polos Estados membros nos seus Plans Territoriais de Transición Xusta.

O apoio estará orientado a investimentos viables dende o punto de vista económico por parte de entidades do sector público e privado e realizarase a través dos instrumentos financeiros de InvestEU propostos polos socios executantes do programa. O 75% do programa será executado polo BEI, pero outras institucións tamén poderán converterse en socios financeiros, como poden ser os organismos nacionais de promoción (v.g. ICO) ou entidades financeiras como o Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (EBRD) ou o Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa (CEB).

Apoiará o financiamento de proxectos de infraestruturas de enerxía e de transporte, incluídas as infraestruturas de gas e a calefacción urbana, de descarbonización, a diversificación económica das rexións ou as infraestruturas sociais .

Financiaranse proxectos en rexións consideradas de transición xusta e definidas como tales nos Plans Territoriais, pero tamén outros proxectos que beneficien a esas rexións, a condición de que a concesión do financiamento fóra dos territorios beneficiarios do réxime de transición xusta sexa esencial para a transición nestes últimos (v.g. proxectos de infraestruturas de transporte ou enerxía que melloren a conectividade  dos territorios beneficiarios do réxime de transición xusta).

1.3) Instrumento de préstamo ao sector público do BEI 

Será executado conxuntamente pola Comisión Europea e o BEI e consistirá nun compoñente de subvención por un valor de preto de 1 525 millóns de euros do orzamento da UE e un compoñente de préstamo do BEI de ata 10 000 millóns de euros, con cargo ós seus recursos propios. Despois de que a súa proposta lexislativa entre en vigor, e tras a firma dun acordo administrativo entre a Comisión e o BEI, o instrumento estará finalmente operativo.

A Comisión Europea, a través da súa Axencia Executiva Europea do Clima (CINEA),  xestionará en réxime de xestión directa o compoñente de subvención do instrumento e o BEI proporcionará o compoñente de préstamo, de conformidade cos procedementos do propio Banco. Debe garantirse o financiamento do BEI para recibir a subvención e só poderán optar ás axudas os proxectos que non son economicamente viables (e que, polo tanto, non poderían financiarse sen o apoio da subvención)

O compoñente de subvención estará dispoñible para os proxectos elixibles dos Estados membros en resposta a convocatorias de propostas que non superen as cotas nacionais ata o 31 de decembro de 2024. A partir desta data, poranse en marcha convocatorias a escala da UE cos recursos restantes. As primeiras convocatorias de propostas no marco do Instrumento deberían publicarse no segundo semestre de 2021.

Ademais, os beneficiarios poderán recibir asesoramento para a preparación, desenvolvemento e execución dos proxectos que poden recibir unha subvención a través do centro de asesoramento creado no marco de InvestEU.

Os proxectos elixibles serán os investimentos do sector público en rexións de transición xusta definidas como tales polos Plans Territoriais de Transisción Xusta, pero tamén outros proxectos que beneficien a esas rexións, a condición de que a concesión do financiamento fóra dos territorios beneficiarios do réxime de transición xusta sexa esencial para a transición nestes últimos. Entre os investimentos que se apoiarán figurarán as infraestruturas enerxéticas e de transporte, as redes de calefacción urbana, as medidas de eficiencia enerxética e as infraestruturas sociais, aínda que tamén poderán incluírse outros sectores. 


2) OS PLANS TERRITORIAIS DE TRANSICIÓN XUSTA

O acceso ao financiamento dos tres Piares garantirase mediante os Plan Territoriais de Transición Xusta, que determinarán as necesidades de desenvolvemento dos territorios afectados pola transición climática de maneira coherente cos Plans Nacionais de Enerxía e Clima dos Estados membros.

Exporán de forma detallada os retos sociais, económicos e medioambientais derivados da supresión progresiva das actividades relacionadas cos combustibles fósiles ou da descarbonización dos procesos ou produtos que xeren grandes cantidades de gases efecto invernadoiro. 

Ademais, describirán o proceso de transición ata o ano 2030, especialmente: 

  • As necesidades de desenvolvemento, a reciclaxe profesional e a  rehabilitación do medio ambiente.

  • A estratexia para dar resposta a estas necesidades de maneira integrada. 

  • O calendario de transición. 

  • Os tipos de operacións previstas. 

  • Os mecanismos de gobernanza. 

Estes Plans, que serán entregados á Comisión Europea para a súa aprobación, están sendo elaborados polos Estados membros sobre a base do Anexo D do “Informe País”, publicado en febreiro no contexto do Semestre Europeo. Este recollía tanto as accións prioritarias elixibles polo FTX como as zonas que poderían resultar beneficiarias, tal e como é o caso da provincia de A Coruña, identificada como unha das áreas nas que “parece xustificado que o Fondo de Transición Xusta concentre a súa intervención”. A Comisión Europea asegurarase de que estes territorios aparezan nos Plans Territoriais, pero os Estados membros poderán engadir máis territorios sempre que exista unha xustificación sólida e fundamentada na transición verde.

A día de hoxe, ningún Estado membro presentou o seu Plan de Transición Xusta.


3) A PLATAFORMA DE TRANSICIÓN XUSTA

En xuño de 2020, a Comisión Europea poñía en marcha a Plataforma Europea de Transición Xusta, herdeira da antiga Plataforma de rexións dependentes do carbón, da que Galicia formaba parte dende outubro de 2019. Esta nova Plataforma permitirá a participación de rexións dependentes doutros combustibles fósiles, como o petróleo de esquisto ou a turba, e de rexións intensivas en carbono, que contan con industrias como a do aceiro, cemento, aluminio ou a produción de papel.

A Plataforma Europea de Transición Xusta servirá como punto de acceso á información relevante sobre a transición verde, facilitará o intercambio de coñecementos e boas prácticas e proporcionará asesoramento técnico ás rexións europeas e ós Estados membros, de maneira coordinada coa Comisión Europea e o BEI, para, por exemplo, poñer en funcionamento os Plans Territoriais de Transición Xusta ou unha reserva de proxectos que poidan ser financiados mediante o Mecanismo de Transición Xusta.


4) FLEXIBILIZACIÓN DO RÉXIME DE AXUDAS ESTATAIS

Tal e como sinalan as Directrices sobre axudas estatais de finalidade rexional (DAR) 21-27, “nos territorios máis afectados pola transición climática, as vantaxes estruturais das que dispoñen as grandes empresas poderían non ser suficientes para acadar o nivel de investimento vital que garanta unha transición socioeconómica equilibrada e ofrecer suficientes oportunidades de emprego para compensar as perdas de postos de traballo derivadas do peche de actividades económicas provocado pola transición

Debido a isto, nas zonas c poderán considerarse tamén compatibles co mercado interior as axudas rexionais a grandes empresas que impliquen (ver esquema):

  • A diversificación da produción dun establecemento a produtos que anteriormente non se producían no establecemento.

  • Un cambio fundamental no proceso xeral de produción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.

Sempre que se cumpran as seguintes tres condición de maneira acumulativa:

  • Debe tratarse dun investimento inicial nun territorio designado de transición xusta nunha zona c con un PIB per cápita inferior ao 100% da media da UE-27.
  • O investimento e o beneficiario teñen que estar designados no Plan Territorial de Transición Xusta, no que debe demostrarse os investimentos nestas empresas son precisos para compensar a perda de postos de traballo debida a transición que non poida compensarse coa creación de emprego nas pemes.
  • A axuda estatal para o investimento ten que estar cuberta polo Fondo de Transición Xusta ata o máximo permitido. No suposto galego, isto implicaría unha intensidade de axuda máxima do 15%

Contexto

O Pacto Verde Europeo establece unha nova estratexia de crecemento destinada a transformar a UE nunha sociedade equitativa e próspera, que mellore a calidade de vida das xeracións presentes e vindeiras, cunha economía eficiente en recursos e competitiva, na que non haberá emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estará disociado do uso de recursos. Configúrase, ademais, como un elemento clave na recuperación tras a crise sanitaria, dado que o 30% dos fondos da UE, tendo en conta tanto o orzamento a longo prazo como o instrumento temporal de recuperación “Next Generation EU” terán que ser destinados á loita contra o cambio climático.

O Pacto Verde Europeo será financiado mediante o Plan de Investimento para unha Europa Sostible (PIES), o marco de fondos públicos (nacionais e europeos) e privados que axudarán a impulsar a transición cara a unha economía climaticamente neutra. O seu elemento máis importante e o Mecanismo de Transición Xusta, pretende mobilizar máis de 100 000 millóns de euros en investimento entre 2021-2027 a través dos seus tres piares.


Máis información

  • Texto acordado entre Parlamento Europeo e Consello sobre o Regulamento polo que se establece un Fondo de Transición Xusta

  • Texto acordado entre Parlamento Europeo e Consello sobre o Instrumento de Préstamo ao sector público

 

 



Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante