Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/05/2021

A UE actualiza a súa estratexia industrial para adaptala á realidade tras a pandemia

5333F_1620815230_21_05_11-Estratexia_industrial.jpg

  • A Estratexia actualizada reafirma as prioridades da Comunicación da Comisión Europea de marzo de 2020, pero tamén responde as leccións aprendidas tras a crise sanitaria.

  • Propóñense medidas para reforzar a resiliencia do Mercado Único Interior, reforzar a autonomía estratéxica da UE e acelerar as transicións verde e dixital.

  • Sinálase a necesidade de abordar as dependencias da UE en ámbitos estratéxicos clave, como o sanitario.

Bruxelas, 12 de maio de 2021- A Comisión Europea vén de actualizar a nova Estratexia Industrial da UE, saída á luz en marzo de 2020, para incorporar todas as leccións aprendidas dende o comezo da crise sanitaria e reforzar a súa ambición de impulsar a sostibilidade, a dixitalización, a resiliencia e a competitividade da economía europea.  

Esta actualización céntrase nos seguintes elementos clave: reforzar a resiliencia do mercado único, facer fronte ás dependencias estratéxicas de Europa e acelerar a dobre transición.

1) Mellora da resiliencia do mercado único

1.a) Os ecosistemas industriais 

Na proposta orixinal da Comisión Europea de 2020, sinalábase que “Europa tamén debe examinar detidamente as oportunidades e os retos que se presentan ós ecosistemas industriaisEstes ecosistemas engloban a todas as partes que operan nunha cadea de valor.

A Comisión Europea analizará sistematicamente os distintos ecosistemas e avaliará os diferentes riscos e necesidades da industria, para o que traballará en colaboración cun foro formado por representantes da industria, incluídas as pemes, as grandes compañías, os interlocutores sociais e os Estados membros. Este traballo pode poñer de manifesto que algúns dos ecosistemas, debido á súa natureza, requiren un apoio concreto e personalizado, que podería chegar en forma de novas regulacións ou desbloqueo de financiamento.

O Informe anual sobre o mercado único 2021 identifica os seguintes 14 ecosistemas industriais, aínda que se poderán identificar outros en función dos diálogos coas partes interesadas e a evolución das realidades:

  1. Industria aeroespacial e defensa
  2. Industria agroalimentaria
  3. Industria da construción
  4. Industrias culturais e creativas
  5. Industria dixital
  6. Industria electrónica
  7. Industrias de gran consumo de enerxía
  8. Industria da enerxía e as enerxías renovables
  9. Sanidade
  10. Mobilidade, transporte e automoción
  11. Economía de proximidade social e seguridade civil
  12. Comercio polo miúdo
  13. Industria téxtil
  14. Turismo

1.b) Informe anual sobre o mercado único 2021

A primeira edición do Informe anual sobre o mercado único expón o impacto da crise no mercado único; informa sobre os progresos realizados fronte ás barreiras e sobre a execución das acción identificadas no paquete de política industrial de 2020; inclúe unha análise de cada un dos 14 ecosistemas industriais e presenta un conxunto de indicadores clave de rendemento.

Este informe mostra que o impacto da crise e as perspectivas de recuperación varían considerablemente. Se ben a industria do turismo e as empresas téxtiles, de mobilidade, culturais e creativas fan fronte a unha economía máis lenta e desigual, o ecosistema dixital aumentou o seu volume de negocios durante a crise. As empresas máis pequenas tamén seguen sendo as máis vulnerables e preto do 60% declararon unha diminución do volume de negocios no segundo semestre de 2020.

A pesar dos impactos desiguais e das numerosas alteracións na produción, o transporte e a mobilidade, o mercado único amosou unha gran resiliencia. Aínda así, as medidas postas en marcha para deter o avance do virus (como por exemplo os controis e os peches transfronterizos entre os Estados membros) afectaron á libre circulación de persoas, bens, servizos e capital. Isto fixo evidente a necesidade de reforzar a resiliencia do mercado común, especialmente en momentos de crise. Para isto, a Comisión Europea servirase das seguintes ferramentas:

  • Un Instrumento de Emerxencia do Mercado Único co que garantir unha mellor transparencia e coordinación en situacións críticas, pois moitas das normas do Mercado Único non están suficientemente adaptadas a crises e emerxencias. Agárdase a proposta para o primeiro trimestre de 2022.

  • InvestEU, a través dos seus diferentes produtos financeiros, para apoiar ás pemes.

  • Procedementos reforzados de vixilancia do mercado único dos produtos importados e da UE. Agárdase unha proposta no cuarto trimestre de 2022.

2) Abordar as dependencias estratéxicas da UE

A apertura ó comercio e o investimento é unha fortaleza e unha fonte de crecemento para a UE, como gran importador e exportador. Porén, a crise sanitaria afectou negativamente ás cadeas de subministración mundiais. Como se remarcou na Estratexia Industrial de 2020, a UE precisa mellorar a súa autonomía estratéxica en ámbitos clave.

A crise fixo fincapé ademais na necesidade de fortalecer a capacidade da UE para facer fronte ás crises e actuar segundo sexa necesario. As interrupcións ó longo da cadea de subministración do ecosistema sanitario causaron grandes dificultades, debido á combinación do gran aumento da demanda e da escaseza de subministración e man de obra. Retos mais recentes, como a escaseza de semicondutores (v.g. silicio) á que se enfronta a industria automotriz, destacan que Europa tamén se enfronta a outras dependencias específicas.

Algunhas interrupcións tomaron a Europa por sorpresa, o que demostra a necesidade de comprender mellor cales son as súas dependencias estratéxicas, como se poden desenvolver no futuro e ata que punto poden traducirse en vulnerabilidades para a UE. Estas dependencia afectan ós intereses centrais da UE, en particular no que respecta á saúde, a seguridade e a protección e o acceso ás tecnoloxías clave necesarias para as transicións verde e dixital.

Coa intención de abordar as dependencias industriais e estratéxicas, a Comisión Europea elaborou unha análise sobre 5 200 produtos importados pola UE:

  • 137 produtos (que representan o 6% do valor total das importacións de mercadorías da UE) atópanse en ecosistemas sensibles dos que depende en gran medida a UE, principalmente nas industrias de gran consumo de enerxía (como as materias primas) e os ecosistemas sanitarios (como os principios activos farmacéuticos)

  • 34 produtos (que representan o 0,6% do valor total das importacións de mercadorías da UE) son potencialmente máis vulnerables, dado que existen poucas posibilidades de substitución con produción europea. Preto de 20 produtos correspóndense con materias primas e produtos químicos pertencentes ó ecosistema das industrias de gran consumo de enerxía e a maioría dos produtos restantes pertencen ó ecosistema sanitario (como os principios activos farmacéuticos e outros produtos relacionados coa saúde) Tamén existen dependencias na area de tecnoloxías avanzadas como a nube e a microelectrónica, predominantemente vinculadas á estrutura do mercado global.

Ademais de presentar máis exames que analicen estas dependencias, a Comisión apoiará novas alianzas industriais en sectores estratéxicos como o dos procesadores e semicondutores, os datos industriais, o ponte e a nube. Así mesmo, apoiará a colaboración dos Estados membros nos proxectos importantes de interese común europeo (IPCEI, polas súas siglas en inglés) que contribúan ao crecemento económico, ó emprego e á competitividade nos sectores estratéxicos para a UE.

3) Acelerar a dobre transición

Coa actualización da Estratexia Industrial, a Comisión propón novas medidas para apoiar as transicións ecolóxica e dixital, asegurando que todas as políticas e inversións se orienten á consecución destes obxectivos. Entre estas medidas, atópase a creación de itinerarios de transición para os ecosistemas que o necesiten, empezando cos do turismo e as industrias intensivas en enerxía. Ditos itinerarios ofrecerán unha mellor comprensión da escala, os custos ou os beneficios das accións necesarias para acometer as transicións e elaborar plans máis factibles.

Ademais, tamén contempla proporcionar a pemes asesores de sustentabilidade, investir na mellora das capacidades e o reciclaxe profesional ou proporcionar un marco regulador coherente para alcanzar os obxectivos da Década Dixital de Europa.


Contexto

O 10 de marzo de 2020, a Comisión Europea presentou “Un novo modelo de industria para Europa”, Comunicación coa que sentaba as bases dunha política industrial que apoiara a dobre transición a unha economía verde e dixital, fixera máis competitiva a industria da UE a nivel global e reforzara a autonomía estratéxica de Europa. Para apoiar isto, destacou os factores fundamentais da industria (innovación, competencia e un mercado único forte e que funciones correctamente) Un día despois, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declaraba a pandemia da Covid-19, coas conseguintes medidas de confinamento en peche de fronteiras por parte de moitos Estados para frear o avance do virus.

A crise puxo de manifesto a interdependencia das cadeas de valor mundiais e o valor dun mercado único integrado a escala mundial. Tamén ilustrou a necesidade dunha maior velocidade na transición a un modelo económico e social máis limpo, máis dixital e máis resiliente. Debido a isto, a presidenta da Comisión Europea anunciou no seu discurso sobre o estado da Unión de 2020 unha actualización do modelo de industria para Europa.


Máis información

  • Comunicación da Comisión Europea. Actualización do novo modelo de industria de 2020: creación dun mercado único máis sólido para a recuperación de Europa, de 05.05.2021



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante