11/05/2021
A UE blinda nunha lei os seus obxectivos para acadar a neutralidade climática
- O Parlamento Europeo e o
Consello da UE lograron a finais de abril un acordo provisional sobre a Lei do
Clima Europea.
- Esta lei, enmarcada no
Pacto Verde Europeo, converte en vinculante o compromiso da UE de alcanzar a
neutralidade climática de aquí a 2050.
- Todas as políticas da UE
e dos Estados membros terán que ser coherentes co obxectivo de neutralidade
climática.
- A Comisión creará un
sistema de seguimento dos avances relacionados con esta lei e un mecanismo de
axuste para adoptar novas medidas en caso necesario.
Bruxelas, 11 de maio de 2021- O Parlamento Europeo e o Consello da UE veñen de
chegar a acordo sobre a nova Lei do Clima Europea, unha das iniciativas máis
salientables do Pacto Verde Europeo, a nova estratexia de crecemento da UE.
Mediante esta lei, os compromisos políticos da
UE en materia de clima convértense nunha obriga xurídica, sendo vinculantes:
- O compromiso da UE de acadar a neutralidade climática
en 2050.
- O obxectivo intermedio de reducir as emisións netas
de gases de efecto invernadoiro para 2030 en polo menos un 55 %, con respecto
aos niveis de 1990. Este
obxectivo foi adaptado coa revisión en setembro de 2020 da proposta de
regulamento. Con anterioridade, o obxectivo da UE para 2030 era acadar unha
redución do 40% das emisións.
Para lograr estes obxectivos será preciso que a UE
no seu conxunto e os Estados membros de maneira individual adopten as medidas
necesarias para acadar cero emisións netas - as emisións unha vez deducidas
as absorcións - de gases de efecto invernadoiro.
Así mesmo, a lei climática fomentará que haxa coherencia
entre todas as políticas da Unión e o obxectivo de neutralidade climática,
así como a colaboración de todos os sectores económicos para redactar follas de
ruta sectoriais específicas, en liña coa visión holística ofrecida polo Pacto
Verde Europeo.
CARACTERÍSTICAS
Ademais dos dous obxectivos xa citados,
introdúcense os seguintes elementos:
- A máis tardar en xuño de 2021, a Comisión Europea
revisará ou proporá revisar todos os instrumentos pertinentes para
cumprir coas reducións adicionais de emisións para o ano 2030:
- Directiva
relativa ó réxime
de comercio de dereitos de emisión (ETS, polas súas siglas en inglés)
- O Regulamento de reparto do esforzo, que
introduciu obxectivos nacionais de redución das emisións de gases de efecto
invernadoiro para 2030. Fai referencia á maioría de sectores non incluídos no
ETS, como os transportes, os edificios, a agricultura e os residuos.
- O Regulamento que esixe aos Estados
membros lograr un equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases de
efecto invernadoiro resultantes do uso da terra, o cambio do uso da terra e a
silvicultura (LULUCF, polas súas siglas en inglés)
- Un procedemento para establecer o obxectivo
climático para 2040. A Comisión Europea
propón a adopción dunha traxectoria de 2030-2050 a escala da UE para
reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, medir os progresos e
ofrecer máis previsión ás autoridades públicas, as empresas e aos cidadáns.
- Un compromiso a favor de emisións negativas a
partir de 2050. As emisións negativas (ou
“eliminación de CO2”) refírense á retirada de gases de efecto
invernadoiro da atmosfera e ao seu almacenamento en chans, subsolos e océanos.
Isto pódese facer mediante diferentes procesos, xa sexan tecnolóxicos ou
naturais, como é o caso de bosques e terras, que actúan como “sumidoiros de
carbono”.
- A creación dun consello asesor científico europeo
sobre cambio climático, do que
formarán parte 15 expertos dos 27 Estados membros da UE. En virtude dos seus
traballos, a Comisión Europea estará facultada para emitir recomendacións aos
Estados membros cuxas actuacións non sexan coherentes co obxectivo de
neutralidade climática, e os Estados membros estarán obrigados a seguilas ou a
xustificar o motivo de non facelo.
- Disposicións máis estritas en materia de adaptación ao cambio climático. Esixirase aos Estados que formulen e apliquen estratexias de
adaptación para reforzar a resiliencia e reducir a vulnerabilidade contra os
efectos do cambio climático.
- Medidas para facer un seguimento dos avances e
axustar as accións en consecuencia,
sobre a base dos sistemas existentes, tales como o proceso de gobernanza para os plans nacionais dos
Estados membros en materia de enerxía e clima, os informes periódicos da
Axencia Europea de Medio Ambiente e os últimos datos científicos sobre o cambio
climático e as súas repercusións.
- Avaliación da Comisión Europea da coherencia das
medidas nacionais e da UE co obxectivo de neutralidade climática e a
traxectoria de 2030-2050. Isto levarase
a cabo non máis tarde de setembro de 2023, e posteriormente cada cinco anos.
Contexto
Nas súas Conclusións de 12 de decembro de 2019, o Consello
Europeo aprobou o obxectivo de lograr unha UE climaticamente neutra de aquí a
2050, en consonancia cos obxectivos do Acordo de París. Recoñeceu que era
preciso instaurar un marco facilitador e que a transición esixirá importantes
investimentos públicos e privados. Co acordo sobre o orzamento comunitario 21-27 e o
instrumento temporal de recuperación Next Generation EU, polo menos
un 30% do gasto total debe destinarse a proxectos relacionados co clima.
Posteriormente, o
catro de marzo de 2020, a Comisión Europea adoptou a súa proposta dunha Lei do
Clima Europea, que forma parte dun paquete máis amplo de medidas anunciadas na Comunicación
sobre o Pacto Verde Europeo, mediante a que se establece unha nova estratexia
de crecemento destinada a acadar ,
mediante unha transición xusta, unha economía con cero emisións, eficiente en
recursos e competitiva, que converta así a Europa no primeiro continente
climaticamente neutro de aquí ó ano 2050.
Segundo
a proposta inicial, a Comisión Europea presentaría en setembro de 2020 unha
avaliación de impacto coa finalidade de incrementar o obxectivo de redución das
emisións de gases de efecto invernadoiro da UE para 2030 ao 50% como mínimo e
cara o 55%, con respecto aos niveis de 1990, e proporía modificar a proposta en
consonancia. Esta avaliación sinalou que a redución nun 55% no só era
beneficiosa para acadar a neutralidade climática, senón viable, polo que o novo
obxectivo foi incluído na proposta revisada de Regulamento da Lei do Clima
Europea.
Próximos pasos
O acordo político acadado está aínda suxeito á
aprobación definitiva do Consello e do Parlamento Europeo, o que se prevé que
ocorra antes de que finalice en xuño a Presidencia portuguesa. O Regulamento da
Lei do Clima Europea será publicado no Diario Oficial da Unión Europea, entrando
posteriormente en vigor.
Ademais,
a máis tardar o 30 de xuño de 2021, a Comisión
Europea avaliará como deberá ser modificada a lexislación da UE pola que se
aplica o obxectivo para 2030 para que se poida lograr unha redución das
emisións do 50% ao 55% en comparación con 1990 e acadar o obxectivo de
neutralidade climática en 2050.
Máis información
- Proposta de Regulamento polo que se establece un marco para acadar a neutralidade climática e
se modifica o Regulamento 2018/1999 (Lei do Clima Europea)