Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/04/2021

UEproSaúde: unha visión común sobre o futuro da saúde en Europa

5319F_1619101356_21_04_22-UEproSa__de.jpg

  • Trátase do novo programa de saúde da UE para o período 21-27 e correspóndese coa ferramenta financeira que permitirá a consecución da Unión Europea da Saúde.
  • Contribuirá a reforzar a resiliencia dos sistemas sanitarios e a promover a innovación no sector da saúde, especialmente tras a crise sanitaria.

  • O seu orzamento de 5 100 millóns de euros convérteo no maior programa de saúde xamais executado en termos monetarios.

  • Será xestionado directamente pola Comisión Europea, a través da nova Axencia Executiva de Saúde e Dixital.


Bruxelas, 22 de abril do 2021- A saúde ocupa agora un lugar prioritario na axenda política europea, despois de que a pandemia demostrase que as poboacións saudables e o crecemento económico son interdependentes e se reforzan mutuamente. Nace así UEproSaúde (EU4Health), o cuarto programa de acción no ámbito da saúde da UE para o período 2021-2027, destinado a reforzar a resiliencia dos sistemas sanitarios e promover a innovación no sector da saúde. Tamén contribuirá de maneira significativa á recuperación posterior á COVID-19 mediante a mellora dos niveis de saúde da poboación europea así como da capacidade da UE para responder eficazmente a futuras crises sanitarias.


1- CARACTERÍSTICAS

1.a) Obxectivos

  • Mellorar e fomentar a saúde na UE.

  • Protexer á poboación da UE fronte ás ameazas transfronteirizas graves para a saúde.

  • Mellorar a dispoñibilidade dos medicamentos, os produtos sanitarios e os produtos pertinentes para as crises sanitarias, facéndoos máis accesibles e alcanzables.

  • Reforzar os sistemas sanitarios, o súa resiliencia e a eficiencia dos recursos.

1.b) Orzamento

A asignación orzamentaria de UEproSaúde será de 5 100 millóns de euros durante o período 2021-2027, sendo a maior dotación económica xamais outorgada a un programa de saúde na historia da UE. Para os próximos sete anos establecéronse unha serie de parámetros de gasto:

  • Promoción da saúde e a prevención de enfermidades (un mínimo do 20% do orzamento) Isto débese a que actualmente o 61% das mortes en Europa prodúcense por causas derivadas do consumo de alcol, tabaco, inactividade ou dieta desequilibrada, que son malos hábitos  previsibles. Ata o de agora, só se viña investindo un 2,8% en prevención.

  • Reserva de medicamentos e produtos médicos para garantir a subministración en tempos de crises (un máximo do 12,5%)

  • Apoiar compromisos globais e iniciativas internacionais de saúde (un máximo do 12,5%)

  • Gastos administrativos de saúde (un máximo do 8%)

O financiamento -en forma de subvencións, contratos públicos e premios- beneficiará a Estados membros, organizacións sanitarias e ONG. Abrirase a solicitudes xa en 2021.

Ademais, o programa terá que financiar actividades que respecten as esixencias e prioridades da Unión Europea en materia climática e medioambiental, contribuíndo a que se acade o obxectivo global de destinar polo menos o 30% do importe total do gasto do orzamento da UE e do instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU ó cumprimento dos obxectivos climáticos.

1.c) Execución

Principalmente, UEproSaúde será xestionado directamente pola Comisión a través da nova Axencia Executiva de Saúde e Dixital (HaDEA, polas súas siglas en inglés), que iniciou a súa actividade o 1 de abril de 2021 e que se encargará do despregamento e a xestión dos programas de traballo anuais. Existirá unha xestión indirecta de axencias da UE como a Axencia Europea de Medicamentos (EMA) ou o Centro Europeo para o Control de Enfermidades (ECDC) Espérase que as accións do programa melloren o traballo destas e doutras axencias, como o da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e a Axencia Europea de Substancias Químicas.

1.d) Programas de traballo

A Comisión Europea adoptará, mediante actos de execución, os programas de traballo anuais de UEproSaúde, nos que se indicarán as accións que deban emprenderse, incluída a asignación de recursos financeiros, así como as accións que se consideren subvencionables.

Para preparar os programas de traballo anuais e supervisar os resultados, establecerase un Grupo Directivo consultivo que reúne á Comisión Europea e ós Estados membros. Este Grupo Directivo será consultado sobre as prioridades anuais, contribuirá a garantir a coherencia e a complementariedade coas políticas de saúde dos Estados membros, fará un seguimento da posta en marcha de UEproSaúde e proporá os axustes precisos baseados nas súas avaliacións.

Así mesmo, a Comisión Europea ten que recoller anualmente a opinión das partes interesadas pertinentes (asociacións de pacientes, organizacións de profesionais sanitarios...) sobre as prioridades e orientacións estratéxicas de UEproSaúde e sobre as necesidades que deben abordarse a través das súas accións. A Comisión Europea tamén ten que informar anualmente ó Parlamento Europeo, antes de que finalicen os traballos preparatorios dos programas de traballo, sobre os avances de tales traballos e sobre os resultado das súas consultas coas partes interesadas.

Agárdase que o programa de traballo de 2021 lle de prioridade á preparación ante futuras crises sanitarias, á prevención de enfermidades, ós sistemas de saúde e a dixitalización, así como á loita contra o cancro como prioridade transversal.


2- SINERXÍAS CON OUTROS PROGRAMAS DA UE

Tamén se realizarán investimentos en saúde mediante outros programas da UE, que funcionarán de maneira complementaria con UEproSaúde:

  • O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que proporcionará apoio financeiro a gran escala ós investimentos e as reformas públicos nos Estados membros, alí onde as necesidades derivadas do impacto da crise sexan maiores.
  • O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para mellorar a infraestrutura sanitaria rexional.

  • O Fondo Social Europeo Plus (FSE+), para axudar ós grupos vulnerables a acceder a asistencia sanitaria. Cabe sinalar que a liña de saúde incluída na proposta deste programa foi integrada no novo programa de saúde.

  • InvestEU, para apoiar o investimento privado en saúde.

  • RescEU, no marco do Mecanismo de Protección Civil da UE, para proporcionar subministración médica de emerxencia.

  • O Programa Europa Dixital, que facilitará a infraestrutura dixital precisa para a creación de ferramentas sanitarias dixitais.


3-A UNION EUROPEA DA SAÚDE

UEproSaúde trátase da ferramenta financeira que permitirá a consecución da Unión Europea da Saúde, anunciada por Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, no seu discurso sobre o estado da Unión de 2020. Para a creación desta Unión Europea da Saúde, a Comisión Europea sacou á luz, en novembro de 2020, unha serie de propostas centradas na renovación do marco xurídico vixente co ánimo de fortalecer o marco de seguridade sanitaria da UE así como de reforzar a preparación fronte as crises e a capacidade de resposta das principais axencias da UE nesta materia (v.g. o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades e a Axencia Europea do Medicamento)

 

Máis información


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante