09/04/2021
Posta en marcha do Plan de Acción do Piar Europeo de Dereitos Sociais
• O Comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, e o vicepresidente executivo para unha Economía ao Servizo das Persoas, Valdis Dombrovskis, presentaron o Plan de Acción do Piar Europeo de Dereitos
• O plan esboza medidas concretas para a aplicación dos 20 principios e dereitos esenciais identificados en 2017 para fomentar mercados laborais e sistemas de protección social equitativos
• Ademais de establecer unha serie de accións que a Comisión se compromete a adoptar durante o mandato actual, o plan propón obxectivos concretos a acadar polos Estados membros en 2030 en materia de emprego, capacidades e protección social
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021. O Piar Europeo de Dereitos Sociais supón o compromiso da Unión Europea para responder aos desafíos económicos e sociais actuais e construír un modelo de crecemento inclusivo e sostible. Componse de 20 principios organizados baixo tres categorías: a igualdade de oportunidades e de acceso ao mercado de traballo, as condicións de traballo xustas e a protección e inclusión social.
A Comisión Europea presentou en marzo o
Plan de Acción do Piar Europeo de Dereitos Sociais, no que se esbozan medidas concretas para continuar aplicando os principios incluídos no piar. Ademais de establecer unha serie de accións que a Comisión se compromete a adoptar durante o seu mandato,
o plan propón obxectivos concretos a acadar polos Estados membros en 2030 en materia de emprego, capacidades e protección social.
A través deste Plan de Acción, a Unión Europea actualiza o seu código normativo no eido social para abordar as transformacións derivadas dos avances sociais, tecnolóxicos e económicos e as consecuencias socioeconómicas provocadas pola pandemia.
Entre os obxectivos marcados pola Unión Europea de aquí a 2030, o Plan establece que:
1) polo menos o 78% das persoas de entre 20 e 64 años deben ter emprego, polo que haberá que reducir a fenda de xénero, a taxa de mozas e mozos ninis e aumentar a provisión de educación infantil e atención á infancia;
2)
polo menos o 60% dos adultos deben participar en actividades de formación cada ano, como xa se recolle na
Axenda de Capacidades Europea publicada o pasado ano; e
3) que o número de persoas en risco de pobreza ou exclusión social debe reducirse en polo menos 15 millóns, dos que 5 millóns –como mínimo– terán que ser menores.
Atendendo aos indicadores propostos, os datos do
Cadro de indicadores de 2019 amosan que España presenta un maior rendemento en elementos como competencias dixitais (cun 57% fronte á media europea de 58%), satisfacción coa asistencia sanitaria recibida (tan só un 0,2% das persoas enquisadas reportaron non recibir o tratamento que consideraban necesario) e a alta escolarización de menores de tres anos en centros de educación formal (57,4% fronte á media de 35,5%). Ademais,
España foi seleccionada para participar no proxecto piloto da
Garantía Infantil que se vai poñer en marcha este ano en toda a UE. Porén, os indicadores tamén sinalan a necesidade de continuar destinando esforzos á redución das desigualdades (cun 5,94%, superior á media europea de 5.09%), o abandono escolar temperán (cunha taxa do 17,3%) e a porcentaxe de persoas desempregadas de longa duración (5,3% fronte á media do 2.5%).
De maneira complementaria ao Plan, a Comisión presenta tamén unha
Recomendación sobre un apoio activo eficaz para o emprego tras a crise da COVID-19 (
AAEE), co fin de sustentar unha recuperación capaz de xerar postos de traballo. Con esta recomendación, a Comisión propón centrarse en tres aspectos concretos: incentivos á contratación e apoio empresarial; mellora das capacidades profesionais e reciclaxe profesional; e maior apoio por parte dos servizos de emprego. Os fondos da UE, entre os que se inclúen o
Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e o Fondo Social Europeo Plus, estarán dispoñibles para axudar aos Estados membros a financiar as medidas AAEE.
Contexto
O Cumio Social de Oporto, que se celebrará os días 7 e 8 de maio, será o momento en que os líderes dos 27 Estados membros se comprometan con este novo plan de acción para reforzar a dimensión social de Europa no marco dunha recuperación xusta, inclusiva, resiliente, verde e dixital.
Antecedentes
O Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión proclamaron en 2017 o Piar Europeo de Dereitos Sociais, composto por 20 principios e dereitos esenciais para o xusto e correcto funcionamento dos mercados laborais e dos sistemas de protección social.
O Piar de dereitos sociais contará co apoio financeiro do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e de NextGenerationEU. O seguimento da súa aplicación, no marco do Semestre Europeo, guiará os esforzos conxuntos cara a unha Europa Social forte, inclusiva e sostible.