Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
15/03/2021
Bruxelas, 15 de marzo de 2021- A década pasada foi a máis cálida rexistrada, durante a cal o título do ano máis cálido superouse oito veces. Dado que o cambio climático está a ocorrer hoxe, a Comisión Europea, no marco do Pacto Verde Europeo, acaba de actualizar a Estratexia da UE sobre adaptación ao cambio climático co obxectivo de construír un mañá máis resistente. Esta nova estratexia achanda o camiño para acadar unha maior ambición en materia de resiliencia fronte ao cambio climático, pasando dunha maior conciencia e preocupación pública a unha acción colectiva en materia de adaptación. A Comisión quere involucrar a todas as partes interesadas e a todos os niveis de goberno co ánimo de mellorar a planificación a as medidas de adaptación ao cambio climático. A frecuencia e a gravidade dos extremos climáticos e meteorolóxicos, como incendios, secas ou furacáns, van en aumento ao igual que os acontecementos de aparición lenta como a desertización, a perda de biodiversidade ou a degradación das terras.
Unha adaptación máis intelixente, rápida e sistémica
As medidas de adaptación deben basearse en datos sólidos
e ferramentas de avaliación de riscos que estean á disposición de todos:
desde as familias que compran, constrúen e renovan vivendas ata as empresas de
rexións costeiras ou os agricultores que consideran que cultivar. Para logralo,
a estratexia propón medidas que impulsan a recompilación de máis e mellores
datos sobre os riscos e as perdas relacionados co clima.
A nova estratexia pretende mellorar e ampliar a Plataforma
Europea de Adaptación ao Clima (Climate- ADAPT), e mesmo
engadir un observatorio sanitario específico para mellorar o seguimento,
a análise e a prevención dos efectos do cambio climático na saúde.
O cambio climático ten repercusións en todos os niveis da sociedade e en todos os sectores da economía, polo que as medidas de adaptación deben ser sistémicas. A Comisión Europea seguirá incorporando consideracións de resiliencia fronte ao cambio climático en todos os ámbitos políticos pertinentes. Apoiará o desenvolvemento e a aplicación de estratexias e plans de adaptación con tres prioridades transversais: integrar a adaptación na política macro-orzamentaria, solucións baseadas na natureza para a adaptación e medidas locais de adaptación.
Intensificación da acción internacional
As políticas de adaptación ao cambio climático da UE
deben estar á altura do seu liderado mundial na mitigación do cambio climático.
O Acordo de París estableceu un obxectivo mundial en materia de adaptación e
destacou que a adaptación era un factor clave para o desenvolvemento sostible.
A UE promoverá enfoques subnacionais, nacionais e rexionais de adaptación,
centrándose especificamente en África e os pequenos Estados insulares en
desenvolvemento.
Aumentarase o apoio á
resiliencia e preparación internacionais fronte ao cambio climático
mediante a subministración de recursos, dando prioridade á acción e aumentando
a eficacia, reforzando o financiamento internacional e a través de compromisos
e intercambios mundiais en materia de adaptación. En paralelo, a UE tamén
traballará con socios internacionais para colmar a fenda no financiamento
internacional da loita contra o cambio climático.
Máis información
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante